Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Organização (Territorial)

10:20 29/12/2008

Coñecerán o chiste do portugués que se laiaba ó berro de “Organizaçao” porque na orxía á que, tras moitas dúbidas acudira, xa recibira tres cornadas e aínda non tocara forma de femia ningunha. O chiste así, edulcorado, carece do aquel da versión orixinal, pero vale para introducir un asunto capital que require diso mesmo: d’Organizaçao (e de coraxe político, como veremos).

Quizais sexa a Organización Territorial a materia pendente de máis transcendencia que ten Galicia entre as moitas que aínda figura no debe da súa configuración nacional.

Por Organización Territorial débese entender a estrutura interna da que se dota un territorio para a eficiente administración dos seus cidadáns e da súa actividade. As competencias de Organización Territorial residen, actualmente, na Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza á fronte da cal está José Luis Méndez Romeu. Cómpre diferenciala da outra OT, a chamada Ordenación Territorial a través da que se xestionan os usos de cada espazo diferenciado. As competencias de Ordenación corresponden á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte cuxa titular é, como sabemos, María José Caride.

Cando se fala de competencias, convén matizar xa que todas elas parten do propio condicionante da Constitución Española, que no seu artigo 137 estipula que “El Estado se organiza territorialmente en municipios, en provincias y en las Comunidades Autónomas que se constituyan”. Tal artigo instaura un equilibrio insostible entre unha estrutura obsoleta e ineficiente, procedente dun Estado centralista e dunha configuración decimonónica (cualificativo nunca mellor empregado) baseada na provincia, e unha configuración actual con vocación de autogoberno e desenvolvemento endóxeno sustentada nas comunidades autónomas.

A continuidade das deputacións provinciais e a pervivencia de municipios inviables acentúa ata cotas insoportábeis a incoherencia do modelo. A administración pública en Galicia (mimética da española segundo a lexislación actual) amosa un excedente institucional que se xustifica unicamente sobre o mantemento de estruturas arcaicas propias doutro réxime e que restrinxe dun xeito decisivo as capacidades de xestión autónoma. O modelo só pode funcionar sobre a base do clientelismo e da subsidiación, tal é a dependencia por parte dos concellos e deputacións das transferencias do Estado e das Comunidades Autónomas. 

Lembremos algúns datos para reforzar as teses anteriores: Galicia ten 315 concellos, dos cales dous de cada tres contan con menos de 5.000 habitantes. Dende 1950, a poboación española medrou un 64% por un 7% de crecemento demográfico en Galicia. Nese período, só 80 concellos galegos aumentaron poboación. En moitos dos concellos do interior, a recesión demográfica sobordou o 40% de perda de habitantes. A gran maioría de municipios galegos non conseguen xerar de seu nin sequera o 50% dos ingresos que precisan para cubrir os seus orzamentos anuais.

Por riba destas cifras abondo significativas, as provincias carecen de toda xustificación social e económica e amósanse incapaces para inverter a dinámica regresiva daquelas cun menor grao de dinamismo. De feito, as deputacións revélanse coma un axente máis da vaga de clientelismo e mesmo nepotismo que cubre tanto as actividades cotiás dos concellos coma unha posíbel planificación cara ó seu desenvolvemento futuro.

Ante unha realidade como a descrita, os gobernos do Partido Popular deseñaron un mapa comarcal que quedou nunha representación cartográfica e na construción duns centros comarcais auténticos monumentos á inutilidade e o dispendio. O goberno actual desmontou, máis que xustificadamente, esa monumental rede de inoperancia, pero non conseguiu dar un paso, sequera mínimo, no camiño da racionalización do modelo. O único que se fixo nestes catro anos foi lanzar na prensa un debate politizado e partidista, no que se manifestou unha vez máis a falta de cohesión entre uns entes (os concellos e as deputacións) e outros (a comunidade autónoma); así mesmo, o conselleiro do ramo presentou, que eu teña controlados, dous estudos sobre a materia, os cales temo que pouco van a achegar. De feito, no último presentado hai a penas uns días, propúñase a eliminación de 35 concellos como medida estelar.
As Consellarías galegas do PSOE, se así se poden cualificar, deron mostras durante estes catro anos, dun continuísmo decepcionante e dunha fobia escénica contra calquera medida que puidese xerar a máis mínima polémica. A longa listaxe de exemplos que poderían ilustrar esta realidade, bastante obvia por outra parte, está encabezada pola falta de avance na Organización Territorial de Galicia. Nada se fixo para reforzar a capacidade de mobilización de recursos e de coordinación de servizos en torno ás principais urbes de Galicia, nada para artellar unhas bisbarras ou comarcas que, superando os caducos límites provinciais e as inmobilistas fronteiras municipais, permitisen xerar políticas activas de reconstrución social, nada para coaligar os infraconcellos que atrofian a administración e empecen calquera estratexia territorial, nada, en fin, por transformar unha estrutura que conserva os tics e os patetismos de antigos sistemas políticos.

Como sorprendente corolario desta situación, o goberno Zapatero lanza un novo programa de investimento público anti-crise de 8.000 millóns de euros a canalizar dende os Concellos. E entón é cando un pensa que, ademais de organización e coraxe, fai falta unha boa dose de cabeciña.

4,22/5 (27 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións