Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Non é relixión, é política

11:31 05/07/2007

Resulta cando menos rechamante que na súa diatriba contra a materia de Educación para a Cidadanía a Conferencia Episcopal argumente que dita materia atenta contra un dereito fundamental como a liberdade de conciencia, eles que historicamente a combateron no noso país coa Inquisición e apoiando calquera forma de goberno autoritario.

Como ocorre noutros casos, utilizan os principios democráticos para combater á propia democracia e fano, aínda, como unha organización que mantén enormes privilexios, financiada polo Estado e que non cumpre ningún dos requisitos mínimos, que o politólogo Dahl sinalaba, para poder ser considerada unha organización democrática.

Fóra dun pequeno lapsus, nos anos sesenta, nos que a Igrexa Católica ábrese aos grupos oprimidos, á clase obreira e ás relixións non occidentais, e a pesares da existencia de importantes grupos de base comprometidos cas problemáticas sociais, a xerarquía católica estivo sempre cos poderosos. Na actualidade, segue o ronsel dos grupos protestantes fundamentalistas que están na base do apoio á elección de Ronald Reagan, en 1981, e logo dos Bush (pai e fillo). As crenzas destes grupos están nuns folletos publicados a principios do século XX que levan por título The Fundamentals. A Testimony of Truth, que defenden a infabilidade e literalidade da Biblia, e terá seu correlato no xudaísmo e no islamismo.

Aínda que eso sexa de bobos como afirmou un importante cabalista actual, teñen unha ampla base social en EEUU e intentan imporse con todos os medios ao seu alcance, legais e ilegais. Desde pór bombas ás portas de clínicas que realizan abortos ata promovendo leis, como no Estado de Luisiana, que conseguiron impor a teoría creacionista no ensino, ainda que posteriormente fose invalidada polo Tribunal Supremo de Estados Unidos. Para algúns estudiosos estes movementos evanxelistas nútrense de dúas fontes: a ameaza da globalización e a crise do patriarcalismo.

A foto das Azores
Fronte a algúns que quixeran interpretar estes movementos como un renacer da relixión, non é máis que unha instrumentalización da relixión pola política ao servizo do sistema de poder que se quere instaurar a nivel mundial e que algúns quixeron presentar como un choque de civilizacións, a partir do fundamentalismo islámico (a yihad), que se nutre das reaccións á política antioccidental. O fundamentalismo cristián é utilizado para lexitimar a nova orde internacional que quere establecer Estados Unidos.

As conexións de Aznar e a FAES cos neocon norteamericanos, igual que aquela foto das Azores, expresa a conivencia e submisión dunha boa parte da dereita española ao poder americano, pero, ademais, inspíranse nas estratexias internas destes, nas que figura a instrumentalización da relixión tal como prodúcese en EE.UU., e á que a xerarquía católica préstase dócilmente como táboa de salvación nunha situación de crise profunda pola que atravesa a propia institución: crise de recursos humanos (escaseza de curas e monxas e de idade moi avanzada) que teñen que importalos de sudamérica e Africa; millóns de cidadáns inscritos como católicos cando non tiñamos uso de razón pero que apenas cumprimos cos ritos e o que lles resulta peor, dámoslle as costas ás súas doutrinas -defendemos o uso de anticonceptivos, a igualdade da muller, o divorcio, etc.- nas nosas vidas cotiás.

Só unha minoría, moi ruidosa, iso si, que conta con poderes mediáticos importantes, séguelles o xogo. Suficiente, para sacar rédito político presentándoo como un conflito de valores e unha guerra cultural. A longo prazo, pode, que a máis prexudicada sexa a propia Igrexa, pero o goberno debería, dunha vez por todas, deixar de financiala con cargo aos presupostos xerais (modificar o Concordato de 1979) e de manter os seus privilexios.

4.26/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións