Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Traballar para o inimigo

10:00 26/03/2009

Ducias de análises postelectorais converxen, como arremuíña a auga polo ollo do fregadoiro abaixo, na eiva de carecermos de medios para espallar un punto de vista nacional e, digámolo modestamente, progresista. Por iso a quen levamos moito máis tempo laiándonos tanto nos abraiara o discurso que pronunciou o Vicepresidente (2007) na entrega do premio “Grelo de Ouro” a Santiago Rey e á empresa La Voz de Galicia.

Lembramos Augusto Assía acusando os “grupúsculos pseudorrevolucionarios” de queimar o monte; lembramos o enxeño de Carlos Luís Rodríguez bater no nacionalismo, nos sindicatos e na normalización cultural con relixiosa puntualidade. ¿E logo a cobertura que deu La Voz –corría 1987- á maior manifestación da Historia en prol do idioma? Cómpre recoñecer que o titular, de tan cínico, bordaba a brillantez: “Veinte mil gallegos se manifiestan en defensa de su lengua”. A batalla contra a esquerda nacionalista é unha sección fixa nese periódico.

Realmente lían La Voz de Galicia boa parte de quen simpatizaba co PSOE –que tan confortable viviu á súa sombra- e co BNG. Toleráronllo todo: que censurase e fixese marchar a Manuel Rivas; que recibise centos de miles de euros de subvención por (non) usar o idioma; que forzase a saída de Pepe Carreiro. Mais aparece Galicia Hoxe e cálcaselle o de “progubernamental”, rexeitándoo no quiosco coa mesma tranquilidade con que pedían a ración diaria de chapuzas gallegas. Mentres esixíamos todo a calquera novidade, cumpríamos o rito de mercar a prensa hostil.

Si, lévanse esfarelado un monte de ilusións (Diario de Galicia, Diario16 de Galicia, Edicións de Referencia, periódicos locais… aínda ben que existe A Peneira). Así que non se trata de que o votante nacionalista sexa inxenuo e se deixase influenciar, é que hai moi poucas semanas que o aparato do Bloque sinalou o xornalismo que levaba vinte anos insultándoo.

Explicar o retorno do PP esixe un longo debate sobre a política de información. En La Voz de Galicia non collen Belén Regueira nin Antón Losada, pero A Nosa Terra paga cunha curiosa concepción da apertura social: brinda espazo a Baltar Jr. -e ao conselleiro do Prestige- ao tempo que pechan a porta a quen ouse criticar pola esquerda.

Miles de votantes que compareceron en 2005 e se abstiveron en 2009 soñárano. Tumbar o PP contribuiría a que a prensa hexemónica non engordase máis con diñeiro público, gozando por fin das regras dese libre mercado que tan profundamente ama. Abondaba democratizar a billa da subvención e preservar do lucro a publicidade institucional.

Especularon co patrimonio da nación –o político, o ético-, quixeron negociar coa Besta e a Besta respondeu como mellor sabe. Papándoos. Non é só cuestión de nomes; houbo unha maneira de concibir e de levar á práctica o poder que perdeu desde o intre en que aceptaba as cartas para ese xogo.

4.51/5 (63 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións