Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Apartheid na vella Europa

11:20 08/07/2008

Europa está a ser nas últimas semanas unha rica fonte de noticias: Irlanda rexeita a implantación no seu territorio do Tratado de Lisboa, o Parlamento europeo regula o tratamento ós inmigrantes e a xornada laboral, España gaña a Eurocopa e o Banco Central Europeo sobe os tipos oficiais de xuro. Novas de todo gusto e natureza ilustrando a frenética actividade que desenvolve este vello continente.

Un rápido cuestionario para o amable lector desta sección: Coñece vostede a distribución de funcións entre o Consello de Europa e a Comisión Europea? Sabería dicir se a sede do Parlamento Europeo reside en Bruxelas ou en Estrasburgo? Ten idea do que se discirne no Tribunal de Luxemburgo? Que competencias outrora estatais están transferidas ó ámbito europeo? Que fai ese tal Míster Pec? De que vai a PAC? Temos exército en Europa? Cantos membros pertencen á Unión Europea? E a Unión Económica e Monetaria? Que tenta regula-lo Tratado de Lisboa? Están en vigor os Tratados de Amsterdam ou de Niza? Que opinión lle merece o actual Presidente da Comisión Europea?

Certo que España gañou a Eurocopa. Certo que puidemos ve-lo campionato en Eurosport. Certo que puidemos ir ata Viena con Europcar, e que aló poderiamos ter pagado en Euros ou mesmo coas tarxetas Euro 6000. Que en semifinais se lle gañou a Rusia pero Rusia xa gañara Eurovisión. E que algúns o foron celebrar a Eurodisney. E que a algúns rusos os persigue a Europol, e que invisten en Eurobonos e ven a Euronews. Rusia, que tamén é Europa pero non pertence á Unión.

Así todo debemos recoñecelo. Os europeos debemos recoñece-lo noso descoñecemento verbo das institucións europeas, verbo da súa administración e burocracia, verbo da súa normativa e organigrama. Os europeos temos un sentido patrimonial de Europa. Somos europeos porque pertencemos á cultura dos países con cultura, á civilización das sociedades civilizadas. Somos europeos porque temos historia, e tradicións, e formación sociocultural, e principios éticos, e respecto legal. Somos europeos, sobre todo, porque somos demócratas e aprendemos a vivir en paz e liberdade. Somos europeos, ademais, porque exercémo-la solidaridade cos países e grupos “menos favorecidos”, porque o noso fin último é o benestar do ser humano.

Ata hai pouco, a distancia aberta entre os europeos e as súas institucións medíase polo grao de descoñecemento xeral do proceso de integración. Ultimamente, esa distancia estase a ampliar de maneira importante. Os europeos non entendémo-las decisións das autoridades comunitarias e, o que tal vez sexa aínda peor, non sabémo-lo que facer para corrixi-la corrente actual. E aínda se sorprenden do rexeitamento irlandés!

Malia a ratificación española conseguida “daquela maneira”, os europeos rexeitámo-la Constitución Europea porque non sabemos para que precisamos unha constitución de rango europeo e porque sospeitamos do seu contido e mesmo da súa aplicación. Noutras palabras: non sabemos o que tal van facer con ela os políticos e técnicos (cóntanse por milleiros) de Bruxelas, e de Estrasburgo, e de Luxemburgo e de Frankfurt. Os europeos estamos orgullosos de pertencer ó cacho do planeta onde se come a diario, onde vestimos ó noso gusto, onde vivimos en paz, onde a cultura ten un recanto nos xornais, onde o progreso se nota dentro e fóra dos fogares, e onde moitos ata aforramos uns cartos. A Unión Europea é unha garantía de futuro pero tamén un risco de perda de autonomía. E coma sempre, o equilibrio está complicado de atopar.

Por iso, cada consulta popular sobre Europa estase a converter nun referendum de autodeterminación. Irlanda dixo non ó Tratado de Lisboa porque prefire preserva-lo irlandés antes de aventurarse en maiores cotas de europeidade. Sobre todo, antes de aventurarse en maiores cotas de europeidade sen saberen o que tal van trae-las novidades que chegan de Bruxelas. O que semella pouco “europeo”, ou sexa, pouco democrático, é ignoraren a resposta do cidadán e empeñarse en continua-lo proceso de ratificación dunha Constitución á que agora se quere chamar Tratado. Expliquen primeiro cara a onde vamos, por qué é preciso cambia-las normas do xogo, consulten despois os europeos e, ó cabo, respecten o ditame das urnas.

Mais se a cousa segue polos vieiros dos últimos meses, temo que os cidadáns preferirán da-las costas á “nova Europa”. Cando menos, á Europa dos Sarkozys e Berlusconis. A Europa das 65 horas semanais, do banco central integrista e dos campos de concentración para inmigrantes.

Europa propón a xornada laboral de 65 horas disque para flexibiliza-lo mercado de traballo. Seica hai sectores, empresas e traballadores con esa xornada, continua ou esporadicamente. Digo eu que a cousa sería regula-la planificación laboral en períodos máis longos de maneira que se algún traballador debe estar ocupado 65 horas nalgunha semana, poida compensalo con outras semanas de menor actividade. Alonga-la xornada laboral supón dar instrumentos á parte máis forte da relación profesional. Porque tódolos traballadores sabemos, igual que o saben os empresarios, que tal relación amosa unha clara asimetría dende o momento no que a demanda de traballo supera á oferta. Por iso, as 65 horas semanais non son máis ca outra concesión ós liberais, ó capitalismo radical. Por iso, as 65 horas non son máis ca a importación a Europa das “prácticas do Terceiro Mundo”.

E o Banco Central Europeo sobe os tipos de xuro. Si, claro!, o seu obxectivo e conte-la inflación, inda que lonxe quedou a quimera do 2%. Mais a contención da inflación enténdese un obxectivo instrumental a prol doutro obxectivo final cal é o crecemento sostíbel. Suponse que unha inflación controlada é o requirimento esencial cara ó crecemento económico equilibrado. Por iso se procura reduci-la inflación con alzas do tipo de xuro. Un tipo máis elevado controla o consumo e o crédito. Porén, a situación de crise está xa a conte-lo consumo e o crédito. A inflación actual débese a razóns que en nada teñen que ver con esoutras variables. Mentres se manteña a presión dos prezos do petróleo e os alimentos, a inflación ten que ser un obxectivo secundario. O primario é evita-la especulación sobre os recursos de primeira necesidade, algo no que as institucións europeas non parecen tomar acción ningunha.

O Parlamento Europeo tomou outras medidas contra a crise: crear campos de detención para os inmigrantes. Ata dezaoito meses poden estar recluídos sen máis acusación que a de ter entrado na Unión Europea. A Europa da democracia, da liberdade, da paz e da solidaridade. A Europa do respecto á legalidade e ós dereitos humanos. A Europa da cultura e dos valores éticos. Mándame o meu tío Luís unha cita (Keynes, 1930) a propósito desta ignominia. Di así:

“...non está lonxe o día no que todo o mundo sexa rico. Pero, coidado!, ata que chegue ese día, polo menos durante cen anos, haberemos simular que o fermoso é sucio e o sucio fermoso; porque o sucio é útil e o fermoso non o é. A avaricia, a usura e a desconfianza deben se-los nosos deuses inda por un pouco máis de tempo.” E engade o tío Luis: “temos diante 22 anos de avaricia, usura e desconfianza”.

Posiblemente o feito de ser europeo facilitou que os galegos gocemos dun status propio dos países máis favorecidos. Os galegos tamén somos Europa, xaora, coas súas vantaxes e os seus inconvenientes. Sementando, porén, avaricia, usura e desconfianza, arríscase a integración que principiou alá polo 1957. Sementando avaricia, usura e desconfianza, os galegos sentirémonos menos Europa. Coma os irlandeses.

4.11/5 (18 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións