Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Un himno para a Terra Chá, por favor

10:00 30/07/2009

Eu son un labrego/ da Terra Chá/ que usa calcetís de lá/ por mor da friaxe/ e mais da humedá/ usa calcetís de lá/ Terra Chá, Terra Chá... Cantábao nos oitenta o Pereiro de Radio Océano, como se Manuel María virase punkie. Ben daría a primeira letra dunha banda sonora para que o calmo país do nordeste pase por fin á acción.

A Terra Chá sitúase ante a maior ameaza da súa historia. A empresa Erimsa pretende levantarlle o manto nutricio e extraer gran parte do seixo que o sostén. Disque han crear 30 postos temporais. Mentres, informes obxectivos establecen que a intervención provocará o peche de centos de pequenas industrias agrogandeiras.

    O seixo encóntrase a escasos metros da superficie. O método extractivo consiste en abrir grandes furados; cada propietario/a cobraría unha ridícula cantidade por arrendar a porta de entrada (de saída) a ese gran capital. Erimsa asegura que, obtida a riqueza (a súa) do subsolo, enchen e todo queda coma sempre. A empresa marcha co beneficio, as vacas remoen ao sol. Final feliz.

Catástrofe económica, xeolóxica e ambiental
    Hai tempo que a clase labrega aprendeu a sumar e a restar. E tamén son xeólogos, e enxeñeiras, aínda que nin sequera é preciso tanto para saber que, se lle subtraes a base mineral, e por moita pedra mala que repoñas, a terra descende. Dáse con frecuencia o asolagamento en varias zonas da Chaira; mellor non describir o que ocorrería cando o nivel do solo baixe con respecto ás cotas actuais. Se o catedrático da UdC Vidal Romaní advirte que un trauma desas dimensións cambiará o leito dos ríos –e polo tanto o réxime dos humedais- non é sospeitoso de parcialidade. É a ciencia a que fala a través da súa prestixiosa asinatura, como fala a través do biólogo Martiño Cabana ao nos describir, sobre o mapa comarcal, o mecanismo polo que desaparecerán varias especies de réptiles, aves e plantas.

Por se non resultase abondo para as explotacións leiteiras o embate que sofren, o proxecto de Erimsa (outra herencia envelenada do PP) engade máis incerteza ao futuro. Grupos ecoloxistas, veciñais, a rede asociativa da Terra Chá, sindicatos agrarios, labores tan continuos coma admirables que se chaman, poñede, Margarita Prieto Ledo –do SLG–, levan dous anos de complexísima batalla legal e están conseguindo mobilizar as parroquias que verían pola ventá da súa cociña, nos eidos da parcelaria, nos montes en man común, na aira, o ruxido do bulldozer. Mesmo quedarían un bo número de casas literalmente rodeadas polos foxos mineiros. Dicimos case seis mil hectáreas de terreo levantado ao longo de Abadín, Castro de Rei, A Pastoriza, Cospeito, Riotorto e Vilalba. Para nos dar feito unha idea, a cidade da Coruña non chega ás catro mil.

Aproxímase no outono a resolución dun plan que conculca toda caste de leis, imperativos sociais e equilibrios entre a economía e a Terra. A Chaira necesita con urxencia un himno. Ten que ser o da vitoria contra a expropiación colonial disfrazada, como acostuma, de misión de progreso.

4,59/5 (51 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións