Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Metamorfose no paradoxo

11:03 28/05/2007

Un título entre Kafka e Nietzche para unhas eleccións delirantes. Un delirio esta disociación entre estatística e realidade. Hai catro anos, as medidas dos nosos concellos eran 41-27-19. Catro anos máis tarde son 40-29-18. Cativos axustes para un cambio total.

Os números permanecen, a realidade transfórmase. Daquela, no 2003, o PP ostentaba o poder no goberno de Galicia e de España. Hoxe, no 2007, o PP está na oposición por partida dobre e Fraga nas quimbambas. Pero o PP non esbarranca. O PP gana oito concelleiros nas “grandes” cidades galegas e perde as alcaldías. O BNG perde nove concelleiros e entra en todos estes gobernos. As maiorías absolutas derróganse pero o PSdeG manda na Xunta, nos Concellos e nas Deputacións. Resiste a illa de Ourense, Baltar o derradeiro bastión, o souvenier do caciquismo máis xebre.

E Galicia, a outrora tardofranquista Galicia, revélase o estandarte da esquerda en España. Porque en España todo segue igual, ou parecido; só Galicia cambia. Un cambio “tranquilo”: o PSdeG sobe, o BNG mantense. O BNG non sabe rendibilizar os gobernos de coalición, case sempre perde. O BNG ten un problema de comunicación. E o PSdeG é máis PSOE, os seus alcaldables falan un perfecto castelán; que falarán agora que necesitan do BNG? O BNG medra nos concellos medianos, tamén algo o PSdeG, e perde o PP. Núñez Feijoo vai de urbanita e case chimpa Pontevedra da man do alcalde promotor. Alguén sabe que se votou en Pontevedra? En Coruña si, na Coruña votouse fartura e metamorfose, metamorfose co fillo putativo de Vázquez coaligado ao nacionalismo. Ai, como baixe este home dos ceos! E en Vigo a Sra. Porro que proclama a vitoria de Pirro, o rei de Epiro que triunfou na derrota definitiva. E ollo a Bueu, Melide, Mondoñedo, Monforte, Ribadeo, Sada... Velaí un cambio a fondo.

Galicia votou. Agora eles han xestionar. Porque gobernar un concello significa xestionar. O chan público, os servizos básicos, o medioambiente, a paisaxe, a arquitectura propia, a cultura popular, os cartos investidos para deter a hemorraxia dos rapaces que emigran e seguen a emigrar... Os números mudaron pouco, o xusto para que todo cambie. Fago votos para que así sexa

3,77/5 (22 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións