Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Gromos verdes, raíces negras

09:45 08/06/2009

Á hora de redactar esta colaboración, aínda non pasáramos polas urnas (ou “furnas” como din algúns políticos galegos) co gallo das eleccións europeas. Para nós, o resultado tampouco vai cambia-las cousas de maneira relevante. Tan só a presenza do BNG permitiría que a voz do País se escoitase con máis intensidade pero alén diso, o panorama non variará pola renovación do poder lexislativo comunitario. Así que cingámonos á actualidade.

E a actualidade vén marcada por eses gromos verdes que se anuncian por onde pases ou leas.  Nas economías galega e española, os sinais máis subliñados son a redución do desemprego en Maio e a mellora dos índices de confianza do consumidor. No contexto mundial, cítanse sobre todo a recuperación dalgúns mercados financeiros e a evolución dos indicadores adiantados da actividade. A frase que sintetiza con meirande transparencia o estado de opinión que se empeza a impoñer é: “o peor da crise xa pasou”. Será certo?

Por que baixa o desemprego? Ignorando por un momento o desaxuste entre as distintas bases de datos que se manexen, a redución do paro é consecuencia dun factor estacional que se repite anualmente e sobre todo das políticas de investimento público postas en marcha polo goberno Zapatero. Esta relación causa efecto non descualifica o dato pois precisamente o que se buscaba era que o desemprego non se elevase ata cifras que farían moi difícil a recuperación. A cuestión agora será determinar o que acontecerá unha vez se terminen os efectos dos programas fiscais do goberno central. E aí é onde xorden as dúbidas.

A evolución do emprego depende, como é obvio, da actividade económica, ou sexa, do crecemento do PIB. O factor que está sostendo o PIB é o investimento público, cuxo percorrido queda esgotado unha vez se prognostica un déficit público próximo ó 10%. Que outro elemento vai tomar a quenda no obxectivo de recuperación? Dificilmente o fará a demanda interna pois a atonía do consumo non amosa sinais de resurrección por máis que un se aferre á mellora duns índices de confianza encirrados pola brusca caída dos prezos e polo anuncio de axudas á compra de automóbiles. Por certo, por que se estimula a compra de coches e non se fai o mesmo cos mobles, os electrodomésticos ou os zapatos, por exemplo? Pregunta sen resposta.

O resto de compoñentes do PIB tampouco non están en condicións de colaborar na suposta recuperación: o investimento empresarial segue paralizado ante o incerto horizonte, o investimento residencial continuará en estado de conxelación mentres non se reduzan os excedentes de vivendas, as exportacións manterán a súa perspectiva desfavorable ata que a demanda nos mercados globais non volva medrar e a redución das importacións amosa cifras  moito máis modestas do que serían de termos unha estratexia específica ó respecto. Esta fotografía estaría incompleta se ignoramos a crise financeira que leva anunciando a ministra durante as últimas semanas. 

En termos globais, asistimos decepcionados, inda que non sorprendidos, á volta ó “status quo”. Algúns mercados recuperan a confianza, certamente, pero cos instrumentos semellantes ós que permitiron o grave colapso financeiro: de novo se crean produtos con activos opacos, o control fiscal segue no laboratorio, os novos requirimentos estanse a analizar, as axencias de rating conservan a súa ascendencia e os recursos básicos continúan movéndose á expensas das apostas de futuro. Eis a suba dun 30% do petróleo nas últimas semanas!

As economías occidentais non semellan ter aprendido a lección. Disque as pequenas medidas maquillaxe acometidas e os enormes paquetes fiscais abondan para solucionar unha crise que ten moito de estrutural, de profundos vicios de funcionamento, de desaxuste entre clases e de desequilibrio planetario. Mentres non se aborden asuntos transcendentes como as inxustizas entre territorios e colectivos, o control financeiro, a distribución das rendas e as cargas tributarias, a competitividade e a eficiencia, a formación, o gasto enerxético e a inestabilidade laboral, os gromos verdes que algúns queren dexergar abrollarán a partir de raíces negras.

4,38/5 (16 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións