Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Votemos como galegos

09:50 03/03/2008

Si, claro, contestou algún, non o imos facer coma islandeses. Entre outras cousas, matizo eu, porque os islandeses posúen un estado propio e non teñen que andar negociando os cartos cada día nin as súas capacidades de xestión con ningún outro goberno. Os galegos si, os galegos seguimos a depender en boa parte das decisións do goberno central.

Así é o Estado español e así funcionan as súas institucións. Así quedou sentenciado na Constitución de 1978 e así levamos os últimos trinta anos, uns máis afortunados ca outros, obviamente. A gradación da fortuna dependeu en gran medida, e así continuará a ser, do resultado das eleccións ás Cortes xerais. Velaí que conveña repasarmos o que significa esta convocatoria electoral e achegar algúns elementos clave que non deberiamos ignorar.

España, evidentemente, non é un estado federal. Xa que logo, o Parlamento español desenvolve unha dobre misión: por unha banda, lexisla sobre o que lle compete con rango estatal, mentres que pola outra, determina o reparto dos orzamentos anuais entre cada territorio e decide en última instancia verbo das competencias susceptíbeis de descentralización.

En consecuencia, a distribución de escanos nas Cortes xerais non só definirá o programa e o modelo do Goberno central senón tamén a predisposición máis ou menos favorábel dese Goberno respecto a cada Comunidade Autónoma. Nesa encrucillada está atrapado o seu voto. Así pois, xa sabe, atendendo á primeira misión do Parlamento a elixir o 9 de Marzo (ou 9-M na nomenclatura ianquizada), ten ante vostede dúas opcións, expostas a seguir de maneira necesariamente telegráfica e mesmo asumindo o perigo dunha excesiva simplificación.

A primeira alternativa, representada polo PP, propugna publicamente a recuperación de competencias por parte do Estado, o fortalecemento dos riscos culturais definitorios da nación española, a relaxación fiscal como eixo da política económica, a privatización das prestacións e os servizos sociais, a liberalización de solo para estímulo da construción de vivenda, a revitalización do programa nuclear e a submisión das consideracións medioambientais ás iniciativas empresariais.

A segunda alternativa, representada con matices polo PSOE, o BNG e EU, avoga pola promulgación de novos Estatutos que profunden no autogoberno, polo respecto da cultura e idioma autóctonos, por garantir os fluxos necesarios de ingresos fiscais, pola mellora e fortalecemento das prestacións e servizos sociais, pola construción de vivenda protexida e pola atención prioritaria ás cuestións medioambientais.

A importancia das eleccións para Galicia

Consonte á segunda misión das Cortes que acabamos de lembrar, as alternativas son diferentes. Así, se vostede sinte que o seu voto carece de calquera valor territorial, ou sexa, dito doutro modo, que o seu voto ten o mesmo sentido que o voto dun rioxano ou un estremeño, por exemplo, daquela vote polo PP ou polo PSOE. Pero se sinte que o seu voto pode contribuír ó progreso e desenvolvemento de Galicia, entón, por moito que pese ós outros partidos, debe votar BNG.

Isto é así por razóns lóxicas e empíricas. Lóxicas, pois os parlamentarios obedecen en España a unha disciplina de partido allea a consideracións territoriais. E empíricas, porque aínda falta a primeira vez ca un deputado galego do PP ou do PSOE votasen en contra do seu partido cando a proposta parlamentar prexudicase a Galicia (digo eu que algunha vez a prexudicaría en 30 anos de democracia).

E non se trata só de cartos. Xaora que un peso relevante do BNG no Congreso afianzará as dotacións orzamentarias para Galicia en torno ó 8% do total territorializábel. E por suposto que con tales asignacións, o tremendo déficit en infraestruturas que padece o país poderá corrixirse de vez. Falamos do AVE, si, pero sobre todo da autoestrada do Cantábrico, do ferrocarril de mercadorías, dos accesos ós portos exteriores, do artellamento viario interior, da dotación de redes de telecomunicación, da conexión con Portugal, do tren de proximidade (inda hai alcaldes que insisten en construír sobre as rías novas pontes para o tráfico rodado)... En fin, unha longa listaxe de prementes e salientábeis necesidades.

Pero alén dunha tan extensa relación de urxencias, na vindeira lexislatura trataranse outras cuestións de extraordinaria relevancia para Galicia, xa sexa porque se debaterán nas propias Cortes xerais ou ben porque, partindo do Parlamento galego, haberán contar co visto e prace do Congreso ou precisarán do apoio do Goberno central.

Estamos a falar dos plans de desenvolvemento de enerxías renovábeis, do control dos recursos hídricos, do reforzamento das vías de financiamento propio, da atracción de proxectos de I+D+i, da revisión das concesións de explotación das correntes fluviais, da imprescindíbel reorganización do territorio, da captación das competencias de tráfico e seguridade marítima (entre outras), da contribución ás redes de dependencia e servizos sociais...

A posición de Galicia ante esta sucesión de claves de futuro dependerá, quen o pode dubidar?, da presenza do BNG no Congreso. Agora, que cada quen vote en conciencia.

4.24/5 (51 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións