Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Touriño e o Instituto de Crédito Galego

13:19 25/11/2008

En efecto, xa está, o Mundo, en recesión. Os gobernos, do Mundo,  toman medida tras medida mentres a economía continúa o seu imparable devalo. As institucións financeiras, do Mundo, manifestan as súas dificultades para acceder ós mercados. As empresas e os cidadáns, do Mundo, sofren as restricións do crédito. E nós, en Galicia, debatemos sobre a conveniencia de crearmos un Instituto Galego de Crédito. Ten o debate algún sentido?

A primeira reacción do presidente Touriño ante a proposta do Vicepresidente para crear un Instituto Galego de Crédito foi cualifica-lo proxecto de “autárquico”. Despois, cando lle informaron que a proposta ía no programa electoral do PSdeG, afirmou que non había contradición entre as dúas forzas do Goberno galego. Máis tarde, valorou a iniciativa como “fórmula superada”. Posteriormente, amosou o seu apoio ó reforzo do ICO anunciado por Solbes para 2009. E finalmente (polo de agora), sentenciou o proxecto galego aliñándose co propio presidente do ICO español (convidado especialmente a Santiago para a ocasión) quen ousou afirmar que “as autonomías cun instituto de crédito non colaboran ben co ente estatal”. Este señor, chegado de Madrid ó auxilio do presidente galego, referíase a Catalunya e Valencia.

A reacción de Pérez Touriño ante a proposta de creación dun Instituto de Crédito Galego lembroume aqueloutra ocasión, hai pouco, na que cualificou de “ruínas” as liñas ferroviarias non afectadas polo AVE cuxa xestión reclamaba o BNG. Daquela, o presidente Touriño semellaba ignora-la necesidade de compatibiliza-las liñas de alta velocidade e velocidade alta (o que, falando de trens, non é a mesma cousa) dos desprazamentos longos e de media distancia con aqueloutros traxectos de distancias curtas e de proximidade. Claro que, de ser certa tal suposición, sería moita ignorancia para un presidente de goberno‚Ķ Ultimamente, o presidente Touriño está a amosar unha actitude refractaria ante as críticas e, inda peor, ante as propostas das organizacións con vontade de transformación. Pode ser falta de convición, falta de ideas alternativas, falta de confianza no seu equipo ou, simplemente, esgotamento ante o final de lexislatura. Haber, pode haber moitas razóns, pero o caso é que Pérez Touriño anda moi desacertado. Porque, volvendo ó caso a tratar neste artigo, o proxecto para crear un Instituto de Crédito Galego xustifícase, hoxe máis ca nunca, dende distintos puntos de vista.

En primeiro lugar, xustifícase pola necesidade dos gobernos de concentrárense nas políticas de promoción económica nun contexto de recesión. Ante a falta de actividade, por unha banda, e a falta de competencia en materia monetaria e fiscal, por outra, os gobernos locais han centrarse no exercicio de políticas industriais, de fomento empresarial, de operacións corporativas, de racionalización de estruturas produtivas e de captación de proxectos de investimento. Estas políticas desenvolveranse con maior garantía de éxito, notablemente, se veñen acompañadas dos programas financeiros precisos para levalas a cabo. Por suposto, por moito que afirme o Sr. Touriño, o IGAPE non ten percorrido nin capacidades para xogar este papel. 

En segundo lugar, o Instituto de Crédito Galego xustifícase polas dificultades do sistema financeiro para liberaren recursos, ou sexa, para conceder financiamento, tralas apostas de moitas entidades polas actividades dos mercados puramente financeiros e que hoxe pasan polas dificultades coñecidas. Así pois, as economías territoriais apreciarán dunha maneira moi favorable o feito de dispoñer dun instrumento de financiamento capaz de mobilizar fondos públicos e captar recursos dende a súa posición de carácter oficial.

En terceiro lugar, un Instituto de Crédito Galego garantiría que as empresas galegas e proxectos de investimento en Galicia non sufran discriminación financeira, a cal se producirá moi probablemente tendo en conta que as principais fontes de apoio empresarial non están territorializadas. Así, por exemplo, o Instituto de Crédito Oficial español vai dispoñer de 44.000 millóns de euros para financiamento empresarial en 2009. Resulta doado de imaxinar que o groso desa contía centrarase en grandes empresas españolas, a maioría localizadas en Madrid e, en menor medida, en Cataluña ou Euzkadi. Fácil é tamén de matinar que o tecido de pequenas e medianas empresas, cun peso en Galicia maior que noutras Comunidades Autónomas, non vai se-lo principal beneficiario dos programas de financiamento do ICO. Un Instituto de Crédito Galego é, xa que logo, tamén unha cuestión de competitividade fronte a outros territorios.

E en cuarto lugar, un Instituto de Crédito Galego representaría tamén unha aposta pola operatividade e a eficiencia, ó poder xuntar nunha soa organización o labor que están a desempeñar, mesmo de maneira insuficiente como se está a expoñer, outras organizacións autonómicas de ámbito financeiro (IGAPE, INESGA ou Xesgalicia, por exemplo), de maior ou menor dinamismo hoxe en día.

Hai motivos abondos que xustifican, cando menos, o estudo para crear un Instituto de Crédito Galego. O presidente Touriño pensa, sen embargo, que o proxecto é “autárquico” e supón unha “fórmula superada”, inda que apoia a potenciación anunciada do ICO español. Seica o problema está no modelo: hai que confía nas forzas do país e mantén un proxecto transformador baseado nos instrumentos propios e hai quen prefire continuar coas políticas de curto alcance exercidas dende a subordinación ós poderes centrais.

4.48/5 (33 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións