Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Decálogo 9-m

18:30 10/03/2008

1.-Demasiados frentes abertos para poder opinar nunha soa dirección. Non se ven igual as eleccións desde Galicia, desde Euskal Herria, desde Cataluña ou desde España. España é o nome que recibe agora unha criatura de xenes franquistas, moda neocon e capital ampliado pola explotación do inmigrante. Sobre todo capital inmobiliario.

2.-A vitoria estatal do PSOE fundaméntase na recompensa que as e os votantes cataláns e vascos, sobre todo (sen termos en conta os clásicos feudos do sur español), deron a Zapatero pola valentía na primeira parte da lexislatura.

3.-En Galicia o PP segue perdendo votos de forma sostida e anuncia outra derrota nas autonómicas.

4.-O BNG resiste a bipolarización. É unha boa noticia para a vertebración política nacional. Galicia non é obediente á consigna bipartidista española.

5.-Euskal Herria segue sendo eixo dramático de moitas das confrontacións, as que houbo e as que quedan. Alí a abstención aumentou un 10%. Se ninguén se senta a negociar, o conflito continuará.

6.-Treme o chan aos pés de Mariano Raxoi. Pero a crispación, esa palabra que os tertulianos madrileños inventaron para non pronunciar o número da Besta, dá en España os votos que resta nas nacións e rexións periféricas do Estado. A próxima –ou próximo- candidata ben o sabe.

7.-Moita esquerda real e leal de Galicia votou con excepcionalidade PSOE ou BNG.

8.-A fusión, se hai apoios e cadros suficientes, do “galeguismo moderado” resultaría letal para o PP no interior de Galicia, e non só para a próxima elección autonómica.

9.-Ninguén parece lembrar que Mariano Raxoi, galego de nacemento, case nin gaña en Pontevedra. De feito o PP baixou en Galicia tres puntos: máis ca en ningún outro sitio. Núñez Feixó debería tomar nota antes de seguir cabalgando, por exemplo, a crispación contra a lingua deste país.

10.-Comezamos a asistir ao final do vello caciquismo e das técnicas arcaicas para o carrexo de votos. As parroquias despobóanse, os vellos morren e as franquías abren tendas nas vilas. Practicamente todo o mundo ve a televisión ou navega pola rede.

4.17/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións