Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Sama... que?

11:12 16/11/2009

As primeiras persoas que inventaron a festa do Samaín, ou sexa, Samhain (alguén se ofrece a pronuncialo en gaélico?), fixérono seguramente coa mellor intención ao se decataren por libro de que certa similitude entre o noso comezo de novembro e o que queda de folclore en Irlanda era máis ca casual.

Ninguén ten a exclusiva da tradición, idea volátil coma ela soa. Hai mil quiñentos anos apareceron por acó uns señores rarísimos, monoteístas, empeñados en que a auga das fontes, lonxe de curar, era un terminal satánico (Deus e o Demo estaban en todos os sitios) do que cumpría gardarse. Pouco despois decidiron que un Apóstolo sen cabeza levaba séculos enterrado en Iria. Foilles moi ben. No das fontes demoníacas, a verdade, tiveron menos éxito.

    Por Defuntos a xente ármase de lixivia e flores. Vai ao cemiterio e lava as lápidas familiares ata que quedan branco nuclear. Creo que foi Marcial Gondar no imprescindible Romeiros do Alén quen recolleu testemuños dunha tradición perdida hai só décadas, a de utilizar velas –flores non- para conmemorar os mortos. Pero rosas e crisantemos xa parecen de sempre, coma A Rianxeira, e se cadra dentro de cincuenta anos iso que chaman Samaín, así, con til no i, culmina a esixencia dunha tradición acorde co capitalismo serodio.

Así que estaría a tradición popular, cousa de aparencia pobre, proteica e vital coma unha tortilla de Cacheiras, e despois a tradición internacionalmente recoñecida, de tintura irlandesa (neste caso) e codia homologada polos Estados Unidos. A tal fórmula parece máis admisible aos mesmos rapaces secretamente acomplexados de naceren nunha familia na que, un supoñer, a avoa fura cabazas e bota aspiracións faringais desde os Ancares ata Fisterra.

Os pobos colonizados reproducen a dependencia sen se dar moita conta, ás veces incluso cando tratan de ceibarse dela mediante símbolos. E cren estar proxectando a súa imaxe aínda que dentro do espello soñado, coma na televisión, viva un poltergeist (en galego trasno). O espello ten que ser caro, figurar no Canon Universal dos Espellos. Despois dinse con alivio: “Velaí tes. Eu era ese Outro”. Élles un Outro de calidade (histórica, cultural, lingüística...) contrastada, unha imaxe que vén de lonxe. Porque cerca está o real: que horror. O Canon Universal ordena hoxe tirar rendemento das vellas identidades, para adquisición e gozo do turista. Pouco estraña daquela que o invento do Samaín (sic) acabe converténdose en folclore.

3,43/5 (60 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións