Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Teño unhas preguntas para vostede, señor Feijoo

09:48 09/03/2009

Voulle toma-la palabra, Sr. Feijóo. No seu primeiro discurso á nación, quero dicir, a Galicia, vostede se puxo a disposición de “todos” e así mesmo pediu a colaboración de “todos”. Supoño eu que se refería vostede a tódolos galegos non a tódolos medios, por exemplo, nin a tódolos seus xefes en Madrid. Así pois, entendéndome comprendido entre eses “todos” ós que aludiu vostede no seu primeiro discurso triunfal, velaquí a miña modesta colaboración.

Trátase dunha suxestión. Sería a de que explicase vostede a “todos” cal é o seu modelo de País. Comprenderá que non teñamos moi claro o que nos espera. Entenderá que durante a campaña vostede non deu moitas pistas. Así pois, insisto, a miña colaboración con vostede, xa que vostede ma pide, consiste no cuestionario seguinte. Verá que emula o programa da televisión no que os cidadáns lle preguntan ós políticos sobre as cuestións que consideran máis relevantes. O programa da tele vai en castelán pero, se non lle é moita molestia, eu fareille as preguntas en galego (espero que non o tome coma unha imposición; é que eu escribo en galego, sabe?) Ei-las preguntas:

Xa anunciou vostede que vai desideoloxiza-las galescolas e que as vai converter en garderías infantís (que son logo?). Sr. Feijóo: Realmente considera vostede posible transmitir ideoloxía a cativiños de un ou dous anos? Que lle molesta das galescolas: que sexan escolas ou que sexan galegas? A que se refire con que as vai desideoloxizar: que a partir de agora os xogos cos nenos faranse en castelán? Considera, xa que logo, o galego unha ideoloxía?

Continuando co galego, tamén anunciou que vai derroga-lo decreto do ensino para que os pais elixan a lingua vehicular da educación dos seus fillos. Sr. Feijóo: Tendo en conta que a lingua galega está en claro devalo na mocidade e, así pois, presenta un grave risco de desaparición progresiva, como pensa que vai sobrevivir se o ensino se fai principalmente en castelán? Non cre vostede que os galegos teñen a obriga e o dereito de coñece-las dúas linguas oficiais do País, así pois tamén o galego? Non considera vostede que o galego debe ter, cando menos, os mesmos dereitos có castelán? Non pensa vostede que, sendo o galego unha lingua feble, o goberno galego debe procura-la súa firme defensa e promoción? E tendo en conta onde estamos, vai vostede favorece-lo uso do galego na prensa, radio e televisión do País ou vai ser que tampouco? Sr. Feijóo: Non sabe vostede que a escola leva sendo dende hai séculos o principal elemento castelanizador da lingua en Galicia? Sr. Feijóo: Impórtalle a vostede a supervivencia e recuperación da nosa lingua?

Dada a vinculación entre idioma e cultura e vendo a súa feroz belixerancia contra a lingua, xurde outra preocupación. Sr. Feijóo: Cales son os seus plans para a cultura galega? Vai continua-los proxectos de modernización da nosa cultura ou pensa regresar ós tempos da arqueoloxía cultural fraguiana? Que lle parece, por exemplo, a Nova Danza Galega? Vai axudar a potencia-lo movemento vizoso  de música en galego dos últimos anos? E o audiovisual, pensa deixalo en mans do seu socio mediático ou vai permitir e potencia-la pluralidade actual? Vai continuar coa promoción exterior da literatura galega ou mellor non espallármola moito? Vai prosegui-la revalorización do patrimonio histórico e arquitectónico? Vai cancela-los Premios Nacionais da Cultura? Vai suspende-las seleccións galegas? Sr. Feijóo: Pensa que Galicia ten unha cultura de seu independente de calquera outra cultura? Cre que a esencia dun pobo reside na súa cultura e historia? De feito, Sr. Feijóo: Cre vostede no pobo e na cultura galegos?

Cambiando de asunto, tamén anunciou vostede a recuperación do proxecto piscícola de Touriñán, vivo exemplo de economía sostible, xaora! Sr. Feijóo: Cal cre vostede que debe se-la relación entre desenvolvemento económico e medioambiente? Non cre vostede que proxectos coma o de Touriñán representan un atentado contra o patrimonio natural? Pensa tamén permiti-la explotación da lousa no Courel? Non cre, ademais, que tales proxectos feren de morte outra das esencias do País, a súa paisaxe? Non cre que Galicia, precisamente polas súas condicións naturais, debe converterse nun referente da economía sostible, é dicir, absolutamente respectuosa cos valores ecolóxicos? E non se decata de que o futuro económico das zonas desenvolvidas do mundo reside no medioambiente?

Falando de paisaxe, Sr. Feijóo: Pensa vostede permitir de novo a construción na costa? Vai derrogar  vostede o decreto dos 500 metros tal como lle piden os empresarios do ladrillo e algúns dos seus alcaldes, precisamente os máis vinculados ó inmobiliario? Pensa vostede seguir fomentando a especulación na costa galega, o levantamento de moles, a construción de urbanizacións para quedaren baleiras a maior parte do ano? Sr. Feijóo: ten vostede algún plan para a rexeneración da costa galega? E para o chamado “feísmo” en xeral?

Sabe vostede que durante a última lexislatura o rural galego experimentou un principio de recuperación altamente esperanzador. Por primeira vez en décadas, conseguiuse a incorporación de xente nova ó rural galego con proxectos potencialmente rendibles e altamente ilusionantes. Sr. Feijóo: Cales son os seus programas de actuación para o rural galego? Pensa derrogar tamén o Banco de Terras? Vai promover novos proxectos de agricultura ecolóxica, de recuperación produtiva de cultivos, de profesionalización de produtos hortofroitícolas, de potenciación gandeira, de comercialización, ou polo contrario, vai recupera-la política dos gobernos anteriores do PP baseados no abandono das terras, no turismo rural indiscriminado, na plantación de eucaliptos e a explotación mineira? Sr. Feijóo: Como lle gustaría que fose o campo galego dentro de catro anos?

O rural e a paisaxe están unidos demasiadas veces á enerxía da que vostede só falou na campaña para critica-lo concurso eólico. Sr. Feijóo: Debemos entender logo que o seu goberno vai retoma-la estratexia anterior de conceder parques eólicos sen concurso nin contraprestacións para o País? Debemos supoñer que o seu goberno vai renunciar ó 14% dos beneficios que o concurso eólico garante para a administración pública galega? Cal das concesións vai vostede suspender, ou sexa, a que empresas galegas lles vai denega-la concesión? E cambiando de fonte de enerxía: Sr. Feijóo: Que pensa facer vostede coas concesións hidrolóxicas? Pensa vostede mante-la explotación actual dos nosos ríos? Pensa acaso incluso aumentala? Está entre os seus plans a recuperación da Fervenza do Ézaro? E a instalación dalgunha central nuclear en Galicia? Dígoo pola defensa da enerxía atómica que fai abertamente o seu partido.
Tamén mencionou vostede algunha vez de esguello que negociará adecuadamente o financiamento territorial. Sr. Feijóo: Como vai negociar vostede, ó estilo dos gobernos Fraga que conseguiron de media uns 500 millóns de euros anuais dos presupostos estatais ou ó estilo do último goberno que acadou 2.000 millóns en cada exercicio? E falando de cartos: Apoia vostede a proposta do Sr. Rajoy a prol dun cambio de lexislación que permita a unión de caixas de aforros de distintas comunidades autónomas? Posto doutra maneira, apoia vostede a posibilidade de que os principais axentes financeiros do País poidan pasar a mans de grupos non galegos?

Xa rematamos por hoxe. O Estatuto, Sr. Feijóo: Vai vostede permitir que Galicia descenda de categoría entre as comunidades autónomas españolas? Vai vostede permitir que Galicia non asuma a xerarquía institucional e o nivel competencial de Cataluña dentro do Estado? Vai asumir vostede, Sr. Feijóo, o carácter sucursalista de Galicia que propugnan os seus compañeiros de Madrid ou vai puxar por un maior autogoberno para o noso País?

Moitas grazas polas súas respostas.

4.52/5 (106 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións