Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Pleno emprego, subempleo e precariedade

19:50 06/09/2007

Conseguir pleno emprego segue sendo un dos principais obxectivos de todos os gobernos, sexan da cor que sexan e expoñen as cifras do paro - cando descenden- como un dos seus principais logros polo que haberemos de avaliar a súa acción de goberno.

Con todo, as cifras de ocupación e paro esconden realidades individuais e sociais moi diversas. O concepto de pleno emprego utilizado hoxe ou hai trinta anos oculta o cambio que se está producindo de modelo laboral: antes facía referencia a taxas de paro inferiores ao 5% e a un emprego estable, a unha xornada laboral de 35-40 h semanais durante todo o ano, a un compromiso do empresario con traballos ben definidos dos traballadores, a un nivel estándar de remuneración, opcións de formación, vacacións pagas e beneficios sociais.

Agora fai referencia a todo tipo de emprego; na EPA (Enquisa de Poboación Activa) considérase “persoa ocupada asalariada” a aquela que “durante a semana de referencia traballe, ata de forma esporádica ou ocasional, polo menos unha hora a cambio dun soldo, salario ou outra forma de retribución en metálico ou en especie”. U. Beck, sinalou que se crea moito emprego “descontinuo, impreciso e informal” dando lugar a unha zona gris no que as diferenzas entre emprego e paro se difuminan. Ademais de carecer de status social, produce perda de autoestima, crea autoculpabilidade, cando non illamento social

Sobre o carácter temporal e precario de moitos traballos chamaron os sindicatos a atención continuamente. España ten unhas taxas de temporalidade superiores á maioría dos países da nosa contorna. Nos últimos anos, ademais de ir baixando as cifras do paro, foise reducindo esa taxa de temporalidade, aínda así moi elevada.

En Galicia, o novo Goberno bipartito da Xunta puido ir presentando un balance positivo: Diminución do paro -en particular o das mulleres, aínda que siga sendo superior-, redución das taxas de temporalidade, etc, pero hai algúns datos que chaman a atención.

Mozo asalariado no sector público
O desemprego xuvenil nestes dous anos seguiu diminuíndo e aumentando a ocupación, reduciuse, tamén, a taxa de temporalidade, pero, isto aconteceu, fundamentalmente, a conta do emprego no sector privado (potenciado con medidas de promoción pública) e isto é unha boa noticia pero chama a atención que, tendo aumentado os asalariados, de 16 a 34 anos nuns 33.000, a diferenza de asalariados no sector público, de 16 a 34 anos con respecto a fai dous anos (EPA, II Trimestre, 2005, EPA, II Trimestre, 2007-IGE),- se os datos son correctos- só creceu en 100. Seguramente saíron uns e entraron outros, pero o computo global para ese período é practicamente igual. Asalariados mozos no sector público son, segundo eses datos, o mesmo número que hai dous anos cando gobernaba o PP.

Isto non é así, se falamos de asalariados de 35 e máis anos, no sector público, traballan 15.000 máis que hai dous anos. É dicir, o emprego no sector público creceu, pero non nas idades de 16 a 34. Porqué sucede isto así?. É máis, pensaba que o novo goberno ao desenvolver e impulsar políticas mediambientales, a sociedade da información, a política social, etc, dalgunha forma habería de necesitar para a súa implementación técnicos e profesionais, unha boa parte dos cales haberían de ser novos de arredor dos trinta anos, ben formados con especialidades e masters diversos e isto iríase traducindo nun aumento do emprego público, tamén, nesas idades. Pero, de momento non foi así. Haberá que analizar con detemento este fenómeno que volveremos comentar nunha nova ocasión.

3.08/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións