Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

A un alcalde e a un conselleiro

09:15 20/07/2009

Non se trata de Gondomar. En tal caso, o artigo haberíase titular “A un alcalde e a un presidente”. Á inmoralidade culpable dun alcalde e ó silencio cómplice dun presidente. Non se trata de Gondomar porque non estou seguro de poder escribir algo “publicable” sobre o escándalo de Gondomar. Trátase do tratamento dado á lingua galega nun concello da Costa da Morte e nunha delegación da Xunta de Galicia.

A un Alcalde 
Cóntanme que un alcalde da Costa da Morte acaba de manifesta-la intención de publica-los editos e normas do Concello en castelán substituíndo o galego utilizado ata agora. Nese municipio, a lingua galega mantense como código de comunicación xeralizado entre a poboación de calquera idade, ideoloxía ou ocupación. É unha desas illas onde os cidadáns non renegaron dos seus acentos nin do seu léxico e seguen conservando o modo de expresión dos seus pais. Porén, o alcalde decidiu pasa-las comunicacións oficiais ó castelán. Di que así calquera entenderá as instrucións do Concello, tanto os de dentro como os de fóra. Pregúntome como demo farán en Cataluña, onde reciben dez veces máis visitantes ca nós. Mais, para que buscar referencias? O alcalde está disposto a renunciar ó código propio para lle impor ós seus administrados a lingua dos que chegan de alén de Pedrafita, da maioría dos turistas dito doutra maneira. Disposto a agocha-lo idioma propio do lugar e asumir a gramática, sintaxe, vocabulario e semántica dos forasteiros que así se sentirán como na súa terra de orixe. Que mellor exemplo de auto-colonización! De feito, revélase o mellor xeito de ir mudando, poñamos, Carnota e ila tornando Alcobendas ou Majadahonda. E detrás da lingua, virá o sotaque, favorecendo os tons agudos da meseta fronte os abertos de Galicia. Así tamén xustificarémo-la seca dos nosos ríos para nos asemellar máis ás terras áridas do centro, e a substitución do lacón con grelos polo cocido madrileño, e o espallamento das bulerías e sevillanas polas festas galegas, e o son das castañolas no lugar das pandeiretas... A cousa é facérmoslles a estadía máis acomodada e máis propia ós que veñen de fóra renunciando o que somos nós. Entreguémoslles a nosa lingua, claro que si, e mailos nosos ríos, e a nosa cociña, e a nosa literatura, toda en castelán tamén para que a poida ler calquera. E xa activado o proceso de auto-aniquilación, por que insistirmos nesa idea arcaica de sentírmonos galegos cando en Australia ou en Canadá ninguén coñece Galicia pero si saben, máis ou menos, como localizar España!

A un Conselleiro
Cústame falar do home que liderou unha campaña de infamias para acada-lo poder, para ofrecer en bandexa de prata a cabeza dos adversarios, do home que ilustra mellor ca ninguén aquilo de que o fin xustifica os medios. En fin, verán: isto ocorreu o xoves, 16. Houben acudir á delegación de Facenda na Coruña por mor duns trámites familiares. O primeiro que atopo é un letreiro que reza: “Horario de atención al público, de lunes a viernes.“ E á entrada, unha maquiniña suxire: “Coja aquí su turno”. Nas columnas, varias instruccións como “para tramitar la baja de su vehículo‚Ķ”. Por megafonía, van organizando o servizo: “ge dieciocho, mesa siete”. Após unha espera importante, achégome á mesa 9 que me adxudican. Exprésome nun galego total; quero dicir, non hai espazo ningún para a dúbida ou a vacilación. A funcionaria aténdeme todo o tempo nun castelán total, sen espazo ningún para a dúbida ou a vacilación. Entrégame unha folla de instrucións impresa polas dúas caras en castelán. Pídolla en galego pero non a teñen. Repito o contexto: cidadán galego acudindo á administración autonómica galega expresándose en galego. E como aborda o goberno galego esta monumental eiva do servizo? Pois eliminando a proba en galego para o acceso á Administración! E sei que a función pública non depende do conselleiro da Presidencia pero tamén sei quen inspirou esa tal norma.

O alcalde e o conselleiro son fillos dunha política de auto-negación que, de segui-lo roteiro que está a impoñer este goberno, concluirá co esvaecemento final dos riscos de galeguidade desta terra para concluírmos no que queren algúns, de dentro e de fóra, dende hai ben tempo: tornar Galicia na Castela do Noroeste.

4.68/5 (38 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións