Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

De Sandiás a Negueira

11:50 16/04/2010

Neste tempo de contraste norte-sur, Coruña-Vigo poñéndonos explícitos, demos en altera-la rotación da terra na busca dunha solución sur-norte, Sandiás-Negueira poñéndonos estupendos, que diría Max Estrella.

O bo tempo meteorolóxico tende a transforma-la visión da realidade. Tamén alonga a duración das xeiras, afortala os espíritos e alegra ata os corazóns máis refractarios. Con bo tempo un sente coma unha sobredose de afouteza que o leva a emprender grandes proxectos. O noso foi o de visitar Sandiás e Negueira de Muñiz. Non pidades explicación, demasiados factores en xogo. Un deles foi o caolín, de Vimianzo poñéndonos concretos. A invasión das praias de Riazor e Orzán polo caolín de Vimianzo está tinguindo de branco a baía coruñesa e enchendo de xubilados a varanda do paseo marítimo (ou simplemente “do marítimo” tal como o rebautizaron coloquialmente as clases dominantes da xerga herculina). Tamén estará matando a fauna e flora do litoral e enriquecendo algún peto fachendoso, previsiblemente. Así que o de gozar da praia, como que non apetecía moito.

Xa que logo, collémo-lo set de viaxe ou trolley (antes chamado “maleta pequena”) e dispuxémonos a unha fin de semana afastada dos cálculos contables, das simulacións rendibles, das tomas de posición, das elucubracións egocéntricas, das disquisicións entrópicas, dos lemas circunstanciais, das teimas persoais, das promesas fantasmais, dos casinos electorais e dos teatros xudiciais. Traducido: que sentamos no coche e axiña esquecémo-la casa de tolos no que estamos a converte-lo país que a xeografía e a providencia nos legou como residencia.

Sandiás localízase na Limia e ocupa, en gran parte, as terras da desecada lagoa de Antela. Limita polo norte cos concellos de Allariz e Xunqueira de Ambía, polo sur co de Xinzo de Limia, polo leste con Xinzo de Limia e Sarreaus, e polo oeste con Vilar de Santos. O concello está constituído por unha zona montañosa, con altitudes que oscilan entre os 700 e os 900 metros nos montes de Cantariñas, Souteiro, Nogueira, Coalloso e O Castro, e unha gran chaira que ocupaba na súa maior parte, xa o dixemos, a lagoa de Antela. Conta cunha poboación de 1.498 habitantes (INE, 2008) distribuída en 18 núcleos de poboación que se agrupan nas parroquias de Couso de Limia, Piñeira de Arcos e Sandiás. As súas explotacións agrícolas teñen maior tamaño cás habituais en Galicia debido ás grandes parcelas produto de desecamento da lagoa e á concentración parcelaria posterior. Así pois, ten un dos niveis de mecanización máis altos de Galicia. É tamén coñecido pola industria de áridos, xa que a práctica totalidade das areeiras da Limia se sitúan neste concello. Entre o seu amplo patrimonio histórico-artístico, os elementos de maior interese son a Igrexa de Santo Estevo de estilo tardo-gótico, escaso en Galicia, que destaca pola súa portada manuelina; así mesmo, debe salientarse a Ermida de San Bieito de Uceira, dendo o adro da cal se descobren unhas marabillosas vistas da Alta Limia. Un punto de singular mérito é a Casa da Lagoa, que ofrece ós visitantes unha mostra interactiva sobre a transformación da bisbarra a partir dos proxectos de desecación da chaira. Para visita-la Casa, debe concertarse visita previa.

Que non sabiades nada disto? Ben, pois agora xa o sabedes.

Negueira de Muñiz está localizado no extremo oriental da provincia de Lugo, no límite con Asturias, delimitado polas montañas Pedras Apañadas e Busbeirón. Unha paisaxe de montaña, unha presa con augas cristalinas nun val de ensoño fan de Negueira de Muñiz un marco idóneo para a práctica de sendeirismo, caza ou pesca. A historia do municipio está ligada a D. José Antonio Muñiz Álvarez, quen loitou por mellora-las condicións da súa terra e apoiou a creación das Sociedades Agrarias. A distancia da capital municipal, o illamento nos meses invernais e a falta de vías de comunicación levou a Antonio Muñiz a promove-la independencia administrativa dese territorio, o cal se conseguiu en 1925. A historia recente de Negueira está marcada pola construción do encoro de Salime nos anos sesenta que illou as aldeas de Foxo, Vilar, Vilauxín, Cancio e Ernes. Moitos veciños perderon as súas terras e vivendas por míseras indemnizacións, véndose na obriga de emigrar. Na actualidade, conta con 221 habitantes distribuídos nas parroquias de Río de Porto, Ernes, Negueira, Ouviaño, Marentes e Barcela. Subliñan os hórreos típicos da bisbarra e a Igrexa de Negueira co seu pórtico de arcadas.

Tampouco o coñeciades? Pois paga a pena achegarse.

Fóra dos núcleos urbanos, tamén hai vida en Galicia, a cal se vive, por certo, integramente en galego. Mais o balance tampouco non nos satisfai: Sandiás desecado, Negueira asolagado, e as augas de Riazor cheas de caolín. O dito: un país de tolos!

4.38/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións