Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Algunha lección a partir do Prestige?

09:15 13/11/2007

Durante estes días estanse producindo diversos actos que conmemoran aquela catástrofe que se derivou do accidente do Prestige e que convulsionou, como poucas veces, a sociedade galega. Moitos destes actos están protagonizados polos principais dirixentes que hoxe nos gobernan e os seus partidos (PSOE e BNG).

Ninguén pon en dúbida o papel importante que xogaron estes dous partidos xunto con outros que non teñen representación parlamentaria. Foron relevantes catalizadores do sentimento cidadán de indignación e da resposta da sociedade a esta agresión ecolóxica e social á que a política oficial (entón representada polo PP) non só se evidenciou limitada para previr á sociedade destes riscos senón ineficaz para abordar a crise.

A reiteración deste tipo de "accidentes" fronte ás nosas costas, que foi poñendo, un tras outro, en evidencia a incapacidade da política para evitar estes riscos e intervir eficazmente ante as súas consecuencias, sensibilizou á opinión pública sobre as consecuencias negativas -a outra cara da moeda- do progreso técnico e da modernización, ao ver como acontecementos deste tipo non só poden ameazar as súas costas e os modos tradicionais de vida, senón a saúde, o benestar e a súa propia existencia.

Hai un recoñecemento xeral entre os principais dirixentes do PP galego que a “crise do Prestige” contribuíu, de xeito singular, á súa pérdida do goberno da Xunta dando lugar a outro novo, de coalición, cuxos partidos e dirixentes acadaran un importante protagonismo nas mobilizacións cidadás que se produciron contra a xestión da crise.

Equivocaríanse, ao meu xuízo, se, agora que forman goberno PSOE e BNG , non fosen consecuentes co papel que desempeñaron durante a crise do Prestige. 1.- Establecendo os mecanismos necesarios para evitar riscos no futuro e para xestionar posibles crises 2.- Evitando contrastes entre quen produce as definicións do risco e xestiónanas (goberno) e quen as consomen (cidadáns).

Contrastes e intereses enfrontados

Contrastes,- algúns dos cales xa se están poñendo de manifesto- entre comunidades que  se senten ameazadas e o goberno da Xunta, os grandes partidos e intereses predominantes dentro da sociedade. Representantes desas comunidades e colectivos estaban presentes na manifestación do domingo, día 5, en Corrubedo, cuestionando o modelo de macrodepuradora que se quere instalar en Aguiño, ou contra as piscifactorías previstas esixindo o cumprimento rigoroso dos principios da sustentabilidade e a participación das comunidades afectadas no proceso, etc.

Algúns destes problemas aínda se poden solucionar. Outros, como o de Reganosa, parecen  de difícil solución. Desde o punto de vista da comunidade afectada, se cumpre a legalidade vixente -segundo noticia aparecida recientemente-, os veciños entenderán, con razón, que a definición de riscos establecida legalmente non os protexe.

A confianza depositada neste goberno, e nos seus partidos, PSOE e BNG, non se debe a que os cidadáns os consideren mais ilustrados que ao goberno anterior e ao PP, senón porque os consideran máis comprometidos cos problemas dos cidadáns e, en particular, con maior sensibilidade á deterioración ambiental que produce a acción do home e os riscos que leva.

A unidade que existía entre progreso técnico e social rompeuse. Moitas actuacións modernizadoras teñen efectos negativos, sociais e ecolóxicos. O goberno actual haberá de diferenciarse claramente neste aspecto dos que o precederon e xa que estes días alaban á sociedade polo seu papel activo e o seu protagonismo na “crise do Prestige”, podían, tamén, escoitala e facela partícipe nas decisións, e  demostrar, non só, que cumpren rigorosamente a lexislación vixente,  senón que ata poden mellorala.

4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións