Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Vistos dende fóra

10:30 19/02/2010

Poucos éramos os que pateabamos o Paseo Marítimo aquela hora do luscofusco. Eu levaba a pucha ben calada, xa se sabe que a calor foxe pola cabeza. De fronte, unha parella sen norte, case detida no medio da beirarrúa á pescuda dunha referencia. “Vd. cree que con este frío valdrá la pena ir hasta el Milenium?” Acento mesetario suave. “Ni con este frío ni con el tiempo perfecto”, foi a miña contestación. E aí empezou a conversa.

Eran un matrimonio abulense. Cumprían trinta anos de casados e viñeron a reproducir parcialmente a viaxe da súa lúa de mel. Disque percorreran o camiño litoral dende A Guarda ate A Coruña inda que algo deberon estendela porque tamén falaron de Pontedeume. Querían recuperar as lembranzas daquelas praias, daquela paz, daquela paisaxe e, sobre todo, as daqueles “pueblos encantadores”. Así que escolleron o tramo de A Coruña ate Fisterra para rememorar. “Menos mal que nuestro matrimonio no evolucionó igual”, dixo ela para resumir a súa desolación. Procuraban falar con agarimo e respecto pero como respectar a desfeita de Muxía ou Fisterra, por exemplo? Mencionan expresamente Malpica e Camariñas, vilas irrecoñecibles. Iso afirmaron, que nin sequera as recoñeceron, que perderan todo o seu engado e harmonía. “Y como dejaron poner aquello al lado del faro?” E conteille, claro, que os mesmos que permitiron aquel disparate, están dispostos a unha nova aberración en Touriñán. Xente perceptiva, preguntaron tamén por algunhas das “novidades” da cidade. “Y esas terrazas en María Pita, no cree que estropean la plaza?” Pois si, completamente. Falando na beiramar, ela lánzase a comentar que mesmo  a praia lle pareceu cambiada, que a sensación no presente nada tivera que ver coa percibida no pasado. E como vai ter! A area de praia que formaba o chan de Riazor e Orzán substituíse pola terra de canteira que agora han pisar os bañistas. E ollo, que se anuncian novas toneladas de caolín a partir de Marzo para terminar de converter o marabilloso areal doutrora na franxa de po e pedras que será no futuro; perfecta alegoría esta do propio País!

Laiámonos noutras ocasións do desleixo da nosa paisaxe e da falta da máis mínima consideración sobre a fasquía das nosas vilas. A escusa –ese elemento fundamental para a supervivencia na política!– adoita ser o progreso pero non. De anteriores viaxes, trouxemos experiencias dende territorios con factores endóxenos comparables ós galegos que conseguiron un maior desenvolvemento a partir dun tratamento escrupuloso do medio natural e da arquitectura popular. Casos tan demostrativos como os de Baviera  e, sobre todo, o de Gales e o sudoeste de Inglaterra, tan similares rexións e tan diferentes asemade, fannos manter a esperanza sobre a recuperación dunha Galicia cunhas extraordinarias potencialidades tradicionalmente desprezadas no exercicio de maior ignominia política coñecida no suposto mundo desenvolvido.

4.89/5 (37 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións