Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Arcas municipais (e algo+)

09:45 10/09/2008

A quen non queira unha cunca, dúas. Andaban sen saber como amaña-lo atrapallado e mal chamado “financiamento autonómico” cando se enguedellan no vurullo das contas municipais. É o bo que teñen as crises: fan desvela-las vergonzas de cada un.

Como a Solbes non lle cadran as contas propias, busca solucións nas finanzas alleas. Así tamén son eu ministro de economía! El non pode despedir traballadores así que aforra doutra maneira: retirando os cartos ós de menos poder de negociación (ou alí onde as eleccións fican máis lonxe).

A culpa non é toda de Solbes, as cousas como son. Se isto ó que se chama España fose un Estado federal, pois cada un sería responsable do seu debe e do seu haber, do seu activo e do seu pasivo. E sen embargo, o enxeño este das autonomías non rula de tal maneira. Aquí o Estado descentraliza as competencias e as Administracións autonómica e municipal reciben uns fondos, algúns directamente da tributación, outros de dotacións graciosamente concedidas pola Administración central que para iso é a do centro. Así pois, seica aceptan unha organización  descentraliza pero os fondos mellor deixalos onde sempre estiveron. Porque malia que as CC.AA. e os municipios concentran a meirande parte dos servizos a prestaren á cidadanía, os ingresos mantéñense maioritariamente en mans do Estado: 55% para a Administración Central, 32% para a Autonómica e 13% para a Municipal. Así pois, o amaño está servido: as Administracións “periféricas” han de portarse ben con que reparte e que, xa se sabe, leva a mellor parte. E coidadiño co que falas que aínda che podo quitar un cacho se vexo que a cousa se enrarece...

O Estado e as distintas Administracións non terminan de encaixa-lo asunto e ninguén (ou sexa, ningún partido político nin institución) ousa abordar a fondo este apaño financeiro que renxe por tódolos currunchos. Se a distribución de fondos entre Comunidades Autónomas depende moito máis do equilibrio de forzas entre os variados axentes negociadores ca dun cálculo obxectivo de gastos e un compromiso viable de corresponsabilidade, os fondos dos Concellos, como se acaba de ver, representan unha realidade inda máis vulnerable.

Alén de leis de autonomía municipal e de pactos locais de maior ou menor alcance, a única realidade incuestionable é que os Concellos carecen de capacidade recadatoria para facer fronte ós múltiples servizos que prestan ó cidadán. A situación complícase ó termos en conta os distintos réximes vixentes en función, esencialmente, da poboación de cada Concello e, aínda máis, se engadimos o papel (este si ben cuestionable) das deputacións provinciais.

Os distintos gobernos centrais levan ignorando sistematicamente a problemática municipal e mesmo a provincial. Seica están cómodos co actual sistema malia concordar de maneira unánime na súa vulnerabilidade. Quizais nese equilibrio inestable que permite o paternalismo como mellor solución para a ineficacia, os partidos centralistas atopen a súa garantía de supervivencia. En trinta anos quedou reflectida sobradamente a inoperancia da división provincial do Estado, a ilóxica das deputacións, a inviabilidade dos concellos por debaixo dunha dimensión determinada, a distribución de competencias e dependencias entre os gobernos autonómico e local, e a inseguridade para a cobertura dos servizos asumidos polos municipios.

Se os gobernos centrais son culpables por omisión e pasividade, a mesma conclusión se pode tirar respecto dos gobernos autonómicos, cando menos no caso de Galicia. Todos sabemos que non hai maneira humana de cumpri-las funcións dun municipio cada este non chega nin a 10.000 habitantes (algúns, ollo!, nin a 2.000). Todos sabemos que 315 concellos en Galicia son un disparate hemorráxico. Todos sabemos que o despoboamento do rural, se ninguén o impide, vai deixar deserticamente verdes moitos municipios galegos. Todos sabemos que as Deputacións son, sobre todo, centros de preguiza, desorde e dispendio (algúns cabrearanse, claro!, se len estas frases). Todos sabemos que algunhas cidades e núcleos periféricos forman áreas metropolitanas que esixen unha xestión única. E todos os que temos memoria recordamos a un conselleiro que ía para estrela propoñendo na prensa en tempo de verán a constitución das primeiras áreas metropolitanas, contestadas por alcaldes e xefes deputacionais e nunca levadas seriamente a órgano de análise e debate ningún.

Así pois, se o Goberno central é culpable por inacción, o Goberno autonómico éo por confusión. Están exentos logo os concellos de responsabilidade nesta situación? Xaora que non! Tomo o caso do meu: o seu alcalde (mi madriña!) anda o día enteiro na prensa reclamando cartos, esixindo isto e o outro, afirmando que a súa cidade vai ser unha referencia para tal e para cal... e á hora da verdade, gasta dous millóns de euros en festas, outros dous millóns na cuarta reforma dunha mesma praza, centos de miles en novos monumentos, enxeños e esculturas rexias, decenas de miles en enchentas e canapés, outros non sei cantos nun novo recheo de formigón para restaurante e centro comercial de litoral, etc., etc. Alguén debería facer un estudo sobre o nivel de incompetencia na xestión dos concellos: as súas conclusións porían os pelos de punta.

Hai uns días, xuntáronse os tres representantes no cumio dun pequeno monte obxecto doutro gran dispendio. Unha xuntanza sen motivo nin razón, xustificada na supervisión das obras do AVE (¿!) e as da depuradora da Coruña (paradigmático exemplo de desmesura política: única cidade con máis de 200.000 habitantes sen depuradora e aínda queren presumir de proxecto). A fotografía nos xornais era desas que valen máis ca 1.000 palabras: o Zapatero con cara mal ensaiada de estadista a quen lle interesa un pito o que lle están contando; o Losada no medio porfiando por amosar aceno de intelixencia sen moito éxito, francamente; e o Touriño con esa faciana tan de “nin digo nin deixo dicir, nin fago nin deixo facer”. Os tres socialistas, por certo.

PSOE, que magnífica maquinaria electoral e que decepcionante exercicio de goberno!

4.75/5 (24 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións