Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Cataluña: o antes e o despois

11:30 29/11/2009

Un adolescente, ben pode ser o que isto vos escribe, ve pola televisión como entrevistan a Josep Tarradellas, o petrucio que se encargara de teatralizar desde o balcón do Palau da Generalitat a integración do catalanismo na nova monarquía: Ciutadans de Catalunya: ja sóc aquí!

O adolescente mira a tele e non entende moita reflexión que fai Tarradellas porque lle faltan balizas históricas. Tampouco sabe que o seu país nunca coñecería xestos similares porque Ramón Piñeiro e outros se encargaron de sabotar algo coma unha Xunta no exilio. O que de veras abraia ao rapaz, ata conseguir irritalo, vén nesta pasaxe da entrevista (transcribimos de memoria):          

-No Estado –di o venerable President- a única nación, á parte de España, é Cataluña.

           Pasaron anos, os suficientes para comprender o xogo simbólico polo que Tarradellas soltaba aquela boutade. O deporte de calibrar nacionalidades desde fóra carece de sentido, mais está claro é que Cataluña ten ás veces pouco que envexar a calquera nación europea, con ou sen Estado. Alí o españolismo é case residual e por iso haberá un antes e un despois do Estatut.            

Se o Tribunal Constitucional sanciona o deber de coñecer o idioma do Principado, se consagra o termo nación desenvolvido de varias maneiras ao longo do texto, abrirase unha nova etapa. Nela o proceso autonómico gaña velocidade, unha quinta marcha apenas ao alcance daqueles pobos onde as forzas políticas e sindicais propias condicionan maiorías. Ninguén dubide que os reservistas espirituais do occidente nacionalcatólico han berrar pola mobilización.           

Se, polo contrario, o Tribunal Constitucional demouca o que xa podaran insultantemente nas Cortes, a “segunda transición” do proxecto Aznar engadirá unha terceira fronte á alianza vasca PP-PSOE e á exclusión pública da nosa lingua. Pero a foto dos Pais da Constitución, como se lle prendesen lume, comezará a deformarse pola esquina que ocupara Miquel Roca i Junyent. Ou sexa: España entrará nunha crise de tan amplo horizonte democrático que algúns en Madrid han sentir morriña das bombas.

4,91/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións