Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Éxodo xuvenil

09:45 08/08/2008

A nosa Comunidade recibe cada ano un bo número de inmigrantes, se ben dentro do conxunto de España somos unha das comunidades de menor afluencia, tanto se o medimos en valores absolutos como relativos. A grande maioría dos que veñen son persoas con escasa cualificación que esperan atopar aquí unha oportunidade de traballo.

Cada vez vanse facendo máis visibles nas nosas cidades e pobos e van cambiando o rostro urbano, facendo así crible a idea que se veu instalando entre nós de que deixamos de ser ese país de emigrantes que a historia de forma contundente e inequívoca deixou claro.

Sendo en boa medida certo, diversos datos veñen poñendo ao descuberto, facéndoo cada vez máis visible, outro aspecto da nosa realidade que relativiza esa idea e que non tendo a importancia cuantitativa que o fenómeno da emigración tivo entre nós, se a ten, ao menos cualitativamente e, ademais, con grande transcendencia para o futuro.

Cara a Madrid e Barcelona

Dende fai xa anos - polo tanto non é un efecto da crise económica que estamos a atravesar neste momento- o % de novos cualificados que se ven obrigados a emigrar dentro do conxunto total de cidadáns e cidadás que se van traballar fóra de Galicia, representa o 65% dos 20.000 que anualmente optan por saír, entre os anos 2001-2006 (Véxase La Voz de Galicia, 31 de xullo de 2008). Estamos a falar, pois, de novos que forman parte das xeracións mellor formadas. Éxodo de man de obra cualificada que se produce, principalmente, a Madrid e Barcelona. Atopan alí a oportunidade que aquí non teñen, ou maior expectativa.

Segundo datos da Encuesta Anual de Costes Laborais (INE), en 2007, o custo neto por traballador que tivo que pagar o empresario en España foi de 27.406 €; en Galicia, 4.000 € menos que a media (23.598,5 aquí) pero esta diferenza increméntase notablemente se comparamos o custo na nosa Comunidade con Barcelona e Madrid que chega ata os 10.000 € de diferenza, é dicir, ¡ sobre un 40% menos aquí ¡.

É necesario analizar qué outros factores poden influír para que se produza este éxodo, dando por suposto o salarial. É frecuente escoitar as queixas do alumnado en prácticas ou con bolsas de empresa de que, con regularidade, teñen que realizar labores rutineiros que non esixen cualificación e que nada teñen que ver coas tarefas propias polas cales se xustifica o o seu contrato en prácticas.

Cuestións de aprendizaxe, autorrealización ou expectativas poden ter a súa influencia. Ou simplemente buscan unha oportunidade que, como diría Marx, lles permita ser o menos hostís cara ao que fan, para selo menos cun mesmo.

En calquera caso atopámonos ante un fenómeno de extraordinaria importancia sobre o que haberemos de tomar a conciencia necesaria pois o que máis riqueza xera nunha sociedade, no presente e no futuro, é a súa capacidade para manter o seu capital humano.

4,48/5 (25 votos)


Comentarios (6)

ecoe #1 8/Agosto/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Será que a DEPENDENCIA POLÍTICO-ECONÓMICA, esto é, a incardinación da GZ no €€ xenera os postos de traballo FÓRA da GZ?

Carballo #2 9/Agosto/2008 Carballo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Interesante artigo e alégrome ver que o escribiu un profesor da UDC. Promocionar un Foro Europeo de Emprego por parte da Universidade da Coruña, como o que está previsto para os días 6 e 7 de novembro no Campus de Elviña é xusto o contrario dun intento de manter o capital humano na nosa terra. Paréceme un erro este Foro.

perezgulin #3 11/Agosto/2008 perezgulin
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Debo entonar un "mea culpa" pola mocidade xa que non todo o problema está no sistema ou as estruturas senon que moito temos que ver coas nosas decisións.

A educación formal nos aporta coñecementos pero nos debemos procurarnos o entrenamento das nosas habilidades para convertir eses coñecementos en capacidades. Se nos quedamos no coñecemento a é normal que non sexamos quen de procurarnos alternativas propias nun país cheo de oportunidades e que finalmente teñamos que recurrir ao mercado laboral optando pola mellor remuneración para ese coñecemento acumulado.

Xa non estamos a falar daquela emigración que te metía 19 días nun barco para, en moitos casoso, non regresar máis. Agora, ás primeiras de cambio emigramos a 1 hora de avión da casa sen nos esforzar por buscar unha alternativa propia para crear riqueza no país. Antes a emigración era a última opción despois de moito loitar por quedar, agora parece a primeira.

Damch #4 11/Agosto/2008 Damch
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A consigna é "Nom emigres, loita!!"

bertus #5 11/Agosto/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Vai sendo hora de ter unha clase política digna do pobo de Galicia.

ANGR #6 12/Agosto/2008 ANGR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois talvez isto que descreve o professor Rego se deva à situação de dependência e de terceiro mundo que caracteriza à economia galega. Talvez fizera falta uma politica de desenvolvimento económico auto-centrado para sair desta situação de dependência e não ficar contentes com o pseudo-desenvolvimento imposto polas "razões de estado" (espanhol) que, a sua vez, não são mais do que receitas de subdesenvolvimento. Tecido industrial próprio, industrialização ao serviço da força laboral e não ao revés... em fim, todas essas cousas que dissera o Beiras há já bem tempo, mas que semelham não terem sido escutadas na Academia.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: