Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O monte cuxo nome non quero lembrar

11:17 04/01/2008

Trala avergoñante fuxida de Touriño no Parlamento (supoño que o presidente se poría colorado ó facer unha tal cousa), pódese dar por rematada a novela do Gaias. Unha novela que ben se podería titular “O monte cuxo nome non quero lembrar”; unha novela truculenta con tódolos ingredientes para tornar nun auténtico “best-seller”.

Acabada a fición, impóñense os feitos. E os feitos din que a chamada Cidade da Cultura será unha realidade. Máis cedo ou máis tarde, agora si estamos seguros de que chegará un día no que a Cidade da Cultura será inaugurada. Seguramente contaremos con presenza rexia, coa máxima representación do goberno español, con delegados dos gobernos iberoamericanos, co mundo da cultura (?) en pleno. Contrataremos os grupos internacionais do grande espectáculo (ou sexa, o espectáculo en grandes dimensións) con maior proxección do momento. Poñeremos as mellores galas, iremos á perruquería, afiaremos o máis optimista dos nosos sorrisos e miraremos cara a cámara con faciana de satisfacción e confianza.

Será para estarmos orgullosos: a Cidade da Cultura representará o gasto máis monumental que nunca se teña levado a cabo na aba dun monte. Se cadra non ten moito que ver pero neste momento véñenme á cabeza as fachendosas declaracións dun concelleiro galego revelando que o espectáculo pirotécnico que planificara o seu Concello ese ano sería o máis longo en Europa, cinco minutos máis longo ca o que se habería celebrar en París uns días despois.

Esta sección reiterou durante anos a súa oposición á Cidade da Cultura. Calou durante os últimos meses para non facer de “palmeiro” do coro de voces que se alzaron cando o proxecto xa non tiña marcha atrás. Porén, coido que chegou a hora de cambia-lo chip, que chegou o momento de virar de posición. Cómpre asumi-la realidade dos feitos e contribuír a que “o monte cuxo nome non quero lembrar” se incorpore ó gran proxecto da Galicia do futuro. Será un movemento doloroso, difícil de interiorizar, pero necesario polo ben do País.

Aínda que teño a impresión de que “o peixe está vendido”, non me resisto a facer unha breve análise da situación actual.

Ten todo isto algún sentido?
O primeiro a non esquecer é que o investimento previsto final será de 500 millóns de euros, unha cifra tan descomunal que prefiro non someter a comparación ningunha. Aínda que os edificios presentan diferentes contías de gasto, en termos medios, estamos a falar de que cada edificio da Cidade da Cultura custará arredor de 80 millóns de euros, ou sexa, aproximadamente o mesmo que o Guggenheim de Bilbao. Repito: cada edificio custará de media o mesmo que o Museo Guggenheim!

Segundo o proxecto actual, os seis edificios da Cidade da Cultura serán dedicados á Biblioteca Nacional de Galicia, ó Arquivo Nacional, un Centro de Investigación de Patrimonio, o Museo da Historia de Galicia, un Centro de Arte Internacional (que acollerá tamén un Museo de Nenos) e o chamado Escenario Obradoiro.

Cabe preguntarse logo se estamos verdadeiramente dispostos a gastar “un Guggenheim” nun Arquivo, por exemplo, ou nunha Biblioteca. Por certo, non se acaba de inaugurar tamén en Santiago a meirande biblioteca do País?

Cabe preguntarse tamén pola razón que motivou a incorporación ó proxecto dun museo para nenos. Quero dicir: non quería ser isto unha Cidade da Cultura? Onde está a coherencia de xuntar un museo interactivo para o lecer familiar co Arquivo Nacional, co Centro de Investigación do Patrimonio ou co Museo da Historia de Galicia? Se hai realmente unha oportunidade ou unha demanda para un museo de nenos, por que non crealo nunha zona onde poida atraer visitas de seu?

Tal como está proxectada hoxe en día, a Cidade da Cultura segue a ser un continente sen contido. Agás a exposición permanente que se anuncia no Museo da Historia de Galicia, non hai ningunha outra razón fóra da arquitectura para visita-la Cidade trala súa inauguración.

Un avance real sobre o proxecto orixinal (ou sexa, sobre o proxecto do PP) foi o cálculo sobre o que vai custar manter o complexo. Por fin sabemos a canto vai ascender o mantemento da Cidade da Cultura: arredor de 40 millóns de euros ó ano. Sería doado escoller calquera partida dos orzamentos anuais da Xunta de Galicia para decatarse da magnitude da cifra. O Presidente do goberno, o mesmo que fuxiu do seu escano para non votar a prol da investigación xudicial da desfeita, afirma que a Cidade da Cultura será rendible. O que non di é de onde van vir os ingresos para cubrir os 40 millóns de gasto e a amortización dos 500 millóns de investimento.

A quen lle interesa a CdC?

Toda oferta, máis unha de tal dimensión, require unha demanda correspondente (parece obvio, non si?). Porén, aínda non se escoitou unha palabra sobre os visitantes que haberán achegar os ingresos para financiaren obra tan espectacular (cómo lle gusta a Pérez Varela este adxectivo! Se cadra, como lle gustaba).

En principio, albíscanse tres grupos de posibles usuarios da Cidade da Cultura: os propios galegos, os turistas foráneos que xa pensaban achegarse a Santiago e os novos visitantes que se poidan captar por mor do novo espazo. Vexamos cal é a oferta para cada segmento.

Os galegos, ademais da visita que faremos por pura curiosidade, visitaremos o Museo de Historia de Galicia. É unha boa razón, sobre todo tendo en conta o descoñecemento xeral que amosamos verbo da nosa Historia e a importancia que ela debería ter na autoestima colectiva. Así que, cando menos, podemos contar cunha visita (só unha, posiblemente) dunha importante porción de galegos.
Os turistas foráneos poderían alonga-la súa estadía en Santiago para dedicar unha xornada a visita-la Cidade da Cultura. Debemos ter presente que os turistas que recibe Galicia presentan unha estadía media moi por debaixo doutras Comunidades Autónomas, non só das típicas de “sol e praia”. Sen embargo, hai que ofrecerlles algo máis ca cemento de deseño.

Por último, alguén pensa realmente que o proxecto actual da Cidade da Cultura vai atraer algún visitante que non tivese previsto visitar xa Santiago polos seus múltiples atractivos? O chamado “turismo de arquitectura” é minoritario e nunca podería xustificar uns desembolsos como eses dos que estamos a falar.

Así pois, sería máis ca conveniente volver poñermos de novo os miolos a rularen e pensarmos os contidos suxestivos que podemos ofrecer ós nosos potenciais visitantes para lles provocar un interese “irresistible” a prol da Cidade da Cultura de Galicia.

Ideas, propostas (aínda estamos así)


Idea – proposta: xunten o Arquivo e a Biblioteca e liberen un edificio para un contido permanente “culturalmente erótico”. Creen o Museo das Civilizacións, ou das Etnias, ou o Museo das Culturas do Mundo ou algo semellante no que cada rexión do planeta se sinta identificado, con pezas e propostas dos distintos pobos, algo que integre na Cidade da Cultura ese valor alcista da mestizaxe cultural dentro dun mundo con tendencia á globalización, ou sexa, á uniformidade.

Idea – proposta: integren o Museo do Pobo Galego, que vai esbourar algún día pola falta de espazo, no Museo de Historia de Galicia.
Idea – proposta: retiren o Museo dos Nenos do proxecto e creen un espazo importante a dedicar periodicamente a un país iberoamericano. Desta maneira, terán un evento importante a inaugurar cada seis meses, por exemplo, e cumprirán o idílico obxectivo de a Cidade da Cultura representar unha ponte cultural entre as dúas ribeiras do Atlántico.

Idea – proposta: integren as linguas na Cidade da Cultura. Ademais de que Fala e Cultura son dous conceptos inseparábeis, os idiomas representan un contido con grandes posibilidades de explotación.

E como derradeira idea – proposta, busquen un nome para a Cidade da Cultura. Necesítase un nome? Sen dúbida: imaxinan a un tipo de Xaén anunciando “voy vicitá la ciudá de la cultura de galisia”, ou a un escocés “mgoing visit the culture town of Galisia”? A Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia está a ser un soado fracaso de visitas, sobre todo porque non ten nin pés nin cabeza, por suposto, mais o seu nome tan “comercial” tamén axuda. Algún nome haberá que buscar. Algún “Koncordium”, ou “Kulturódromo”, ou “Citanian” ou simplemente “CdC”... Gasten outros 100.000 euros na cousa do nome, que tampouco non se van notar moito. E lembren que se alguén lles vén co de Gaias, deben rexeitalo de contado. Para evitar perversas asociacións de ideas.

3.8/5 (25 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións