Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

A Selección Común –con maiúscula–

10:45 03/07/2008

En Donostia, tamén coñecida como San Sebastián, dúas ducias de exaltados tentaron reproducir o ritual político de celebrar a vitoria de España na Eurocopa de fútbol. A xente nin caso lles facía, seguían circulando ou agardaban a que cambiase o semáforo dentro do coche.

Ante o que consideraron ofensa intolerable, o grupiño de exaltados decidiu impedir o tráfico e obrigar a quen conducía o seu vehículo a tocar a bucina sumándose á xolda. Non tiveron éxito. A diferenza entre un corte ilegal de tráfico e unha manifestación popular de alegría é subxectiva, pero ás veces abonda con medila por número de participantes. Vinte persoas empeñábanse, co apoio do xuíz Garzón e do ministro Rubalcaba, en que Donostia enteira vibrase desde a praia ata o monte. E non vibrou.

Repítese que hai unha selección Común, con maiúscula, igual que se repite ata enxordecernos que hai unha lingua Común. O Común con maiúscula abuchara, neno, dicían no meu barrio. Punto Fundacional: todos os españois teñen o deber de animar a selección española. Fernando Savater, en vez de tanta turné de cinco estrelas para explicar o que é ético e o que non, debía impulsar un Manifesto pola Selección Común. As demais seleccións españolas poderían ser oficiais dentro da súa comunidade, ou sexa, como se refundan a Liga da Montaña e se dan de hostias.

Cando oímos “fútbol só é fútbol” e xusto no segundo seguinte (Angels Barceló, Rodríguez Zapatero, ABC), con pasmosa naturalidade –e quen non sexa pasmosamente natural, que se ateña ás consecuencias– espetan que nos abrazamos porque falamos a mesma Lingua, que nos abrazamos dignificando a Bandeira, que nos abrazamos e se reactiva a Nación, cando oímos esa música sabemos a letra que segue.

Despois din que che asiste a Democracia: podes a aspirar a ter algún día a túa selección, sempre que asines por adiantado que ese desexo só será legal mentres renuncie a cumprirse. Porque querer un equipo propio esixe contar coa autorización previa de todos os que cren que, se non vibras coa selección de España, algo malo che ocorre.

Total, os fulanos de Donostia acabaron enfrentándose á policía municipal e esta, de bo xorne, recordoulles que antes da Selección Común está o sentido común: vinte persoas non poden cortar o tráfico por moi contentas que se poñan despois de ver a tele. A súa alegría resultaba tan furibunda que a cousa acabou cunha patrulla da Ertzantza restaurando a normalidade do domingo pola noite. En poucas horas os foros da rede rebuliron con seareiros da Selección Común que esixían, como prescribe a lei, unha intervención militar para garantir a liberdade no País Vasco. Fútbol é fútbol.

Mentres, no Corgo, onde desfrutábamos dun confortador silencio, alguén estoupou dous foguetes na escuridade, pum! pum!. Tamén se oen no inverno cando gaña o Madrid, ou o Barcelona ou o Deportivo. Que tamén os botarían nun partido oficial da Irmandiña é unha certeza absoluta. Desde o Paleolítico, quen determina as festas controla o corazón.

4.69/5 (59 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións