Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O meu país

00:21 21/12/2006

As veces, un atopa pequenas xoias que aprecia, valora e deixa pasar. Relendo un xornal do domingo pasado, topei cunha desas peciñas destinada a ser ignorada. É a carta ao director enviada por unha muller sueca baixo o título: "Galicia, país"

Non é habitual que La Voz de Galicia, ese xornal onde ata Barreiro, Reigosa e Caneiro escriben en castelán, publique textos como o que lle envía Inga Keller. Máis ben, adoitan publicar calquera carta ou colaboración contra a nosa lingua, mesmo cando os argumentos esgrimidos cheguen a ser ridículos.

Porén, ese xornal que anuncia na TVG unha promoción co lema "El alma de Galicia" e o fai en castelán, presentou esa carta dunha lectora sueca residente no noso país na que, entre outras frases afortunadas, dicía: "Creo que España es fantástica… pero Galicia es un paraíso… Y nos gusta como es. Si nos hablan en castellano o pretenden ser Madrid, no nos parece real. Galicia es como es de pies a cabeza. No la perdamos. Porque entonces dará igual ir a Pontevedra o a Tordesillas."

A lectura da carta levoume a escoitar a versión de Luar na Lubre de "O meu país" e a lembrar esas letras sinxelas que describen Galicia coma un país "saudoso e antergo… unha terra e un chan… un recuncho sen tempo… unha folla no vento, alento e desalento, o meu país."

E cos ecos da canción de Miro Casabella resoando no meu maxín, puxen a voar a imaxinación, se cadra máis inxenua do normal por mor das datas que corren.

E imaxinei un país no cal os rapaces falasen entre eles, videoxogasen, pelexasen cos pais e loitasen polos seus cándidos ideais en galego.

Un país con anxos da garda que fosen convertindo o castrapo maioritario na lingua pura e auténtica que noutrora foi.

Un país onde os seus medios de comunicación (sobre todo, prensa e radio) empregasen o idioma propio cando menos na mesma proporción que a poboación, cumprindo de paso a normativa ao respecto.

Un país onde o ensino fose un centro onde aprender a amar e usar a súa lingua. E onde se cante, se dance, se escriba e se rece na "Lingua do Paraíso" de Xavier Queipo.

Un país onde se respectasen os topónimos oficiais, onde a publicidade publicitase co acento galego, onde os seus fillos levasen os nomes e apelidos na etimoloxía orixinal.

E un país que coñecese e recoñecese a súa Historia (para cando o Museo Nacional da Historia de Galicia?), que respectase o seu patrimonio natural (e recuperase o seu campo e aldeas, os seus bosques e os seus ríos), que valorase a súa arquitectura popular, que inzase as prazas e edificios de bandeiras azul e brancas, que enxalzase masivamente os seus egrexios devanceiros, que repetise as súas mensaxes, que retomase as súas arelas…

Un país que é unha nación por máis que nola queiran usurpar no texto estatutario.
E non sei xa se isto é unha colaboración periodística, un conto de Nadal ou un programa de goberno. En calquera caso, sérveme para trasladar os mellores desexos, como no anuncio de Coca-Cola, a todos os galegos: aos que len Vieiros e aos que non, aos comprometidos co país e aos que renegan del, aos que puideron quedar e aos que tiveron que marchar, aos que traballan a terra e aos que especulan con ela, aos que saen ao mar e aos que o lixan, aos decididos e emprendedores e aos achantadores, aos que buscan o progreso de Galicia e aos que só perseguen o medre persoal e o do seu clan, aos que falan a lingua propia e aos que sempre falan a adoptada, aos que queren unha Galicia Nación e aos que prefiren ver Galicia dende Madrid.

A todos os galegos, bo Nadal. Pero se cadra, en especial aos da segunda parte, aos renegados, especuladores, caciques, resignados e sumisos, que "habelos, hainos". Disque o Nadal é tempo de conversión; pois iso mesmo.

A Cerna do Xalundes
Decembro 2006

3,25/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións