Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Bohemia ou revolución

19:15 19/08/2008

Seica en vacacións, un anda especialmente disposto ás matinacións e máis se diante ten a alguén como Xabier Queipo para facerlle move-las neuronas (as “bércolas” segundo o léxico do meu pai).

Foi a semana pasada nunha conferencia do Queipo titulada algo así como “A busca das coordenadas” e desenvolvida con brillantez polo escritor e biólogo compostelán afincado, por motivos profesionais, en Bruxelas dende hai unha chea de anos: “Os que non servimos en Galicia, seica valemos fóra”, foi unha das súas sentenzas.

No coloquio posterior á conferencia e, sobre todo, nas cañas que chegaron a seguir, fíxose repaso de moitos asuntos: falouse dos barcos de pesca substituídos eito a eito por buques de recreo; falouse dos universitarios galegos a traballar lonxe da terra; falouse da lingua e da falta de vontade política; falouse das cidades galegas cada día máis parecidas a calquera outra cidade non galega; falouse dos concellos empeñados (no dobre sentido) no dispendio de fondos para a festa rachada cando nin teñen para paga-los funcionarios; falouse, xaora!, da crise, pero non da marcha da produción e dos tipos de xuro senón do consumismo atafegante e imbécil e da especulación invasora e inxusta; falouse de pateras, caiucos, venda ambulante e de racismo, xenofobia e “pijería”; falouse de literatura e de creación artística en xeral e do dominio da mercadotecnia e da casualidade; falouse do “enorme” problema do botellón e de que ninguén semella preocuparse do tráfico diario de droga nas vilas galegas...

No medio de tanta verba, alguén pediu unha revolución, si, un cambio abrupto de esquemas, a busca da autenticidade, o triunfo dos valores de humanidade, tolerancia e tradición, a esixencia dun novo paradigma dominante, dunha clase política honesta e comprometida, do cambio de pel nos estamentos do poder... Un dos presentes quixo concretar e pediu un novo goberno galego. Ante as facianas de sorpresa, aclarou: “nós aínda podemos mante-la esperanza, temos unha terceira forza na recámara”.

Unha das únicas tres mulleres presentes postulou por unha volta á bohemia, ó goce do presente, ó coñecemento polo pracer de coñecer, á natureza coma destino, á axuda polos acaroados a nós... E todos concordamos en que esa podía se-la solución: a volta á bohemia.

Ó día seguinte, as cañas tornáronse cafés con leite e as roupas lixeiras e mundanas viraron en ríxidos traxes de faena. E un compañeiro comentou verbo das súas vacacións familiares pasadas na zona de Cádiz e como o GPS lle xogara unha mala pasada de camiño a Málaga facéndoo transitar por un camiño pouco menos ca impracticable. Perdido baixo un sol inmisericorde, petou contra un sinal que, nun principio, tomou por espellismo. “Aldea geriátrica”, rezaba. No medio da perplexidade, virou cara ó lugar e, tras uns poucos quilómetros, xustamente no medio da nada, atopou unha sorte de vila tipo “western”, as rúas baleiras de xente pero dotadas de modernos equipamentos segundo indicaba a xenerosa sinalética “urbana”...

É tempo de vacacións. Escollamos agora que aínda podemos: bohemia ou revolución?

4,42/5 (19 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións