Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Beizóns, GB

13:17 16/12/2009

GB, que en Galicia non significa Gran Bretaña, é o acrónimo dunha organización que me resulta admirable. Por unha banda, pois representa un caso de éxito digno de se estudar nos masters e seminarios máis avanzados de Marketing social. Pola outra, porque está a contribuír de maneira decisiva, quizais sen querelo, no proceso de recuperación da nosa lingua. Por iso proclamo convencido: Beizóns, GB!

Lembrarán aqueloutra plataforma de nome pintoresco, “Tan gallego como el gallego”, que se autodisolveu para renacer, con máis folgos e xeito, en forma de lobby inexorable. Coñezo algún cidadán que se decidiu a utiliza-la lingua galega en resposta a tan estrafalaria iniciativa. Aquel fora un primeiro intento descarreirado ó non teren atinado nin co título nin cos obxectivos, ó proclamaren sen mexericadas o dominio do castelán fronte á marxinalidade do galego. E non lles resultou.

O segundo intento deseñouse de modo máis habelencioso: abandonaron a defensa explícita do castelán para pasar a promulgar, aplicado á lingüística, o “valor sagrado da liberdade”, argumento tamén empregado por George Bush (outro GB!) para xustifica-la invasión dos desertos petrolíferos. O éxito secundou a nova estratexia de maneira que a voz de GB –a plataforma– espallouse por cada curruncho do País, atopando un eco singularmente sonoro en determinados medios e institucións.

Ate aquí o que podería ser unha interpretación superficial do papel xogado ate agora por GB. Emporiso, eu creo que hai moito máis. Que a intelixencia colectiva de GB soborda ós patróns da media aritmética intelectual para erguerse por riba das primeiras impresións. Por exemplo: GB conseguiu poñer de manifesto as intencións reais do partido gobernante e transparentar un discurso defensor da supremacía do castelán e contrario a calquera iniciativa a prol da lingua galega fóra do seu mero uso ritual. Antes o podiamos sospeitar pero agora, grazas a GB, non temos dúbidas sobre a aposta de Carlos Negreira, Corina Porro, Alfonso Rueda, Pilar Farjas ou Javier Guerra, a favor da aplicación da eutanasia ó idioma de Galicia.

Os méritos de GB non quedan aí. De feito, a súa contribución superior vén da súa condición de elixir vivificante, de vizoso estimulante de propostas de protección e promoción dese o noso código de comunicación común chamado idioma galego. Hoxe coma nunca antes na Historia de Galicia, a sociedade ferve de iniciativas que abrollan en variados sectores e colectivos, nos mundos rural e urbano, con vocación de testemuña, dignidade e mobilización. “Queremos Galego” proclaman uns, outros xúntanse “Prolingua”; hai quen postula a lingua para “Patrimonio da Humanidade” e quen pretende propiciar un frenesí de eventos nun “Babel” atlántico. Todo este caudal durmido foi espertado, por quen? Por GB.

Entre tanta acción, motriz e matriz, velaí “convers-ando” que quere “Cambiar Galicia” falando e camiñando. Decatáronse dunha grande eiva no coidado da lingua. Fai falta pedagoxía e didáctica, é preciso explica-lo valor dun idioma propio, o significado de contar cun xeito único e individual de expresármo-la realidade diversa e universal. Por iso se organiza tamén “Ecolingua”, “eco” de “eikos”, a casa. Ecolingua, I Simposium Internacional, convocatoria sobre experiencias reais dende o seo da sociedade civil. En Vigo falaremos esta vindeira fin de semana, en positivo, sobre o valor de contarmos cunha lingua. Porque o idioma galego precisa moita didáctica. Como nos aprendeu GB. Beizóns outra vez.

4.69/5 (61 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións