Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Roubáronnos o vento

17:43 30/05/2007

Isaac Díaz Pardo, en cada encontro público, non cansa de dicir que somos unha colonia. É a tradición ilustrada galega a que fala desde el, é a declaración revolucionaria de Faraldo. Ser colonia, como explicaba o profesor Beiras coa obra clásica de Albert Memmi na man, implica que o roubo da forza produtiva –materia prima, intelixencia social- se espella tamén no psicolóxico.

O autoodio non é a doenza, senón un síntoma. E non vai remitir exaltando a dignidade, virtude volátil, autorreferencial. A “defensa da dignidade” dalgunhas elites e dalgúns xornais publicados en Galicia cesa exactamente cando o suxeito histórico que seica pretenden dignificar imaxina algo novo ou ensaia algún método pertinente para recuperar os seus medios de produción. O discurso populista da dignidade é falso.

Para a mentalidade colonizada a imaxe do expolio urbanístico son os galegos incultos, “chapuzas made in Galicia”, e non as mafias construtoras, nin a inhibición legal de todos os réximes, até hoxe, en materia de ordenamento urbano. E as responsables do desmantelamento da agricultura son as labregas. E os culpables de que rouben enerxía aos únicos e lexítimos propietarios do vento (o vento, as praias, os ríos, non eran públicos?) somos nós, que carecemos de vocación empresarial.

Mercantilización do símbolo
As elites e os xornais “defensores de los intereses de Galicia y sus provincias” xustifican a súa existencia nun activo simbólico que se pon en marcha con Cantares Gallegos. Xa a finais do XX ampliaron capital coas vitorias galeguistas: lingua, autoestima, cultura. A casca hoxe completamente baleira do galeguismo (Carlos Marcos chega tarde, trinta anos despois de zugar Meilán Gil nos restos da palabra) só pode ofrecer beneficio empresarial. Esa mercantilización do símbolo equivale á recente proclama de que o nacionalismo alcanzou a fin da súa Historia e xa non é de esquerdas nin de dereitas.

Abandonamos as palabras cando son inútiles, creamos outras palabras para dar expresado a mesma cousa. O discurso hexemónico do nacionalismo deixou de nomear a realidade, ou sexa, comeza a servir os intereses do mercado. Non, non se trata dun ataque contra o dignidade do país. Róubannos o vento. Usamos o vento como metafora porque é real. Tede por seguro que, de saírmos á rúa en liña recta para reclamar ás eólicas o que nos pertence, tanta dignidade faríaselles outra vez insoportable. A dignidade é unha especulación: o único real é a independencia. A Carlos Marcos, e a outros, dálles moito medo esa palabra. Por iso pelexan polos restos, aquela Galicia que definiu Lupe Gómez nun poema admirable.

3.82/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións