Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Pódese estar a prol do bosque e contra as árbores?

10:00 23/07/2009

Dezaseis persoas foron detidas por esixir o cumprimento da Lei e -elas así o contaron cando rematou o seu secuestro legal- “vexadas e torturadas”. Outra volta Cangas, outra vez a defensa da Terra, que aquí poñemos con maiúscula tanto se queremos falar deste país como do planeta todo.

Hai quen compra produtos verdes, reclama o peche de centrais nucleares e solta pombas brancas os días de festa, pero ignora o combate dunha vila do Morrazo levando á práctica algúns deses valores que configuran o politicamente correcto.

    Demostraba Marvin Harris en Teorías sobre a cultura na era posmoderna que as colectividades poden soster simultaneamente dous discursos antagónicos, poñendo como exemplo a inxesta de carne no rural hindú: as vacas sagradas, chegado o caso, pódense comer (obviamente despois de matalas). George Orwell, moi dotado para a sutileza ética porque acabou delatando comunistas ante os servizos occidentais, chamou iso dobrepensar na súa novela 1984.

    Nunca haberá democracia directa para certos asuntos, mais de se realizar unha consulta sobre a protección do territorio gañarían esmagadoramente as respostas favorables. Quizais tamén en Cangas, aínda que se trate dunha pregunta de perfil bastante perigoso. ¿Pódense someter a sufraxio a saúde pública ou a violencia machista? (E por demais, ¿que ocorrería se a xente votase que prefire destruír a costa?).

A xustiza española avanza coa calma dun boi cando trata unha ilegalidade urbanística, mais funciona en tempo real en canto se descolga o teléfono dos poderosos. O ecoloxismo de salón parece inmune á continxencia de que a Guardia Civil arrastre polo chan, cunha brutalidade intolerable, as pacíficas activistas do Morrazo. Mentres, os verdadeiros delincuentes adoitan entrar no xulgado baixo escolta e vinte cámaras e micrófonos prestan cobertura ao seu cinismo.

Comprometerse co bosque significa facelo coas árbores singulares: Touriñán, Mugardos, Merexo, Quilmas, Punta Balea. Botamos ben en falta os Pérez Esquivel galegos denunciando publicamente, ao pé do conflito, que a destrución da Terra é a suma dos atentados locais. E aínda hai quen non se explica que as opcións da esquerda dobrepensante perdan miles de papeletas en cada proceso. Ou adoramos a vaca ou comémola; ou condenamos o roubo en Cangas, ou aplaudimolo en Gondomar.

4,43/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións