Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

O brazo político do españolismo ocupa Gasteiz

09:45 07/05/2009

Xabier Arzalluz vén de afirmar que o PNV pode situarse no futuro á marxe das institucións. Parecerá outra xogada de mus a quen coñeza a afección jeltzale por ese tipo de xestos rituais, pero o contexto mudou profundamente desde martes pasado. A Segunda Transición deseñada por Jose María Aznar segue a folla de ruta.

Fraga Iribarne, home de palabra, paseaba os suspensorios da bandeira española representando a memoria da Restauración cando respondeu así unha enquisa sobre como solucionar o conflito vasco: “intervención do exército e ilegalización de Herri Batasuna”, soltou daquela. Aos demais partidos pareceulles un disparate. Eran tempos nos que ETA e os GAL mataban varias persoas ao mes, incluso á semana.

Varias lexislaturas despois as forzas españolas dan a razón a Fraga, que esquecía a mantenta que a Guardia Civil está desde a súa fundación no País Vasco e desfila co exército na Pascua militar. Di ben Aznar cando se felicita, antes da investidura do presidente López –agora é Patxi, tamén José María Benegas se chamou Txiki por esixencias do guión-, de que a España democrática acabase compartindo as teses de Mayor Oreja. O dirixente popular revelou hai moi pouquiño que o franquismo fora unha época de extraordinaria placidez, aínda que a tese lembrada por Aznar era a de que cumpría esmagar o independentismo con todas as armas: en primeiro lugar lexislando contra a esquerda abertzale, en segundo termo mediante unha frente patriótica que expulsase o PNV do poder.

Aznar e a FAES gobernan hoxe a Comunidade Autónoma Vasca coa colaboración de Zapatero. E lanzan salvas de advertencia a quen segue repetindo –xa non pode ser inxenuamente- que a monarquía borbónica evolúe cara a un Estado plurinacional. Nin a cesión de Navarra a UPN, nin a vitoria de Feijoo/Galicia Bilingüe nin o que ocorra en breve co Estatuto catalán son feitos illados.

Agradecemos ao PSOE que despexase dúbidas: a ofensiva non era só contra ETA. Agora que o progresismo español pacta co Opus Dei (non lles amolaba o Arzalluz por xesuíta?) sabemos a orde das prioridades. Prefiren unha España azul a unha España rota; nada novo. As formacións que tan ben vivían dos pequenos capitais autonómicos teñen xa escasa marxe para o simulacro. Quizais a antiga Galeuzca recupere o sentido, mais non será como os seus sorrintes líderes a imaxinaban.

4,75/5 (55 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións