Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Turismo cultural, dous anos perdidos?

10:10 16/07/2007

Preferimos preguntar ante os indicios de distinto signo que se poden observar. Máis cáustico resultaría afirmalo rotundamente á vista das evidencias, pero teñamos paciencia: anúncianse cambios e proxectos. Falamos do turismo cultural, unha das actividades onde todo debería mudar respecto do pasado inmediato.

Esta sección que un día chamamos “A cerna do Xalundes” encetouse hai case catro anos cunha colaboración titulada “Ruta magoadora”. Describía o artigo unha Semana Santa transcorrida polos eidos da Limia durante a cal descubrimos o desleixo brutal no que se encontraba o patrimonio cultural galego. Naquela colaboración, faciamos votos pola substitución do rancio e necrosado goberno vixente por outro sensíbel cos tesouros que “agocha” esta bendita Terra e disposto a coidalos co agarimo que demandan e atendelos cos recursos que precisan.

Hai poucas datas, case catro anos despois daquela “Ruta magoadora”, pasamos uns días das nosas vacacións na península do Morrazo. Non é que a impresión fose igual, mais si foi parecida: atopamos disparates salientábeis, moitos dos lugares de meirande interese amosábanse abandonados, a localización dalgúns monumentos resultou unha odisea e os servizos elementais esperados deixaban bastante que dicir. Aforrarei os detalles das rutas percorridas e das visitas realizadas para non aburrir; tan só darei algún exemplo que me pareceu significativo.

Paradas na ruta
Bueu, litoral marítimo: casas que son como selos de identidade, de familias que saben o que tal pode dar o mar. Sobre a fachada dunha delas, típico cartel de próxima construción. No solar aínda ocupado pola casa máis no que está baleiro canda ela, levantarase unha urbanización con, madía leva, centro comercial e aparcadoiro. Cruzando a rúa, un “flamante” edificio moderno de cinco alturas anticipa o aspecto que amosará o lugar dentro duns meses.

Marín, petroglifo de Mogor, un dos máis sobranceiros de Galicia. Fronte a el, un eucaliptal acabado de cortar e sen limpar de refugallos, unhas matogueiras “á vaiche boa, vilaboa”, os restos dun estrado que semellaban ser os dun naufraxio, unha rocha gravada polo home prehistórico sen a mínima protección e a falta absoluta de información sobre os debuxos: nada que permitise intuír que nos achabamos perante un rochoso misterio milenario.

Moaña, queremos coñecer San Martiño, unha pequena igrexa románica situada, segundo o noso libro-guía (por certo, dunha magnífica colección en galego editada pola Voz de Galicia), nun enclave singular, único. Abofé! Un auténtico desafío atopala.
Cangas noite, buscamos un lugar con certo “sabor”, un mesón, unha taberna, se cadra un restaurante, para cear. Damos voltas e máis voltas, preguntamos, pescudamos... Mándanos fóra da vila, os uns para o norte, ou outros cara ao sur. Terminamos nun sitio calquera sen o máis mínimo atractivo.

Avances concretos, por favor
E tampouco resulta tan difícil, non si? Máis alá dos grandes proxectos museísticos que se anuncian solemnemente, alén das vindeiras leis de turismo ou das axencias das industrias culturais (?), mesmo ignorando (que xa é ignorar) os delirios de xigantismo onde soterrar cartos a eito, a cousa non parece tan difícil.

Tanto custará catalogar os puntos de valor cultural de Galicia? Será tan complicado identificar as rutas que se poden trazar para percorrelos dun xeito razoábel? Suporá tanto gasto (dá risa falar de cartos cando sabemos o que sabemos) sinalizalos convenientemente e dotalos duns sinxelos paneis informativos? Non será factíbeis asignar responsabilidades por tipo de “ítem” e/ou zona? Tan imposíbel se antolla velar polo bo estado do noso patrimonio e polo seu mantemento? Non poden asumir as nosas institucións municipais e/ou autonómicas uns equipos organizados de guías turístico-culturais? Representa un reto inaccesíbel artellar un sistema de visitas turísticas nas bisbarras ou concellos do país?

É posíbel, abondan os casos. En Cataluña, por exemplo, dende hai unha chea de anos dispoñen dunha tupida rede de turismo cultural baseado nuns criterios básicos de organización que teñen demostrado a súa eficacia. En Cataluña, cada lugar ou monumento con valor turístico, ten asignada unha categoría que lle confire unha presenza determinada (características dos sinais, frecuencia de aparición nas vías públicas, distancia onde localizar os primeiros indicadores...), uns elementos informativos ou de comunicación (folletos, guías, mapas, libros...) e unha organización de visitas (rutas, horarios, persoal, instalacións...). En cada punto, distribúen o material informativo das visitas complementarias, xa sexan por proximidade ou por relación temática.

Se non queremos ir tan lonxe, acó mesmo, en Asturias, podemos comprobar como, ademais do Plan de Excelencia Turística do Principado, cada concello ou vila con capacidade de atracción de visitantes conta cos seus propios planes de calidade a aplicar ao seus establecementos de hostalería que esixen uns parámetros de necesaria observancia tales como aspecto exterior, materiais, deseño, servizo, formación, menús, produtos a comercializar, etc.

Circuítos de turismo cultural
En Galicia seguimos esperando. Hai, por suposto, algunhas experiencias meritorias. Entre as de iniciativa pública, podemos citar o Plan de Dinamización Turística de Ribadeo artellado polo propio Concello e a Deputación de Lugo, aínda que o programa ten unha natureza primordialmente medioambiental. Entre as de iniciativa privada, gustaríame subliñar a Ruta de Pardo de Cela organizada pola Asociación Cultural “O Mundo de Galea” e que recolle algún lugar non demasiado coñecido e realmente fascinante.

Porén, queda todo por facermos. O noso patrimonio dá para estruturar unha morea de circuítos turísticos atractivos para colectivos e visitantes potenciais moi dispares. Pensemos nos posíbeis Circuítos Celta e Romano, ou nos Circuítos Románico e Barroco, ou no Circuíto Medieval formado polos castelos e fortalezas en pé, ou no Circuíto de Augas para percorrer ríos e balnearios, ou nos Circuítos das Catedrais e dos Mosteiros, ou no Circuíto Pesqueiro / Mariñeiro, ou no Circuíto da Paisaxe Natural, ou no Circuíto Etnográfico, etcétera.

Tantos atractivos no país e tan pouco facemos por difundilos... Non é difícil organizar rutas e circuítos, instalar unha sinalización acaída, publicar os elementos de información necesarios e dotalos de guías e horarios de visitas coordinadas. Algo máis esixirá rehabilitar o desvencellado e garantir os servizos de hostalería co nivel preciso. E aínda máis negociar a difusión dos percorridos e os seus enclaves entre os tour operadores, axentes turísticos e medios especializados. Trátase, ao cabo, de gobernar. Porque para gobernar non é imprescindíbel agardar pola promulgación das leis nin pola creación de axencias e institutos.

E xa para rematar, se algunha institución se decide a resolver as eivas descritas nos parágrafos anteriores, que non esqueza pedir que se redacten os menús en galego (cando menos, “tamén” en galego). Pois outro desafío de hoxe en día é atoparmos un restaurante onde as cartas contemplen a nosa lingua. Seica os galegos non viaxamos pola nosa Terra.

3.26/5 (19 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións