Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Carne de político galego

12:01 31/12/2009

Non incluiría probablemente a Julio Camba nunha escolma de persoeiros galegos do século XX. Mais tampouco non sería eu quen restase mérito á súa traxectoria na cal os artigos periodísticos xogaron un papel esencial. Rescato hoxe unha desas colaboracións que adquiren un valor ben significativo... case cen anos despois!

Permitídeme transcribir o contido case íntegro dese artigo do xornalista arousán, titulado “Los políticos”, e cuxa lectura non ten desperdicio. Vai traducido, naturalmente, pois Julio Camba expresábase sempre en castelán:

“Galicia é terra de sardiñas e políticos. As sardiñas nacen unhas doutras e os políticos tamén. Para ser un político galego, o primeiro que se necesita é ser parente doutro político galego. O fillo dun gran político galego ten, dende o seu nacemento, categoría de ministro; o sobriño ten categoría de subsecretario ou de director xeral, e así sucesivamente. E cando un non é fillo nin sobriño de ningún político galego –cousa rara dada a portentosa facultade de reprodución que caracteriza esta especie– daquela ten un que facerlle o amor a unhas das súas fillas ou a unha das súas sobriñas. Non fai falta advertir que os emparentados por este procedemento cos prohomes da política se os chama parentes políticos.

Logo, o novo político marcha a Madrid e comeza a pedir. Pide peiraos, dársenas, pontes, estradas, grupos escolares, o que haxa! Un día, paseando polos corredores do Congreso cun prócer da política, albiscamos ó lonxe a figura dun deputado paisano meu.
Temos que liscar –díxome o prócer– porque canto me descoide, ese home sácame un porto.

Hai quen lle concede moita importancia a un porto aínda que só sexa de trescentas ou catrocentas mil pesetas. Porén, é moito máis fácil que un amigo lle dea a un un porto que non unha escribanía de bronce. Ás veces, para captar a boa vontade do ministro, o deputado pedichón regálalle unha caixa de puros. Unha caixa de puros por un porto! Outras veces non había portos dispoñibles.

-Un porto! Non lle sería a vostede igual unha ponte?

-Home! Eu prometín un porto...

-É que a consignación para esa clase de obras está completamente esgotada. Anímese vostede e leve unha ponte. Podemos darlle unha magnífica.

-Se, cando menos, tivesemos un río... –exclamaba o deputado xa medio convencido.

E ó cabo, acababa por levar a ponte xa que o caso era levar algo. Se lle daba a ponte á vila que necesitaba un porto, e quen esperaba unha ponte tiña que amañarse cun grupo escolar. O pobo, agradecido, facía festa. Os deputados saían reelixidos e todo o mundo estaba contento.”

Calculo que a estas alturas, terán vostedes identificado algún presidente de Deputación en transo de xubilación, a alcaldes e ex-alcaldes, mesmo a algún ministro galego e ata a un presidente. E é que tanto resulta vir de Palas de Rei como de Esgos, d’Os Peares como do Carballiño. A cousa é ter contactos que esgrimir, redes de influencias que tecer e o resto, pois a vivir!

4.61/5 (31 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións