Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

¿Pasa a xuventude?

10:05 28/02/2009

Os resultados das eleccións do próximo domingo día 1 de marzo poden presentar - se as enquisas non se equivocan nas tendencias- uns datos moi interesantes dende o punto de vista do estudo do comportamento electoral.

Dos moitos aspectos que haberá que analizar - repítase bi-goberno ou non- un deles require especial atención: o voto dos mozos. Non será a primeira vez, dende logo, que atrae a atención, nin é en todo caso, un problema da nosa comunidade, nin sequera de España, senón de case todos os países. do noso ámbito. Hai centos de estudos realizados sobre os mozos dende multitude de perspectivas.

Os/as mozo/as - en xeral- participan menos que outros grupos de idade nos procesos electorais o que non quere dicir que participen menos en política - en realidade fano máis que outros grupos. Pero votan nunha porcentaxe bastante menor.

O apoio que foi obtendo o BNG dende principios da década dos 90, entre outros factores, atribuíuse ao incremento constante do apoio dos/as mozos/as. Ao voto preferente a ese partido a medida que se ían incorporando novos votantes. As dúas vitorias que obtivo Zapatero explicouse, tamén, porque se produciría unha amplía mobilización dos mozos e a obtención de importantes bolsas de votantes recén incorporados. En definitiva o voto dos mozos, se non inclina a balanza de forma decisiva si, en ocasións, resulta o seu apoio imprescindible.

¿Reformular a política de xuventude?
Algunhas enquisas auguran unha menor participación do voto novo e iso pode ir en detrimento dos partidos de esquerda, especialmente do BNG, aínda que poida suplir a perda con outros votos, por exemplo, da terceira idade. Se finalmente, o resultado das eleccións do 1-M confirmase esta tendencia á baixa do voto novo á esquerda e en particular ao BNG. ¿Habería que reformularse todo a política que se realizou dende o bipartito facía os mozos?. Mil argumentos utilízanse para explicar as taxas baixas de participación dos mozos (incluíndo ás veces o seu sentido antisistema, din algúns- pero o certo é o pouco éxito que se ten para implicalos na política electoral. En ocasións recórrese a poñer en cargos de responsabilidade orgánicos e institucionais a novos. Certo que algúns axiña adoptan as maneiras e formas dos adultos. Quizais o mecanismo de selección deses mozos sexa como o dos adultos. E o resto sexa consecuencia da transformación que a moitos lle produce o exercicio do poder.

Unha sociedade como a nosa cunha taxa de avellantamento tan elevada e tan escaso número de nov@s ten a obriga de facer todo o esforzo necesario para implicalos/as nas decisións políticas e facelos participes delas, incluíndo as eleccións. Esta baixa participación non é exclusiva dos procesos electorais; na Universidade acontece algo similar e eu tampouco teño máis éxito cos meus alumnos/ás do que teñen os políticos. Pero é un problema que non podemos seguir deixando pasar como se nada. É o futuro. O futuro de Galicia.

4.19/5 (16 votos)



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións