Aguiño é un dos moitos lugares fermosos que temos na nosa costa, roza o Parque Natural de Corrubedo e ten unha paisaxe pouco corrente en Galicia. Se un se sitúa na parte costeira que vai do peirao a Punta Couso, sorprenderase ao atopar unha paisaxe de arrecifes, coa Illa de Salvora, a uns poucos centos de metros, que parece transportarnos a outras latitudes.
É xusto nese espazo onde esta previsto situar a macrodepudradora á que os veciños e a Asociación Sagres se opoñen (co apoio de ADEGA e ADENA) . Veciños que, no seu día, se mobilizaron para frear a marea negra do Prestige que, xunto cos mariñeiros do Grove e dos demais pobos pesqueiros da Ría de Arousa, levounos a construír aquela barrrera, cos seus barcos e apeiros, que simbolizou a acción decidida da cidadania fronte á ineficacia da Administración e cuxas imaxes foron difundidas por algunhas televisións.
Agora, a Consellería de Medio Ambiente, en Penisqueira, xunto a Punta Couso,-zona que fora protexida polo Ministerio de Medio Ambiente para reducir o impacto do chapapote- decide construír a EDAR. Xusto a uns poucos centos de metros onde o Ministerio de Medio Ambiente acaba de mercar a Illa de Salvora.
Un agasallo envelenado? do alcalde do PP
Os veciños están a favor da depuración das augas residuais (Depurar si, pero non así), pero queren minimizar o seu impacto (defenden outro modelo de pequenas depuradoras) e cuestionan o lugar escollido. As principais razóns pola que se decide esa localización, das catro que propón o “Anexo nº 3: Estudo de Alternativas” (pódese baixar de internet e é de 5 folios), é que os terreos son municipais e non necesitan expropiarse e, ademais, non se prevé rexeitamento social; nas outras alternativas, si, segundo fan constar na memoria. Nin unha soa palabra sobre efectos ambientais, en ningunha das alternativas; unicamente a referencia aos malos cheiros que poida producir.
Os terreos, proponos e cédeos o Concello, gobernado polo PP e a Consellería de Medio Ambiente dá o visto e prace, sen entrar noutras cuestións. Fai uns días, despoís de varios meses de espera, e da mobilización dos veciños de Aguiño e da Asociación Sagres – á que non convidaron a asistir nin como testemuña- o conselleiro reuniuse cos representantes dos partidos políticos no Concello e concedeu un prazo ao alcalde para que propoña outro lugar alternativo.
Excepcional valor ambiental
O lugar no que se pretende situar é de excepcional valor ambiental, a 250 metros de zona declarada de Interese Comunitario en 1997, a 500 metros do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Está previsto que sexa declarada (pendente de firma, nada máis), polo Convenio de Protección do Atlántico Nordeste, en “Área Mariña Protexida”; os arrecifes rochosos mergullados son de interese comunitario; non respecta os límites legais de distancia mínima de 2000 metros a núcleos habitados de poboación; o emisario, de só 250 metros- dentro dunha enseada- verterá as augas (industriais e urbanas, que deberían ir separadas) en profundidades de tan só 4 metros, e non leva a augas profundas, nunha importante zona de bancos marisqueiros e pesqueiros, de percebe, polbo e sementes para as bateas de toda a ría.
Estamos perante dunha das zonas de maior valor mediambiental de Galicia, as Illas Atlánticas e o Parque Natural de Corrubedo, nas que xunto ca prevista macrodepuradora se quere cercar con duas piscifactorias. A consellería ten elaborado un anteproxecto para esixir ás instalacións industriais e ás infraestruturas que se vaian proxectar no futuro un informe de impacto sobre a contorna para evitar que afecten a especies endémicas ou poñan en perigro zonas de especial valor natural á vez que considera imprescindible contar coa participación cidadán.
Para que tanta retórica, se nunha das zonas de Galicia que conta con máis figuras de protección medioambiental, a consellería, para a instalación dá EDAR (de preto de 100€ de custo), non cre necesario realizar unha Avaliación de Impacto Medioambiental nin Avaliación Estrátexica de Sostenibilidade como piden a Asociación Sagres, ADEGA e ADENA.? Que modelos de depuradoras quere implantar no territorio?. Dá igual, cal sexa o territorio?.
É a súa obriga crear as infraestruturas e os equipamentos necesarios para procurar o saneamento da ría pero é, tamén, a súa obriga, facelo compatible coa preservación das zonas de interese ambiental. Por que non intentar facer as cosas ben, agora, que se pode?. Haberá que esperar a que a fagan e despois convertela noutra REGANOSA?
E así é como asistimos, máis unha vez, ao desprezo das teses da democracia e xustiza ambiental no noso país. A este ritmo, bótolle que será ao cabo de dez anos cando os gobernos comecen a levarse as mans á cabeza; en 50, quizais, empece a importarlles.
Saúde e Galiza ceibe! (de irresponsabilidades)
Hai que lembrar que o lugar conta coa maior das figuras de protección, foi declarado "lugar protexido polos veciños de Aguiño", penso que con esa determinación será suficiente xa que de nada vale confiar na administración e as súas proteccións
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.