Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Fomos ficando sos

10:15 04/12/2007

Hai certo tempo que varios autores da literatura galega escriben castelán. Practican o bilingüismo en xornais galegos -de edición galega, para o caso- dependendo do día da semana que sexa ou da sección da que se trate.

Descoñecemos o argumento ao que cada un deles (e delas) queira acollerse para xustificar o que, na nosa opinión, constitúe un retroceso para a lingua e un síntoma de fracaso. As linguas son un precedente continuo, artefactos de ida e volta, non só opcións individuais.
Despois moitos autores, e será moda, asinan de sempre con nome galego (Lois, Xosé, Xavier...), tipo paraugas identitario, as súas colaboracións en español. De cando en vez, algún deles fai apoloxía dun idioma que segue marxinado alí onde se concentra o poder político e económico: as grandes cidades, as grandes empresas, os grandes medios de comunicación.

Se nos dan a escoller, preferiríamos centos de páxinas ben escritas en galego aínda que se dedicasen a convencernos de que convén falar outra cousa.

Os grandes medios reciben subvención por conceder espazo a unha lingua que na realidade utilizan en porcentaxes inferiores ao dez por cento. O dato, tan vello coma os máis vellos estudos (poñamos dúas ou tres décadas), debería ser abondo para non lles destinar nin un euro dos cartos que xestiona o poder autonómico. Galicia colabora na promoción do español por partida dobre. Nós, quen falamos unha das linguas que a Constitución recomenda protexer, tamén pagamos o Instituto Cervantes.

Entre os diagnósticos que se poden aventurar no ámbito das boas intencións (porque nin se dubida delas, referíndonos a compañeiros que se significaron polo compromiso co idioma) non se sabe cal é máis deprimente. No mellor suposto, pensarmos que se cadra poidan usar o castelán para chegar a un maior número de lectores equivale a asumir que o barco se afunde.

Coñezo rapaces que tiveron que renunciar ao galego para sobrevivir: dependentas de comercio, repartidores de pizza. Que remedio lles quedaba. Incluso así, algún deles buscou alternativas. Choios onde non fose necesario falar. A eses nunca os entrevistará La Voz de Galicia nin El País; están fóra de cobertura da Constitución e carecen de interese cultural.

4.58/5 (59 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións