Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Agresións

11:40 15/02/2008

Era 1977, e podería ser 1979 -ou 2007, cando Mayor Oreja definiu a ditadura máis longa de Europa como “unha época de extraordinaria placidez”-. Fraga quitaba a chaqueta nos mitins, coma quen que lle podía pegar a calquera.

Este celebrábase na Coruña. A cidade, aínda non infectada polo nacionalismo (o de Vázquez), recuperara algunha sigla da súa vella esquerda e cuspía aínda gromos de sangue do Campo da Rata. Un grupo fora ao pavillón de Riazor mostrar o seu desagrado pola visita do ministro da Gobernación, de fúnebre recordo. Asubiaron, berraron. Tensión no ambiente. Entón di Fraga (nesta época só usaba o galego para xogar ao dominó; desculpen que na tradución falte algunha coma): "Este é un acto completamente democrático e quen non o crea así, que se ateña ás consecuencias!”.

Debía de tratarse dunha orde, porque comezaron a repartirse paus aquí e acolá, voaron cadeiras, saíron armados ao choque “Guerrilleros de Cristo Rey”. Formaban parte das forzas disuasorias da Restauración, xunto co ruído de sabres que ecoaban os xornais para xustificar a demora na aclimatación do aparato fascista.

A fábrica de agresións
A democracia española transfigurou nestes trinta anos unha serie de códigos simbólicos que emanan da ditadura. O ensaio que abrise á luz a engrenaxe de tal proceso necesitaría centos de páxinas, pero o primeiro capítulo sería escolar: o himno (sen a letra de Pemán), a bandeira (con leves modificacións no escudo) e a figura dun Caudillo que dirixe España pola Graza de Deus, esta vez coa formalidade debida tras o intento kitsch de apropiación do armiño aristocrático por parte de Franco.

A terrible educación deses anos altera a capacidade para xulgar acontecementos, até o punto de que se estes non encaixan co desexo de reconciliación (co desexo enfermizo da vítima por reconciliarse co verdugo) seremos capaces de asinar unha reconstrución dos feitos que se adapte ao relato fundacional. Nel, o agresor xustifícase sempre postulándose como agredido; así os bispos españois en campaña. Do contrario énos imposible explicar como xentes de praxe progresista puideron sumarse á condena contra medio cento de mozas e mozos que manifestaban o seu desacordo coa visita á Facultade de Económicas dunha candidata do Partido Popular.

Dúas varas de medir

Agora non vén ao caso xulgar se os lemas eran oportunos, se as rapazas eran educadas, se escolleron o mellor momento, o mellor lugar e sobre todo a mellor estratexia para esa mostra de rechazo. A súa intención era denunciar que na democracia española existen a tortura e os presos de conciencia, que se pechan xornais e se ilegalizan partidos case no mesmo mes en que outros toman as rúas de Madrid "contra la escoria inmigrante" sen que os ilegalice ninguén.

Desde ese momento El País, La Voz de Galicia e Libertad Digital serven, quentiña e na bandexa, a condena pre-fabricada sobre a maldade do independentismo. Menten sobre que organizacións se encontraban alí, menten sobre as consignas que se berraron e menten principalmente sobre as agresións, porque non houbo máis ca as que sufriron os estudantes. Alguén escoitou contrastar a noticia?

Se certo profesorado da Universidade e os partidos políticos con representación parlamentaria emprenden unha caza de bruxas –fálase mesmo da expulsión dalgún alumno- saiban desde xa que moitas persoas, dentro e fóra da USC, xamais aceptaremos dúas varas para medir a liberdade, por inoportuna que esta resulte en época de eleccións.

Doutra maneira: cando un Tribunal Especial contra o Revisionismo Histórico (poden aproveitar os locais da Audiencia Nacional) chame a declarar a Mayor Oreja por apoloxía do xenocidio, empezaremos a crer que os termos da democracia española son de alcance universal. Dicimos de soñar un tribunal especial porque os que existen na realidade convidan pouco ao optimismo. En sintonía co xuíz Garzón, o Supremo reafirmou días atrás a medalla concedida polo Estado ao torturador Melitón Manzanas.

4.7/5 (92 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións