Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Carta desde Europa

09:46 11/06/2009

Benquerido:
Xa sei que te ris de min por escribir cartas nesta época e xa sei que che brillan os ollos cando o carteiro, se é que existe tal cousa onde estás, peta na porta. Igual ca a túa nai cando finxía non conmoverse, ao mellor por iso es o meu preferido. Sabes que só abro a arqueta de folios do avó -van medio amarelos, Deus o garde- nunha xornada especial. Merqueiche licor de cereixa para a volta. Para celebralo.

Porque supoño que seguirías, polo trebello electrónico ese do que non te separas, as eleccións no Protectorado. Aquí en Heidelberg veu un xuño horrible, pero chamaban para votar. Os novos mal valorades ese acto tan aparentemente sinxelo, desde Cracovia ata Tenerife. Agora que vas indo maior seguro que empezas a apreciar o que significa. Cando nos deixou o segundo Führer e, xenerosamente, decidiu na Mensaxe Derradeira establecer relacións comerciais cos Estados Unidos, o noso medo, o da xente común, era perder a paz e a seguridade. Debo recoñecer que foi ao revés; o nivel de vida elevouse e por iso, sen faltar ao teu mérito, fas negocios lonxe da túa pequena casa e traes esa morea de regalos, corazón, francamente excesiva. En fin, houbemos de aturar os traballadores do sur, barrios descoidados e ignorancia das normas elementais, pero foi unha decisión correcta.

Concorrían nas eleccións varias ameazas. A peor, para esta vella que xa son –e non sorrías-, a teima clandestina por violar os fornos crematorios. O resentimento, ben o ensinaban na escola, corrompe a comunidade. E ninguén desexa volver a esa época, caraina, se desculpas a expresión. Fronte ao empeño por fozar no pasado a oposición (mesmo o Partido do Progreso!) asumiu as regras democráticas e ofrece a man aos netos de Goebbels, que van coa Alianza para a Concordia.

Chegaríanche as graves acusacións contra creadores de riqueza dos Estados orientais do Reich. Hai certo cinismo aí. Dixo onte Veremunde, o da tenda de licores: “queren metelos en prisión por cobrar estipendios irregulares, ha, eses lacazáns do sindicato vertical, os que teñen a vida solucionada, eh señora?, eses son os menos indicados para falar de honradez”. Veremunde só serve produtos artesanais, estamos alagados de conservantes e toxinas. Seguro que se votas un día por correo, ti que es tan rebelde, tamén o farás para defender a nai Natura. Ai, a xente moza.

O caso é que nos preocupan os anos últimos. Incluso co triunfo da Prosperidade pechan as empresas e a xente menos favorecida pasa un transo difícil, aínda que teñen televisión. Habemos superalo outra vez, é a unidade a que nos salva: se cómpre traballar máis por menos diñeiro, traballarán. Alemaña soubo contaxiar a súa abnegación ao Protectorado. Ninguén pasa fame; por outro lado paréceme lóxico que a xuventude careza de memoria. Eu si chas pasei na Guerra Civil, comín herbas que nin sabía que podían levarse ao pote, resistín dignamente, e aquí estou. Por nada, por nada perdas a dignidade, sei que acabarán sendo útiles as historias que che contaba cando viñas buscar bombóns a cas da tía. Vivides na rutina do benestar aínda que teñades que viaxar aquí e aló. O benestar, como dicía o sabio, é unha cara do consenso.

E o consenso venceu de novo: a xustiza ha poñer no seu lugar os Clandestinos, meu rei. Restaurarán a necesaria Lei de Fugas da nosa Constitución, a directiva que permite traer man de obra desde o Mundo Pobre mantendo os salarios de orixe e respectando o dereito a voltar, unha vez cumprido o contrato, á terra de nacencia, cos seus propios costumes. Estou feliz, para que negarcho. Ata me parecen ben os bobos concursos da tele e este xuño estrañamente nevado ten algo de milagre. Lémbrate da túa tía de ollos pequenos e dálle un bico ao sobre. Aprende deses paraísos que frecuentas, querido, tan salvaxes e tan devotos.

4,03/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións