Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Cartos, comisións e sudokus

13:50 15/05/2008

Xa está o Goberno catalán negociando co Goberno español a distribución dos seus diñeiros. E xa está Zapatero prometendo que compensará financeiramente o avellentamento e a dispersión da poboación. A uns recoñécenlle a capacidade negociadora; a outros confírmannos que a número de vellos non nos gaña ninguén. Coma pediu Touriño. Seica por iso anda o home tan oufano.

O ruído metálico das moedas pode remoe-las conciencias máis có apoloxético duns sables desenfundados a destempo. Levamos semanas nas que o tintinar dos petos públicos escóitase por riba de calquera outra melodía. É a música dos cartos, a sinfonía do financiamento. Porén, unha sinfonía desafinada dende as primeiras notas.

Chaman financiamento ó que financiamento non é. Estase a discuti-lo xeito, modo e maneira de as administracións autonómicas cubriren os seus gastos correntes a partir de ingresos de asignación anual. Mais financiamento é o recurso a fondos alleos que se prestan cun custo determinado (tipo de xuro) e o compromiso de devolución nun prazo pactado. Non é tal. O caso é que as Comunidades Autónomas incorren nuns gastos correntes por mor do exercicio das competencias institucionalmente asumidas dentro dos seus territorios. Eses custos hanse enfrontar cuns ingresos que, na súa meirande parte, se orixinan a partir do traballo dos cidadáns, das rendas do capital, das transaccións económicas e dos beneficios empresariais propiciados neses mesmos territorios.

Estamos, xa que logo, ante unha cuestión de tesourería, de liquidez, de encaixe entre ingresos e gastos correntes. O termo financiamento, co cal se quere ilustra-lo traspaso de fondos dende o Estado ás CC.AA., está viciado de seu nesta discusión ó incorporar un factor de subsidiación que tanto gusta en Madrid e tanto se estoxa en Cataluña (en Euzkadi funciona do revés).
Para cubri-los gastos correntes que se derivan das competencias transferidas (sanidade, educación, medioambiente, vivenda, servizos sociais...), recórrese a unha combinación da devolución parcial duns impostos determinados e un chamado Fondo de Suficiencia, o cal pretende compensa-la diferencia entre os gastos dos servizos públicos e os ingresos tributarios recibidos. A partir dese modelo, ábrense unha chea de cuestións a resolver:

A primeira, e quizais máis relevante, sería a propia contía dos gastos correntes. Unha solución doada tendería a asignar un importe per cápita por cada competencia transferida. A cousa quedaría resolta se non fose polas diferencias evidentes entre Comunidades Autónomas. Custa o mesmo a educación primaria en Madrid ca nos Ancares? Seica resulta que o Estado español non termina de ser un ente homoxéneo por moito que algúns se sorprendan. De feito, nin sequera se ten determinado o custo diferencial entre cada servizo prestado en Galicia, en Cataluña, na Rioxa ou en Andalucía.

Os ingresos tributarios a ter en consideración sería unha segunda cuestión a determinar. Nestes momentos, son o IRPF, o IVE e os impostos especiais. Ben, e logo o Imposto de Sociedades? O gran atranco do IS é a súa territorialización. Calcular, calcúlase en función do domicilio fiscal da empresa (único para todo o Estado), o cal ten a mesma xustificación que tomarmos, por exemplo, o lugar de nacemento dunha cuñada do presidente da empresa. Velaí a inutilidade da publicación das chamadas balanzas fiscais, uns fatuos exercicios de confrontación de movementos de fondos de ida e volta entre Estado e Comunidades Autónomas.

Outro asunto por definir serían as porcentaxes de cada imposto a distribuír entre as dúas Administracións. En función desa porcentaxe, habería algunhas Comunidades que recibirían unha contía superior ás súas teóricas necesidades e outras que recibirían unha cantidade insuficiente. Así pois, por que determinar a mesma proporción das transferencias para cada territorio? É tan fráxil a integridade do Estado que se crebaría por unha aplicación de porcentaxes diferentes?

Máis: que contía habería que asignar ó Fondo de Suficiencia? Como se habería distribuír este Fondo e a que conceptos se debería aplicar? Aquí é onde Zapatero se amosa tan xeneroso e garante, ata onde pode garantir, que terá en conta o avellentamento e a dispersión da poboación. Moi ben, pero ata que punto se terá en conta? Quen determinará as diferencias de custo, por exemplo, entre os servizos sanitarios que precisa unha muller de 30 anos residente na costa atlántica e un home de 75 anos a vivir no cinto industrial de Barcelona?

En resumo, achámonos ante un proceso de financiamento que non é para financiar, duns custos que non se terminan de coñecer, ante realidades que nada ou moi pouco teñen que ver entre si, a partir duns ingresos que admiten múltiples versións e interpretacións e fronte a posicións políticas de moi distinto signo e interese.

O Sudoku


Será este o Sudoku ó que se refire o Ministro de Economía? Pois non, non é este o seu Sudoku. O Sudoku de Solbes refírese ás dificultades de cadra-las contas públicas a partir do estudo e negociación bilateral das necesidades financeiras de cada territorio. O Ministro de Economía, e por extensión o goberno do PSOE, pretende perpetua-lo modelo patriarcal segundo o cal o Estado (papi Estado) estabelecerá a ecuación óptima para contenta-los distintos territorios en función das súas preferencias e/ou pesos políticos.
Daquela, os conselleiros ou consejeros voltarán ós seus territorios vendendo as excelencias dun acordo multilateral que lles permitiu demostra-las súas habelencias moi por riba dos conselleiros dos outros territorios, dabondo máis pailáns ca el, onde vai parar! Este fenómeno será directamente proporcional ó dominio que o tal conselleiro teña dos medios de comunicación rexionais.

E isto en tódalas Comunidades agás Euzkadi, que ten o asunto dos diñeiros resolto dende hai trinta anos, e Cataluña que xa asegurou unha relación bilateral Generalitat – Goberno central dende o ano pasado. E logo Galicia?

Nunha Comisión bilateral Galicia – Estado, quedarían expostas as necesidades anuais reais e propias do noso País, ficarían identificadas as nosas principais eivas e feblezas, profundaríase no déficit de infraestruturas e acordaríanse os prazos e as prioridades. Nunha Comisión bilateral non só se gañaría un coñecemento moito máis próximo á nosa realidade ca nunha multilateral (alguén o pode dubidar?), senón que se adoptaría ademais unha visión integral da nosa economía ata artellarmos un Plan propio de Financiamento Multianual onde incluí-los gastos correntes derivados dos servizos públicos así como os investimentos e obras necesarias. Nunha Comisión bilateral observaríase o conxunto dos ingresos tributarios e non se trataría o Fondo de Suficiencia dun xeito illado senón, polo contrario, se relativizaría respecto o resto de mecanismos de financiamento estatais e europeos. En fin, unha Comisión bilateral representaría un instrumento práctico para financiarmos o gran proxecto da Galicia do futuro ó tempo que nos achegaría o nivel político que xa acadou Cataluña o ano pasado.

En troques, o Presidente do Goberno galego prefire ratifica-lo carácter sucursalista do PSdeG e pregarse ante as demandas do Presidente de Goberno español, quen necesita unha fronte autonómica que lle pare os pés ós cataláns. Velaí estamos nós, Galicia, facendo de ariete desa fronte, e velaí está o noso Presidente sacrificando a autonomía financeira de Galicia e o nivel institucional do País a fin de soluciona-lo “Sudoku nacional”. A cambio, o gran logro: Zapatero compensará o avellentamento e a dispersión poboacional. Albízaras!

4.5/5 (26 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións