Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

George Steiner e as enciclopedias

10:42 29/08/2008

Permitide que me espreguice do verán en primeira persoa. Nestas semanas ándase de natural despistado, así que cando a xente do Galicia Hoxe chamou ao móbil para preguntarme o que pensaba do que dixera Steiner sobre a lingua e a literatura galegas vai un, que tampouco ten unha cultura envexable, e pensa en Rudolf Steiner, pero como calculei vagamente que debía de ir morto xa o seu, preguntei entón qué Steiner era. E explicáronme o da entrevista en El País.

O caso é que andabamos xa doídos co que dixo outra persoa de relevancia, aínda que no ámbito do fútbol. Sergio, centrocampista do equipo da miña vida (sic: se cadra algún día aclaro esta afirmación con aspecto visceral), que por certo valera un feixe de cartos e amortizounos, na opinión dalgúns, o día que o Madrid quixo celebrar por adiantado o centenario; pois Sergio, contaba, afirmou que galego, asturiano e catalán son dialectos. Doe, non imos negar que doe, pero a dor queda reducida en parte porque nos mete a todas as linguas no saco dialectal e concluímos que unha persoa pode ser futbolista notable e un desastre como filólogo.

De aí que desconcerten máis, unha vez que consultamos a wikipedia, as palabras de Steiner (de George). Cando poñemos “Steiner” no buscador non hai queixa, aparece un home distinguido co Príncipe de Asturias, crítico, teórico da literatura e escritor. O misterio é que cando poñemos “langue galicienne”, “lengua gallega”, “Galicische Sprache” ou “galician language” –xa nos gustaría dominar todos eses idiomas, coma Steiner– aparecen páxinas e páxinas de información, da cal tampouco resulta difícil deducir que a lingua esa a a literatura esa son asuntos que requiren calma.

Poñéndonos no caso de que dixese Steiner (George) que Sergio, o centrocampista do Deportivo, chegou sobrevalorado nunha época en que a inxección de diñeiro das televisións inchou artificialmente as arcas dos clubs de fútbol, nese caso podíamos discutilo. Ponse Steiner: “Sergio? E quen é? Eu coñezo Zidane, Beckenbauer, pero... Sergio? Bah.”. Vale. Que Sergio non é Zidane, mesmo que non é Fran –un centrocampista que se expresaba ás veces en dialecto– sábeo o propio Sergio, aínda que os deportivistas non adoitamos publicalo en grandes letras no periódico do club porque ao fin aí segue e querémolo con moral (temos domingo un compromiso importante).

Non, ninguén tomaría en serio a Steiner por tales comentarios. Fútbol é fútbol e morto Vázquez Montalbán ningún escritor de peso fai artigos sobre o tema. O que preocupa é que un Príncipe de Asturias da filoloxía non saiba mirar no Google. Véñenme con todo isto recordos, evocacións. Cousas de literatura. Por exemplo aquel profe que tiven, que nos odiaba non demasiado cordialmente: Rosalía escribira en castrapo, as cantigas eran portuguesas e Cunqueiro un pailán que copiaba Antoñita la Fantástica. Que non se encontre nunca con Sergio, por favor.
   

4,33/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións