Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Terminator, final aberto

19:50 02/10/2009

Non parece demasiado útil basear a estratexia contra a eliminación do galego da vida social na acusación de que o presidente da Xunta, ou calquera das Direccións Xerais de Glotocidio, executa políticas franquistas. Aínda que a afirmación semella ben certa desde o punto de vista xenealóxico, os animais que mamaron ese substrato tiveron que cambiar as formas, e moito, desde os tempos nos que o exterminio do idioma era consigna do Réxime.

Nin o máis afouto político da extrema dereita se atreve a dicir que o obxectivo é erradicar a lingua. Só o pensa; ás veces delátao o lapsus. Algúns, con boa intención, queren denunciar iso pola vía do remake: a voz afrautada do Caudillo envía un político ao futuro e encoméndalle varrer dunha vez os dialectos separatistas. Mentira non é, e a película pode acadar certo éxito, mais non dará chegado ao gran público, sobre todo o xuvenil, que ten dificultades para comprender como ese Terminator vestido á última acepta ordes dun paisano baixiño e hortera.

O que ollamos en directo ten máis que ver co clásico de James Cameron. Un Terminator afirma viaxar desde o futuro para impedir a que será rebelión contra o goberno das máquinas. E fundamenta a credibilidade no seu mesmo estatus de portavoz da era ultramoderna; axudan, sen dúbida, os músculos intimidatorios de Arnold Schwarzenegger. No futuro fálase inglés.

Terminator Núñez Feixoo tamén desexa proceder dos tempos vindeiros. Así e todo é máis educado ca o gobernador de California: en vez presentarse co tremendo trabuco que gasta o cyborg, asegúranos que ninguén sufrirá dano. El busca o bilingüismo harmónico entre persoas e trebellos. O público sospeita que o futuro é un lugar limpísimo e acristalado onde só se fala unha lingua, as mulleres que abortan son recluídas nun centro de reeducación moral e a Catedral de Santiago se trasladou ao Gaiás porque estaba máis cerca da A-9.

Terminator, baixo a súa aparencia liberal, mente. E faino co elegante xeito con que axusta a gravata ao se dirixir a uns señores que lle toman unha cervexa na taberna de esquina. Aproxímase. No traxe disimula unha pistola termonuclear e un equipo de desinfección. Cando os tipos comentan, no galego áxil do arrabalde, que o fulano incordiar pouco incordia e tampouco vocaliza tan mal para vir de lonxe, Arnold Feixoo desenfunda, fai voar polos aires o consenso social, desinfecta as oposicións da Lingua Que Non Ten Futuro e transforma as escolas en galiñas. Mentres, o androide que suplanta a Pedro Arias fala no Parlamento recibindo o sinal pola nuca a través dun pendrive (en galego carracha).

O desenlace queda aberto. Coma naqueles paradoxos que explicaba Carl Sagan pola tele, o presidente da Xunta se cadra –se cadra– comprobe con horror que as accións de exterminio modificaron efectivamente o futuro, mais non conforme ao plan trazado. Entón o seu rostro amable, as mans que xesticulan, a voz tranquilizadora, van esvaecéndose lentamente na pantalla. Un traxe cae ao chan, baleiro.

Comparecemos na asemblea pública de Prolingua porque soñamos unha superprodución na que, fóra de adscricións partidarias, a multitude o faga saber a todos os encriptados terminators do galego: o futuro non será outro ca a suma de miles de vontades, a maior parte case anónimas. A lingua está no futuro. Demostraremos, sen máis, que o discurso de Núñez Feixoo é falso. Que cada nova lei, cada xesto de exclusión, causa a ruína progresiva dos dereitos lingüísticos.

Vémonos na rúa. Temos un idioma e estamos dispostos a usalo.

4.67/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións