Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Catro bandeiras

09:33 27/04/2009

Se este artigo advertise de primeiras, como de feito advirte, de que vai tratar de aplica-la vexiloloxía á nova Conselleira de Traballo Sra. Mato, seguramente o lector poríase en garda, en especial se o lector fose a propia Sra. Mato. A cousa tendería a relaxarse de clarifica-lo autor o significado de termo tan peculiar, como fará a seguir. Vexiloloxía: estudo da orixe, significado e simboloxía das bandeiras.

Resulta que unha das primeiras decisións do novo goberno de Galicia foi encargar para o despacho e sala de xuntas da Consellería de Traballo e Benestar dúas bandeiras españolas e, a modo de despiste, tamén dúas bandeiras europeas (gasto, por certo, ben produtivo, Sr. Feijóo). A nova conselleira declarou, supoño eu que ante o estupor dos presentes, que “había algo que le chirriaba, que le provocaba alergia” ata que se decatou de que o motivo dese molesto sarabullo viña sendo a presenza en solitario da bandeira galega.

Un le as declaracións da flamante conselleira e bloquéase. Como analizar frase tan chiripitifláutica? Pois iso, apelando á vexiloloxía. As bandeiras cumpren catro funcións básicas: guía dun grupo ou colectivo tal como vemos nas películas bélicas, sinalización dun territorio tal como vemos nas épicas navais, protocolo en actos públicos tal como vemos nos telexornais ou nos edificios institucionais, e de identificación ou representación tal como vemos nas competicións deportivas internacionais.  Tamén poden xogar un papel de testemuña nunha fazaña ou nunha vitoria, como podería se-la conquista dun cume montañoso, dunha cuíña en plena invasión militar ou da mesmísima lúa.

Dentro da xeira de funcións atribuídas a eses anacos decorados de tea, plástico ou papel chamados bandeiras, cal entra en xogo no despacho dun conselleiro ou conselleira? Colocada nun lugar pechado, queda invalidada calquera intención de guía ou testemuña; manténdose estática no curruncho, igualmente descualificamos o propósito protocolario; admitindo que os afortunados visitantes do despacho son coñecedores do chan que pisan, tamén desbotaríamos a función identificadora territorial. Así pois, a bandeira en cuestión vén representando a egrexia posición acadada polo tal conselleiro ou conselleira.

A Sra. Mato non é, polo momento pero méritos está facendo, nin comisaria da Unión Europea nin ministra de Traballo. Ela é conselleira da Xunta de Galicia, do Goberno deste santo País que conta, ademais de con historia, cultura e lingua propias, con símbolos propios con personalidade propia. A Sra. Mato di que a presenza en solitario da bandeira galega supón unha “falta de respecto institucional”. Seica non recoñece á bandeira galega un valor de seu, un sentido en si mesma senón unicamente cando vai acompañada da rojigualda. A Sra. Mato fala dunha falta de respecto pola presenza no despacho da bandeira galega; non considera logo unha descomunal falta de respecto ós cidadáns de Galicia que a metade do novo goberno non sexa quen de dirixirse a eles na súa lingua?

Algúns pensamos que a visceral reacción da Sra. Mato (a visión da bandeira prodúcelle alerxia!) reflite ás claras esa sorte de acomplexamento patolóxico da dereita galega, de submisión e dependencia potenciado, sen dúbida, polas sesións de duro adestramento tipo FAES. Como saben, a FAES, esa reserva ideolóxica do Partido Popular, acaba de emitir un documento no que nega a existencia secular da lingua galega a cal reduce a unhas “variantes lingüísticas conservadas polo illamento desta rexión e pola pervivencia dunha clase campesiña ignorante”. Falta por sabermos o que dirá a FAES da bandeira galega!

Descoñezo o significado dese sonoro acrónimo, FAES, e aforro o labor de pescudalo. Ben podería ser “fanatismo españolista” ou “falanxismo esclerótico”. As linguas regálannos ás veces estas curiosidades, nesta ocasión a partir do F: FAES, fanatismo, falanxismo, fascismo, franquismo, fraguismo… feijoísmo?
A autonegación da nova Conselleira de Traballo e Benestar require unha rectificación e, coido eu, unha desculpa a tódolos cidadáns deste País que sentímo-la bandeira galega como parte consustancial á nosa condición de galeguidade. Visto o visto, eu penso poñer unha insignia coa nosa bandeira na miña lapela esquerda. Se me topo cun conselleiro ou conselleira, espero no se lancen a me colocar unha rojigualda na dereita.

4.43/5 (46 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións