Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Posicións e intereses

11:50 06/07/2009

Nos cursos de negociación, apréndese a diferencia-las “posicións” dos “intereses”, conceptos distintos que cómpre termos presente a fin de analiza-las intencións e obxectivos de cada un.

Nun proceso de negociación, enténdese por “posición” a proposta que cada parte presenta a fin de obter unha mellor situación negociadora. Normalmente, defínese unha “posición inicial” pública e outras dúas confidenciais que marcan os mínimos aceptables e os máximos que se entenden alcanzables. Por outra banda, os “intereses” determinan os obxectivos reais, cualitativos e cuantitativos, das partes negociadoras que se procuran sintetizar en cadansúa “posición”.

No interminable proceso de negociación entre administracións para deseñar un novo modelo de financiamento dos servizos transferidos ás comunidades autónomas (principalmente, xustiza, sanidade, atención social e educación), a “posición” da Xunta de Galicia vén sendo a de recibir o 7,1% do total da contía que o Estado destine ós fondos a través dos cales se artellará o devandito modelo. É unha posición lexítima, xaora, pero carente de sentido por moito que parta dun acordo do Parlamento. Quero dicir que a posición lóxica sería a de determina-la cifra que garantiría a cobertura dos servizos en condicións óptimas. En función da contía total dos fondos de financiamento autonómico, esa cifra necesaria para a prestación dos servizos en Galicia representará unha porcentaxe máis alta ou máis baixa. Entón un pensa que a tal “posición inicial” preséntase para gañar tempo na hipótese, abondo factible, de que o goberno galego aínda non sabe canto lle custan os servizos que presta nin como van evolucionar tales custos nos vindeiros catro anos. Velaí o seu “interese” de apraza-la negociación concreta.

Como é sabido, outro elemento constituinte da “posición” da Xunta de Galicia é a esixencia de ter en consideración a dispersión poboacional e a idade dos administrados, factores, por certo, que xa forman parte do modelo actual. Trátase, porén, dunha “posición” completamente coxa mentres non se definan, e ben houbo tempo para facelo, as diferenzas de custo na prestación de cada servizo que implican as distancias xeográficas entre unidades de poboación e os distintos tramos de idade da pirámide demográfica. Desta maneira, poderíase defini-lo peso de tales variables no conxunto do modelo. Endemáis, o goberno galego debería estar preocupado tamén porque eses factores que penalizan os custos dos servizos en Galicia sexan corrixidos, o cal só se poderá conseguir, permítanme insistir nesta idea que considero estratéxica, coa recuperación vizosa e urxente do campo galego. En fin, dá a impresión de que o “interese” do goberno galego volve ser, simplemente, o de gañar tempo.

Esta breve análise da situación actual da negociación sobre o modelo de financiamento autonómico salta polos aires cando un escoita o Sr. Feijóo tralo seu (moi televisado, por certo) paso pola “Real Villa e Corte”. O presidente da Xunta de Galicia volve sorprendernos unha vez máis (e non será a última) cando afirma, ante o abraio xeral, que o goberno de España quere salvar da crise a unhas comunidades autónomas antes cá outras. E entón e cando un se decata de que o “interese” do Sr. Feijóo volve ser (e tampouco non será a última vez) o desgaste do goberno Zapatero antes cá garantía dunha cobertura razoable dos servizos públicos en Galicia. Así que a miña recomendación para o Sr. Feijóo sería rotunda: esixa vostede directamente o mesmo para Galicia do que reciba Cataluña. A súa “posición” quedaría ben clariña e os seus “intereses” tamén.

4,53/5 (17 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións