Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

A grandes males

18:50 01/10/2008

...grandes remedios. Porque o máis grande dos remedios coñecidos ata hoxe vén sendo a xigadotación de 700.000 millóns de dólares proposta polo Tesouro norteamericano para atalla-la crise financeira que ameaza os petos de tódolos Tesouros do mundo mundial.

No momento de redactar esta colaboración*, o Congreso ianqui debate se aprobar ou non aproba-la petición do Tesouro. Aprobaraa, xaora!, non lles queda outra. Velaquí tres razóns poderosísimas:

Primeiro, porque os mercados financeiros internacionais seguen pechados, co cal non hai liquidez para a concesión de créditos e así pois para o financiamento da economía no seu conxunto. Está claro, crystal clear que din eles: ou se restablece o crédito ou habemus recesión, e das gordas.

Segundo, porque ata o de agora, a crise de confianza derivada, principalmente, dos excesos inmobiliarios e das extravagancias financeiras feitas cos activos derivados do ladrillo, deixou a súa pegada en entidades hipotecarias (Northern Bank e HBOS no Reino Unido, Freddy Mac e Fannie Mae nos Estados Unidos), en compañías asociadas en alta proporción ós riscos hipotecarios (AIG) ou en bancos de investimento (Bearn Stern, Merryl Lynch ou Lehman Brothers). A cousa é que se a situación persiste, algún banco comercial norteamericano podería ter problemas para cumprir algún dos seus vencementos de débeda, co cal o pánico “tipo 29” se podería espallar entre os aforradores e... en fin, para que darmos máis detalles?

E terceiro, porque de continua-la senda tan bruscamente descendente do valor dos activos e das cotizacións, algúns bancos norteamericanos serían presa doada para entidades foráneas, chinesas, sen irmos máis lonxe, pero tamén xaponesas ou mesmo árabes, os balances das cales presentan fondos abondosos e fresquiños dispostos a engulir a quen se poña a tiro.

Con tan poderosas razóns por diante, preguntaran vostedes a que veñen as dúbidas por parte dos eminentes congresistas e senadores ianquis. Pois, en principio, por dúas razóns segundo me dicta o meu modesto entender: unha, política, xa me entenden; a outra, por mínimos detalles a definir polo plan do Tesouro, detalles ínfimos tales como o prezo a pagar polos activos –chamarémolos–contaminados. Hai que ter en consideración que, nestes momentos, non hai mercado para tales activos (velaí o problema) e ninguén ten a máis remota idea do que poden valer hoxe, xa non digamos nun futuro. Así pois, se o Tesouro paga un prezo elevado, terá que solicitar máis fondos para mercalos co cal os cidadáns norteamericanos haberán soportar un meirande custo; e se paga un prezo reducido, os bancos con maior proporción deses activos no se balance e menores índices de solvencia poderían pasalas negras para sobrevivir mesmo trala actuación.

Así pois, nos vindeiros meses, o Tesouro norteamericano vai aplicar ata 700.000 millóns de dólares (unha animalada, para nos entender) para mercar activos sospeitosos –chamarémolos desta vez. Ou sexa, que a débeda pública norteamericana se verá incrementada nesa contía (despois matizable en función do valor de mercado que acaden os activos nun futuro). Algo así terá consecuencias como calquera poderá imaxinar. Estes serán algúns deses efectos:
-Os tipos de xuro norteamericanos subirán ante unha maior demanda de fondos.

-O dólar baixará ante unha maior febleza do Tesouro que lle dá cobertura

-O petróleo subirá se o dólar baixa

-A inflación tamén subirá por efecto da perda de valor da moeda o que suporá maior presión para os tipos de xuro

-As empresas e as familias terán máis difícil acceso ó financiamento pois unha parte dos fondos dispoñíbeis haberá que dedicalos ó programa de rescate

En resumidas contas: moi malas novas para unha economía con serios problemas de actividade e importantes desaxustes estruturais. E sen embargo, o paquete do Tesouro resulta incuestionable, o último remedio para evita-lo cataclismo financeiro da meirande economía do planeta.

Estaba eu nestas cando así, medio de esguello, escoito a noticia de que os famentos do mundo aumentaron en 200 millóns de persoas no último ano. En total, son xa 1.200 millóns de seres humanos que pasan fame cada día, moitos deles que morren de fame. E entón lembro de novo a frase que principia este artigo e deduzo que isto da fame non debe ser un “gran mal” porque ninguén lle aplica un “gran remedio”. Crystal clear, que din eles.

*26 de setembro

4.29/5 (17 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións