Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Os catro de Vigo

10:29 12/02/2009

A fiscalía pide catro anos pola queima de colectores de lixo na folga do Metal de 2007. Polas mesmas datas de 2003 foran condenados en Lugo tres sindicalistas con cargos similares. A mobilización resultou decisiva para evitar o seu ingreso na cadea.

Agora que a crise rescata Marx das librarías algúns espertan do soño posmoderno vendo con máis claridade que os recortes laborais e a represión contra o sindicalismo denuncian un proceso de baleirado histórico. O pacto para o Estado de Benestar levou líderes das grandes siglas a frecuentaren a moqueta perfumada. Columnistas a soldo tomaron posición e largaron fogo cruzado que proviña, a conveniencia, da esquerda antisistema ou de Wall Street.

Da patronal tomaron o concepto de “responsabilidade”, a submisión á Orde Financeira. Ridiculizábase calquera persoa que defendese o testamento de Bush: a necesidade de racionalizar (ou dixo nacionalizar?) o sistema bancario. Durante tres décadas, esnifando das plantiñas rebeldes que parecían murchar aquí e acolá, eses mesmos brokers sociolóxicos acusaron con cinismo o liberado profesional de non servir xa intereses de clase. Foron inoculando virus en cada célula da esquerda ata se garantír un retiro de luxo. O seu hábitat, por decantación (cito en orde moi descendente de intelixencia: Albiac, Losantos, Arias, Cancio), virou do socialismo ao sumidoiro.

Cando o patrimonio de confrontación ía mutando en xiria neoliberal, Mario Conde encheu Facultades. A Nova Orde Mundial pillounos pronunciando conxuros que serviron de pantalla ao maior retroceso desde o XIX: a explotación chamouse “produtividade”; a precariedade do emprego, “flexibilidade do mercado”; o expolio do Estado, “rendibilización da empresa pública”. Ao despedimento dinlle ERE, dinlle subprime ao roubo que hipotecou millóns de pobres. Co sector funcionarial -xustamente o que indica que algúns servizos básicos resisten a depredación- a fábrica de consignas ensañouse; eles e as sindicalistas, ao fin outras funcionarias, eran o inimigo. Unha banda de parásitos. O inimigo era o gravoso para aqueles que de verdade traballan, era a sanidade colectiva, é Correos, é a universidade pública. E os salvaxes que fan arder o mobiliario urbano producido con tanto esforzo por Alicia Koplowitz, creadora de riqueza.

Cuestiónase a xornada de 40 horas mentres prestacións e emprego digno soan a utopía en boa parte do globo. Está na nosa man seguir repetindo coma zombies os refráns patronais ou esixir na rúa o dereito inalienable de Emilio Docampo, Iván Piñeiro, Daniel Cascallar e Xosé García a defender o único que teñen. Tan material para a súa supervivencia como material e intanxible é o Gran Relato que debe construír de novo o sindicalismo.

4.6/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións