Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

O amor perdura, o odio engorda

11:18 22/12/2009

En Belén era a estreliña. Aquí o que sinala boas novas é a florescencia, tipo conxuración do cogordo, de xornalistas e opinadores do Réxime. Xa o advertira John Kennedy Toole. Na hora feliz en que Manuel Rivas, un grande da literatura contemporánea, reforza a máxima institución da lingua ante catorcentas persoas, outros chocan de calcañar, colgan o teléfono e poñen mans ao teclado.

Son unha milicia de xenealoxía triste. Estaban aí cando o Rexurdimento, alongando o dedo colonial para rexouba dos señoritos de casino; déronlles páxina par os periódicos financiados pola burguesía –a que se enriquecera exportando carne humana- e largaron contra A Nosa Terra a súa ironía de café con polvorón; ríronse pouco despois de quen pretendía traducir filosofía ao galego. Mentres, as portadas deses mesmos periódicos foron ignorando un por un os nomes imprescindibles da nosa cultura. Non sendo para anunciar que morren.

    A noticia positiva da literatura galega nunca obtén o espazo de privilexio que merece ese tipo de nova en calquera país: nin a comparecencia de ducias de autoras nas feiras internacionais do libro, nin a aclamación europea de Os libros arden mal, nin a presenza de Xabier P. Docampo xunto a Michael Ende ou Saint-Exupéry nunha histórica antoloxía desprazan da foto a presentación en sociedade do último dicionario castelán. En cambio, a posibilidade de que Méndez Ferrín presida mañá a Academia fixo saltar os morcegos.

    Teñen medo do xenio individual e teñen aínda máis medo dunha marea colectiva que tardaba en producirse, a da unidade pola supervivencia. Sería difícil dicilo mellor ca Xosé M. Pereiro en El País: aqueles que viron natural que certo ex-ministro con Franco puidese sequera participar nunhas eleccións engraxan a artillaría se un marxista partidario da República –da nosa– cruza como presidente a porta da rúa Tabernas.

    Agás no aspecto económico –na relación calidade/prezo ninguén gaña coma eles– son unha elite de cartón. Mudaron o moi respectable destino de novelista local, con boleto para unha fin de semana na corte madrileña, polo de fustrigante melancólico á espera de consigna -achegádevos ao excelente fresco que sobre eles traza Antón Dobao no seu blog.

Pero, ai, a especie que antano ridiculizaba Rosalía coñece hoxe o final do conto: nada ha quedar da súa mexadiña diaria, da asinatura que engorda calando todo prodixio e supura carraxe -así ocorreu tras a manifestación a prol do idioma- ao sentir a voz da multitude. Agradecemos logo que a compulsión chegue puntual. Se alguén andaba distraído, os necios sinalaron no mapa da Historia a cita de xenerosidade e brillantez que acolleu A Coruña este 12 de decembro. Parabéns ao novo académico, parabéns á nosa Academia.
   

4.55/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións