Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Un subhastado

09:45 25/06/2009

Todo o monstro político, empresarial e mediático urdido por José María Aznar dependía, ao se iniciar 2003, dun señor de provincias. Cantaron o xogo por teléfono deputados leais á fantasma dos Centristas de Ourense: se o presidente da Deputación ergue unha cella, adeus maioría absoluta. “Ourense?”, riron os de Génova, “Ah, ben. Farémoslles unha oferta que non poderán rechazar”.

O patrón exhibiu a rebarbadora –palabra de Baltar Sr.- co seu disco diamantino, o que xubilara a Xosé Luís Barreiro na columna dos xornais e destinou Xosé Cuíña ao derradeiro combate “na fronteira coa autodeterminación”. A rebarbadora ten marca deses mesmos xornais, pero enchúfase nos corredores do xulgado. E converte os aliados en delincuentes entre domingo e luns, cunha facilidade tan insultante para a vítima coma para o executor. Vistas as eleccións europeas, algúns delitos dan gloria e outros conlevan a morte política (para máis detalles, lean Pan e coitelo de Bieito Iglesias, un dos mestres da prosa en galego).

Pero non, pola parte de Ourense non gardaban un repóker, nin sequera un full ou unha ful, que dicíamos en Monte Alto. Era a penas o verso de Ronseltz: “saio de cabalo e, se hai corenta, todas miñas”. No subhastado, marchando ben a cousa, o resto bota as cartas e o que vai a máis limítase a arrepañar da mesa. Baltar anotou outro trunfo.

Total, que pasa o tempo e vén a senectude. O régulo considera a mesa de tute, comproba a fasquía debutante dalgún do novo PP. Suma para si con pupilas de trasno; xa non por el, pola familia, polo patrimonio. Invoca a memoria de Victorino Núñez, o que prometera á Benita que seguiríamos facendo augardente con ou sen lei da Unión Europea, separa as cartas vellas entre os dedos e comproba que leva moito basto nunha mao. E di: “Ourense séntese menosprezado”, que significa “se non me asistides ao rei, levádela clara”.    A penas, oh, un xesto de Baltar, unha reprodución do caso UPN, e o mapa político do Estado estrala coma un melón. Pero os novos aprenden axiña, non haberá piedade co tafur. A escena ten aire melancólico. Coma cando John Wayne pillaba de Winchester e sabías que conseguira o xesto á cuarta toma, antes de que lle procurasen un digno descanso. Os agregados coloniais sofren tal pánico a exercer o poder que acaban contando purrela e a Banca queda con todo. Ascender da liga tabernaria ao gran casino está reservado aos valentes.

4.43/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións