Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Xestión e billar

09:30 30/04/2009

O PP nomea conselleiros e din que choven xestores. Enteirámonos de que un deles foi da Falange “pero xa o deixou”, aclaran. O Presidente pídese os discursos, as flores para os mortos (para cando un recoñecemento institucional da agonía?) e o sorriso integrador. Mentres os xestores, e as xestoras, cravuñan a gadaña.

Xestión

    No tempo de Franco chamábanse tecnócratas. A prensa alegrábase. Eran moi serios e tiñan solucións onde o ministro franquista puro erguía o brazo compulsivamente. Tampouco non é que os tecnócratas non fosen franquistas de todo, pero tiñan técnica. Na Restauración comezou a Era dos Xestores, con Jesús Gil de abandeirado: un empresario audaz, un creador de riqueza sen ideoloxías desas que distraen. Hoxe son Berlusconi e Agustín Hernández os que decidiron sacrificarse polo sector público.

En tempo de crise a xestión é un acto desapaixonado, unha habilidade case mecánica para producir benestar rexional e mundial. “Que fago con estes millóns, xefe?”. “Eu queee sei!”, di o xestor, coa palma da man estendida, un pouco por encima da cabeza, medio exasperadamente. “Xestiónaos, ou?”, dille, “non estarás esperando que teña unha idea!”.

Billar

Na sala de xestión rematan o debate técnico sobre benestar. Pasa un anxo cómplice. O consello volve os ollos á biblioteca de luxo. Alí está o dispositivo secreto, tipo castelo inglés. O Presidente ergue da cátedra, empuxa a obra de Fraga Iribarne Sociedad y valores e un portón xira pesadamente sobre os seus gonzos. Os xestores baixan con rumor solemne as escaleiras escuras. Revoan arañeiras no teito; a anterior Xunta non o usaba pero tampouco quixo desactivalo, non fora ser.

Porque abaixo está o Soto da Ideoloxía. Mobles e efectos que lembran o enxoval do Pazo de Meirás, minibar caoba, larga mesa con atril e ao fondo –a sala ten dimensión cumprida- un tapete verde de billar francés. O aire tremeluce. Ninguén toma a palabra ata que o mandatario ordena sentar ao grupo e abrir os cadernos.

A primeira moción é sinxela: cómpre exasperar o soberanismo. A bóla branca parece moverse enmeigada, lentamente, en liña recta sobre o suave pano. Temos boa infantaría, mellor que comecen provocando persoas sen notoriedade. O ambiente debe ferver antes das eleccións xerais -traducimos do español-. “E que farán os nosos homes na Santa Embaixada?”

“Nada novo”, di o xefe, “poñeranse do noso lado contra a violencia e a chantaxe sindical nas rúas, que impiden ao cidadán exercer os seus dereitos”. As bólas baten secamente. “Entón denunciamos a política municipal do PSOE.” Todos apuntan: pacto, diálogo, Estatuto conciliador. Promover novos valores, xente moza. A cultura galega quedou resesa. “E caerán?”. Alguén serve dous dediños de Glennfiddich e sorrí con retranca ao lonxe. “Xa o din os periódicos: un goberno de perfil técnico. Os da ideoloxía son eles”. Disolvida por un resorte oculto, a xuntanza levántase e departe cara á mesa de xogo. Un aplique asmático debuxa con sombras a maqueta da Cidade do Gaiás.

4.74/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións