Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Ritos de indignación

09:55 29/01/2009

Chamar pola paz en Gaza é como chamar pola paz no mundo, ao xeito ecuménico, ou pola prudencia dos tanques. Manifestouse París, fomos miles a Compostela, enchéronse as avenidas de Barcelona. As institucións dixéronnos: “o único que che queda é a solidariedade, e o horror”.

Só xestos exemplares a miles de quilómetros: Venezuela e Bolivia expulsaban o embaixador dese Estado que, en colaboración cos EE.UU. (alguén pensa que Obama podía gañar sen a aristocracia financeira?), deseña un plan para a Historia cuxos detalles non coñecemos. Pero si a solución final.

Mesmo no improbable caso de que o que seguimos denominando Palestina aceptase a peor das derrotas -a súa conversión en gueto, a perda de Xerusalén- o ocorrido desde 1948 compréndese mellor cunha regra sobre o mapa, a que mide os novos asentamentos, e repasando as efemérides da política rexional. O triunfo do integrismo, a división da resistencia interior e a Guerra Permanente que se decretou en 2001 encaixan coma unha luva na avanzada polo control do petróleo. O mercado armamentístico prospera con ela e trousa excedentes. Son miles de mortos sen nome.

Mentres os consumidores de realidade aceptaban a fábula de que ocupar Irak era resposta contra o islamismo (na versión culta, contra a tiranía) desactivábase unha potencia baasista e laica. Al-Fatah queda soa. As respostas confesionais acabaron inzando o Mediterráneo: a CIA e o Mosad puxeron fin a un vello relato que alimentara o progresismo. Aquela Palestina que marcou unha xeración está lañada coma un peixe e boquexa na terra seca. “Berras a favor do patriarcado, da teocracia?”, preguntan cinicamente os suplementos dominicais. A cámara asasina dos dereitos humanos apunta cara a Teherán.

O clamor das multitudes, imprescindible, é politicamente estéril porque nin un só partido con poder na UE está disposto a ir máis alá da farsa humanitaria, que polo que parece consiste en desarmar Hamás.

Houbo unha época en que o antiimperialismo tiña escanos no Parlamento. Se nin damos recuperado aquí e agora algunha das ferramentas da esquerda real, os quince mil manifestantes de Compostela engordarán o patrimonio dos ritos oficiais de indignación. Non: a forza do noso horror non debería ser inútil. Aínda que a pax obamiana xa eliminase Gaza dos titulares.

4,27/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións