Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Non vai de fútbol

13:16 15/06/2007

Tiven a tentación de titular esta colaboración “A crónica dunha morte anunciada” pero repriminme. Porque a crise do Deportivo ten pouco de literaria. Non vai de literatura aínda que con ela se puidese escribir unha boa novela. Tampouco vai de fútbol aínda que, superficialmente, así o poida parecer.

Hai uns días, celebrouse a Asemblea extraordinaria do Real Club Deportivo da Coruña convocada para aclarar a situación financeira da sociedade e modificar a famosa cláusula do 1% segundo a cal ningún accionista podería manter unha porcentaxe superior no capital do club. Para a celebración de tan magno acontecemento, hóubose constituír unha plataforma cidadá co obxecto de captar as sinaturas necesarias que obrigasen a convocar a antedita asemblea, unha campaña a cal foi profusamente divulgada polos medios de comunicación locais.

O que tal move o fútbol... En función da dirección que colla a pelotiña, sobe ou baixa o nivel de autoestima dos pobos, cualifícase ou descualifícase o solo público, prográmase e contraprográmase a axenda política, varían a un lado e ao outro os orzamentos, artéllanse as rutas turísticas e aumenta ou diminúe a actividade mediática. Mesmo atreveríame a afirmar que os días de vitoria concíbense máis nenos que os días de derrota.

Porén este artigo, como diciamos na introdución, non vai de fútbol. Vai de estruturas sociais, de complexos seculares, de usurpación de dereitos comanditarios e do déficit que padecemos en sistemas de control. Este artigo vai, xa que logo, de subdesenvolvemento na súa acepción menos económica. Culpar do desastre a unha soa persoa é a actitude sinxela e, por suposto, a espallada e compartida pola maioría da poboación.

Fracaso colectivo
O presidente do Deportivo non é máis có instrumento dun fracaso colectivo, a expresión tanxible do funcionamento deficiente das estruturas sociais do noso país. Un tirano só non fai tiranía (sobre todo durante unha chea de anos) se non conta coa colaboración, activa ou pasiva, da súa contorna. E a contorna do Sr. Lendoiro está formada polos seus colaboradores, polos socios, polas peñas de afeccionados, polos medios de comunicación, polo Concello, pola Xunta e mais polas organizacións federativas.

Por suposto, o extremo personalismo na xestión do club é unha verdade incuestionable. Calquera decisión, ata a máis cativa, era decidida (segue séndoo) por una soa persoa quen acadou un poder omnímodo nunha organización carente dos máis elementais controis corporativos. Emporiso, habería que preguntarse quen apoiou o presidente do Deportivo a medida que foi acaparando poder, quen cando se autoasignou groseiramente un salario viciado do 1% do orzamento anual, quen cando empezou a crear postos en beneficio da súa familia, quen o defendeu cada vez que provocaba unha liorta coa entidade ou estamento que se lle cruzase por diante, quen cando desprezou a canteira e contratou medianías a prezo de luxo, quen cando propiciou o enfrontamento cos xogadores incumprindo, ademais, os compromisos adquiridos, quen cando argallou nas contas da sociedade ata tornalas en documentos fiticios incribles ata para Cañita Brava. Quen, en resumo, permitiu a situación actual de quebra total do equipo máis laureado de Galicia?

Este artigo non vai de fútbol. Vai da idolatrización pagana que neste país noso se dedica a sinistros personaxes pola única e simple razón de ter acaparado cotas de poder elevado en certos eidos. Vai da tópica permisividade dunha sociedade ante os procesos involucionistas que conforman este concepto tan amplo e ambiguo que chamamos caciquismo. Vai da desconfianza no propio e da pailana admiración polo alleo nunha comparación que amosa diferenzas de criterio próximos á paranoia. Vai do teimudo propósito de querer aparentar sermos o que non somos nin nunca seremos. E vai, tamén, da pasividade dun goberno que non sempre adopta a posición acaída á situación.

Desconfianza no propio
O Deportivo é o equipo da Liga española con menos presenza de xogadores da Comunidade Autónoma á que pertence. A política do club caracterizouse pola fichaxe masiva de xogadores (chegou a ter unha plantilla de 40 futbolistas) e a xestión deles como se fosen mercadorías para comprar, vender ou alugar. Esta “política” completábase co desleixo absoluto cara aos xogadores locais, a quen se lles negaba a máis mínima posibilidade de xogar no equipo ao tempo que se lles trataba como material de segunda a quen colocar en equipos de “reciclaxe”.

A consideración do xogador galego como mero refugallo está antropolóxicamente inxustificada. O relativo fracaso dos nosos futbolistas está motivado polo propio tratamento que se lles dá no país. Os xogadores son cedidos sabendo que a operación ten moito de desafección e pouco de programa de aprendizaxe, que as posibilidades de retorno son minúsculas. Algo practiquei o deporte este do balón e sei que, mesmo por riba das condicións físicas e técnicas, a motivación xoga un papel crítico.

Esta temporada, deuse unha situación lacerante. O Deportivo enfrontábase ao Barça no Nou Camp e na súa alineación presentaba cinco cataláns (por suposto, ningún galego). Hai anos que non sigo ningunha competición futbolística, pero si asistín aos dous partidos da Selección Galega e creo poder afirmar que, cando menos, seis ou sete xogadores galegos poderían formar parte da plantilla do Deportivo. Aínda máis: futbolistas da canteira recente do club tiñan sen dúbida (espero que a sigan tendo) unha maior proxección ca algúns integrantes da plantilla actual.

Que facer agora?
Como é sabido, Galicia representa arredor do 5% do Estado Español (e minguando), tanto en poboación como en produción e emprego. Aplicando esta porcentaxe á Liga de fútbol, a Galicia corresponderíalle exactamente un equipo na máxima categoría do fútbol español. Sen embargo, durante varios anos, tivemos tres equipos e hai varias temporadas, mantemos dous. Esta descompensación podería explicarse ben por unha xestión dos recursos e os talentos superior á do resto de Estado (o cal, evidentemente, non é o caso) ou ben a unha sobreexplotación dos recursos dispoñibles. Este si é o caso. Velaí a situación crítica do Deportivo, un exemplo máis dese “vivir por riba das nosas posibilidades” que denunciara non hai moito un político socialista galego con bo tino.

Que facer agora? Coido que o primeiro é manter na memoria equipos coma o Burgos, o Granada, o Málaga, o Oviedo, o Logroñés ou o propio Compostela, clubs que pasaron longas temporadas na Primeira División e que remataron desaparecendo ou no buraco negro da Terceira. Alguén pensou que chegara a hora dos socios e xa se viu que os socios nada máis teñen a capacidade de convocar Asembleas inútiles; nin sequera hai unha oposición formal ao Presidente actual (falar do Consello sería unha hipocresía).

Eu creo que é a hora do goberno ou da desaparición. Un goberno ten a obriga de intervir cando descobre indicios de crise ou deterioro nas entidades e institucións cuxo papel atinxe ás condicións de vida dos seus cidadáns. Non hai dúbida de que a desaparición do Deportivo afectaría dunha maneira directa os sentimentos de moitos galegos e de modo indirecto as economías doutros. Por iso creo que a Xunta debe reunir as partes implicadas (acredores, socios, Facenda, consello de administración, medios e Concello) e forzar a declaración concursal da sociedade, a renegociación das débedas vixentes e a saída do presidente e propiciar unha dirección responsable da entidade na que se inclúa a dedicación preferente á canteira. Todo isto sen achegar fondos públicos, claro está.

Remato o texto uns días antes da decisiva xornada de Liga na que se decidirán os equipos que descenden a Segunda. Por iso aproveito o final deste artigo que non vai de fútbol para desexar fortuna ao Celta. Espero que a vindeira temporada, a pesar de todo, Celta e Deportivo se volvan enfrontar na chamada “festa do fútbol galego”. Repito: do fútbol galego.

4.27/5 (22 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións