Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O conselleiro de Economía

10:53 29/06/2009

Está a ser un dos conselleiros máis polémicos dentro dun goberno ateigado de conselleiros polémicos. Levan a polémica nas formas e na inacción, mestura que, aplicada a un goberno, non pode resultar máis desalentadora. A cuestión a formular é: está xustificada a polémica no caso do conselleiro de economía?

O seu presidente di estar orgulloso de ter un empresario no equipo. A oposición alega que o Sr. Guerra representa o modelo de empresario que menos necesita a economía galega. Modestamente, eu creo que non acertan nin os uns nin os outros.

Os argumentos do Sr. Feijóo (ese presidente que segue a acumular deméritos para ocupar tal posición), baséanse no espírito emprendedor como valor de progreso. Porén, ese tal espírito ponse en dúbida no caso do conselleiro de economía, quen si demostrou unha certa habilidade para aproveitar unha oportunidade de negocio, destreza á hora de organiza-los recursos precisos, un coñecemento, propio ou adquirido, sobre o funcionamento da distribución no sector da confección, e unha dose de sorte, factor sempre importante en calquera eido de actividade, no deseño do produto. Así pois, eu diría que as calidades do Sr. Guerra como empresario pouco teñen que ver coas funcións que debe desenvolver como conselleiro de Economía.
 
Agora, os argumentos da oposición tampouco presentan a solidez esperada. Atacan o Sr. Guerra por ter creado máis postos de traballo en Portugal que en Galicia. Guste moito ou pouco, un empresario busca a maximización do seu beneficio e unha posición competitiva forte dentro do seu sector de actividade. Por iso, inculpa-lo o Sr. Guerra por reproduci-lo modelo de negocio dominante nesta era globalizadora paréceme, como digo, un recurso arbitrario. Outra cousa é analiza-lo efecto da deslocalización produtiva masiva na que se embarcaron as economías desenvolvidas nos últimos decenios e os custos e riscos de diversa natureza que se están afrontando dende entón e que en boa parte derivaron na crise universal actual.

Mais o labor do conselleiro de economía non debe avaliarse sobre a súa limitada traxectoria como empresario e si sobre o seu plan de traballo na consellaría, sobre a correcta definición de obxectivos, sobre a coherencia das medidas adoptadas e, en especial, sobre os resultados acadados. Polo momento, nin definiu obxectivos nin presentou plan ningún; as medidas que adoptou foron plaxios doutras desafortunadas de gobernos socialistas, e os resultados, como é lóxico, xa os iremos vendo.

Pola súa banda, a oposición debe esixir ó conselleiro de economía unha estimación sobre as cadeas produtivas que haberán soporta-lo crecemento do PIB galego nos vindeiros anos e que deben crea-los 40.000 postos de traballo anuais que require o País para dete-la vaga da emigración de mozos preparados; un programa de competitividade que incida na reducida dimensión das nosas empresas e na limitada capacidade de negociación fronte ós axentes das fases máis avanzadas na cadea produtiva e fronte ós distribuidores; un plan de ampliación da presenza do produto galego nos mercados exteriores, tanto españois como europeos ou das economías emerxentes; un programa decidido para a redución das importacións en bens e artigos nos que Galicia pode presentar unha oferta competitiva; un plan de transferencia e adquisición tecnolóxica, en especial en materia de procesos e custos; a reorganización dos recursos dedicados a I+D para garanti-lo máximo índice de transformación da investigación e do desenvolvemento en innovación real; un paquete de medidas que permitan a captación de investimento exterior moi por riba dese diminuto 0,12% que recibimos sobre o total que chega a España; un proxecto para reforza-las ferramentas financeiras propias de Galicia; un plan decidido sobre aforro enerxético que consiga cifras salientables en liña co acordo de Kyoto e unha planificación a curto e medio prazo sobre as fontes de enerxía que van garanti-lo fluxo de recursos enerxéticos que precisará a nosa sociedade e a nosa economía nos vindeiros vinte anos.

Todo iso e aínda máis é o que se debe esperar dun conselleiro de economía e industria. Deixemos de perde-lo tempo en discusións baratas e poñámonos a facer política con maiúsculas. Se é que somos quen.

4.12/5 (25 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións