Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Tempo de oportunidades

13:07 05/11/2007

Sabido é que “a río revolto, ganancia de mariñeiros”. Entendo que a frase dá por suposta a pericia deses mariñeiros que tiran proveito das marusías. Se cadra. O caso é que Galicia, malia a predición do refrán, nunca deu mostras de saber aproveitar as etapas de historia normalmente embarulladas que ofrecen oportunidades sobranceiras. Fiquemos atentos porque, ou moito me equivoco, ou estamos a piques de enfrontar un deses momentos históricos.

E non me refiro á situación política; cando menos, non me refiro á visible situación política que, en efecto, anda ben revolta co tirapuxa de Ibarretxe e, sobre todo, trala sentenza do 11-M, que a algúns non lles abondan tres anos para aprender a respectar os mortos.

Refírome á economía (“a economía, estúpido” que diría JFK), que tamén anda un anaco alterada. Alén da crise inmobiliaria, presente por fin tras lustros de ameaza, dos problemas de liquidez nos mercados interbancarios e das previsións de ralentización económica na Unión Europea, albíscanse síntomas claros de transformación que poden facer mudar as posicións competitivas das distintas rexións. Varias son as forzas motrices dese proceso que vai condenar uns países á penitencia do retroceso e premiar outros co trofeo do progreso.

A innovación: o novo paradigma
O primeiro gran elemento de cambio vén sendo a ruptura do equilibrio actual segundo o cal Estados Unidos adoitaba marcar a liña a seguir nos distintos sectores económicos. A irrupción dos chamados países BRIC vai desafiar ese longo liderado ata facelo chimpar polos aires en poucos anos. Brasil dispón de inxentes recursos naturais, Rusia de enormes bolsas de enerxía, India dunha extraordinaria capacidade tecnolóxica e China dun potencial produtivo industrial sen límites.

O posicionamento das grandes potencias dentro da actual economía globalizada só deixa un oco moi determinado a Europa: a innovación. E sen embargo, Europa amosa fortes debilidades no eido do I+D dentro do contexto mundial. España, pola súa parte, presenta unha posición especialmente feble no ámbito europeo, mentres que Galicia sitúase nun lugar desfavorable en termos comparativos dentro do Estado.

De onde xorde, por tanto, a suposta oportunidade do I+D? Pois do propio feito competitivo. En anteriores etapas, as infraestruturas, a xeolocalización, os recursos financeiros e o tamaño das empresas resultaban factores esenciais para acadar unha posición competitiva axeitada, de maneira que as economías en inferioridade de condicións ao respecto deses elementos, estaban condenadas ao estrangulamento produtivo. Eis o exemplo de Galicia.

O paradigma da innovación reduce notablemente o peso dos factores tradicionais e introduce unha nova xeira de elementos a considerar. Xaora que os recursos financeiros seguen a ser importantes e que a maior tamaño das empresas, meirande será tamén o potencial innovador. Pero sendo estes factores relevantes, xa non resultan imprescindibles.

A capacidade de innovación dun país mídese polo acerto dos proxectos promovidos, pola integración de talentos, pola participación en correntes investigadores de éxito, pola eficaz transferencia das innovacións ao tecido produtivo, pola aplicación das técnicas de creatividade acertadas (o pensamento lateral estase a revelar unha fonte sublíñante) e, sobre todo, polo ambiente de fomento da innovación nos tres piares básicos: a empresa, a administración e a universidade.

O bastión da enerxía
Galicia pode provocar unha auténtica catarse da súa economía sobre o camiño da innovación se consegue aplicar as claves que definirán os escenarios de éxito fronte a aqueles outros de fracaso. Un campo de importancia crítica será a innovación en materia enerxética. Non me deterei neste terreo pois xa expresei o meu punto de vista nunha colaboración de hai pouco: “O día no que parou o mundo”.

Si coido necesario insistir na emerxente “economía do hidróxeno”. Algúns países xa se decataron das inmensas posibilidades que propicia o hidróxeno, tanto na súa faceta de “colleita” de enerxía a partir de calquera proceso que a libere, como da almacenaxe desa enerxía recollida e da súa aplicación en calquera sector de actividade. O hidróxeno vai supoñer unha descomunal revolución económica.

Este é un dos trens que Galicia no pode perder. Deberiamos ter nestes momentos 100 investigadores traballando no hidróxeno e unha previsión de 500 en tres anos, por poñer un prazo. Polas miñas pescudas, coido que apenas hai dous pequenos equipos de investigadores traballando en proxectos sen unha clara vocación de rendibilidade. Velaquí un dos campos que van marcar a separación entre progreso e retroceso.

Sen deixarmos o terreo da Enerxía, resulta innecesario lembrar o papel clave de Galicia na produción de enerxía eléctrica a partir de fontes como o carbón (pronto o ciclo combinado), as correntes hídricas ou os aeroxeradores. En todos os casos, o impacto medioambiental implica un custo enorme que nunca se taxou nin cobrou. O Goberno galego leva amagando coa aplicación dun canon que, na miña opinión, non suporía máis ca unha nova partida de ingresos públicos de aplicación incerta ou, cando menos, sen garantía de repercusión no progreso do país.

Galicia debe esixir o que lle corresponde. As compañías eléctricas levan décadas tirando proveito da xenerosidade desta Terra a cambio de mínimas contrapartidas e, paradoxalmente, levan reducindo o peso do emprego galego (ou sexa, en Galicia) nas súas plantillas.

O Goberno galego debe requirir das compañías eléctricas o compromiso de investimentos en I+D na mesma proporción que supón a enerxía que extraen de Galicia. Se obteñen o 25% da súa enerxía neste país, un de cada catro empregos especializados deben destinarse a proxectos localizados en Galicia; se é o 50% a proporción da enerxía obtida, haberá ser un emprego de cada dous. Isto é o xusto, o que elimina a relación subsidiaria de Galicia coas compañías eléctricas normalmente con sede en Madrid que explotan o medio galego en beneficio dos seus clientes residentes noutras Comunidades Autónomas.

Outros elementos de cambio
Os puntos analizados nos parágrafos anteriores teñen un impacto indirecto no agro. A crecente presión enerxética está contribuíndo a desestabilizar o equilibrio, sempre inestable, entre oferta e demanda sobre determinados produtos agrícolas. A globalización destes produtos e a previsible relaxación da Política Agraria Común traerá novas oportunidades para o campo galego que se verán confirmadas pola tendencia, xa manifesta nos mercados, de elevación dos prezos e o consecuente incremento na rendibilidade das explotacións.

A perda de actividade agraria e a emigración no rural, que se asumiu como natural durante decenios en contra do que estaba a ocorrer noutros países europeos máis desenvolvidos, representa un dos principais traumas socioeconómicos de Galicia. O aproveitamento do escenario que se acaba de esbozar e os proxectos dunha Consellería de Medio Rural que está a tornarse nunha das principais revelacións do Bipartito, supón outra das sobranceiras razóns para o gran cambio a producirse nas bisbarras do interior.
Agora ben, para que este cúmulo de oportunidades teña opcións de realización, fai falta a concorrencia dos tres elementos básicos coñecidos: capital, solo e traballo. Respecto do primeiro, coido que nunca na historia de Galicia, o país ten a capacidade financeira de hoxe. De feito, estamos vendo como grandes capitais galegos terminan investidos en edificios da Castellana ou en accións bancarias. Aínda que os grandes proxectos deben vir, en boa parte, de compañías foráneas, hai capital galego para acompañar os investimentos e garantir a súa estabilidade dentro da nosa economía.

Pola banda do solo industrial, é palpable o esforzo do Goberno actual pola apertura de parques empresariais en localizacións razoables. Sen embargo, corremos o risco de desbotar a gran oportunidade que supón a Mina do Tesouro en As Pontes, un espazo singular que cumpre os requisitos para atraer importantes compañías a partir dun deseño de parque industrial posiblemente único en España dada a superficie dispoñible e a localización do lugar. O deseño dunha “cidade” de vangarda na mina esgotada de ENDESA en As Pontes podería constituír unha oferta extraordinaria a presentar en calquera feira internacional empresarial ou ante multinacionais de distintos sectores, tal como se detalla no artigo “O lago das pontes” de recente publicación en Vieiros.

Respecto do terceiro dos factores tradicionais, a emigración de traballadores galegos cualificados nos últimos anos podería virar nun importante elemento competitivo. Segundo unhas rápidas contas, nas grandes cidades do Estado poderían residir ata 50.000 galegos titulados menores de 40 anos, dos cales unha elevada porcentaxe degoiran volver; se non retornan, é por falta de ocasión. Cómpre facer un censo de traballadores galegos “no exilio” dispostos a volver á súa Terra para dirixir, agora que teñen experiencia probada, os centos de proxectos que podemos promover ou captar no inmediato futuro.

Deixamos a política de remate. Porque para terminar de redondear este círculo esperanzador de factores, temos un Goberno que empeza a tomar pulso ao país tras dous anos de indecisión e unhas lexislativas estatais en marzo que poden facer do voto en clave galega (ou sexa, o voto do BNG) unha das chaves para poder gobernar España. Daquela si teríamos encetado un tempo de oportunidades.

3.55/5 (11 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións