Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Economía e lingua

19:15 04/05/2010

O Consello da Cultura Galega vén de convocar o que chamou "Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia". Sintetizando o traballo feito para a participación no encontro, velaquí esta colaboración que podería servir como base para unha análise máis profunda da importante -e descoñecida- relación entre economía e lingua.

O primeiro a subliñar é que tal relación non foi obxecto, ate o momento, dunha investigación acaída. Un dos economistas preocupados pola conexión entre ambas realidades, o profesor suízo François Grin, amosou no Seminario do CCG diversos exemplos que ilustran a factibilidade de manter a diversidade lingüística no actual contexto económico e tecnolóxico. Certo é que a multiplicación das relacións internacionais engade valor e favorece o crecemento de linguas de cobertura universal, mais tamén se constata que o aumento da intensidade comunicadora traído polas novas tecnoloxías igualmente favorece o uso dalgunhas linguas minoritarias, feito do cal Galicia representa un bo exemplo.

Outro aspecto subliñado polo economista centroeuropeo foi o baixo custo para o erario público dunha política a prol do multilingüismo, ademais de que a dedicación de recursos a prol dun idioma non implica un prexuízo para ningún axente social. Fronte á escasa dedicación de recursos precisos para a defensa dun idioma minoritario, hai indicios que sinalan a xeración de beneficios relevantes. Por exemplo, sería do máximo interese comprobar a probable correlación entre o uso da lingua propia e a diferenciación dunha oferta. Exemplos como a compañía galega de telecomunicacións R, o grupo cooperativo vasco Mondragón e a maioría das empresas catalás, evidencian o espírito de xestión dinámico e innovador nestas organizacións onde se emprega o idioma autóctono nos procesos e comunicacións: trátase dunha circunstancia casual ou hai unha influencia entre ámbolos feitos?

Outros elementos a considerar á fin de estimar o valor económico da diversidade lingüística serían o seu efecto multiplicador no sector cultural, que chega a acadar o 5% do PIB nas economías desenvolvidas, ou o potencial de intercomunicación internacional dalgunhas linguas minoritarias, tal como é o caso da lingua galega respecto a países lusófonos. Podería así mesmo contemplarse o idioma propio como unha "barreira á entrada" para competidores externos, que haberían afrontar o custo de introducir a lingua autóctona dun territorio no proceso de fabricación e comercialización para competir en igualdade de condicións coas compañías locais.

Se acudimos a un típico modelo económico de oferta e demanda, entendendo por demanda da lingua o seu emprego cotiá e por oferta a dispoñibilidade de formación, información, sinalización, xestións correntes, etc., poderíamos obter como "prezo dunha lingua" o custo (aprendizaxe, facilidade práctica, limitacións psico-sociolóxicas...) do seu emprego. Un modelo baseado en tales variables concluiría, moi posiblemente, con que un aumento da oferta lingüística reduciría o custos de utilización dos idiomas minoritarios como paso previo a gañar ou recuperar falantes.

Se nos centramos no universo das empresas, os recursos precisos para introducir unha comunicación multilingüe atinxirían áreas de comunicación pública, os contactos multicanal cos clientes, a comunicación interior, o merchandising e mesmo a produción (etiquetaxe) e a informática. O proceso non é banal.

Resulta, xa que logo, crucial identificar os posibles beneficios dunha estratexia multilingüe para a empresa. En primeiro lugar, velaí os consumidores do mercado interior para os cales o emprego do idioma propio emite un sinal de afinidade entre a marca e o seu demandante. Fronte aos consumidores externos, o idioma engade un elemento de autenticidade que mesmo xustifica un prezo maior. O consumidor externo nos mercados desenvolvidos valora a orixinalidade dos produtos, calidade que se ve reforzada polo uso da lingua propia. Un exemplo: se unha peza de cerámica está rotulada na lingua orixinaria do país onde se produce (eis Sargadelos), xustifícase o incremento de prezo por ese plus de autenticidade que se alegaba.

Por último, as linguas minoritarias implican un carimbo de diferenciación de indubidable valor no mercado, en especial nas economías desenvolvidas onde o factor competitivo do custo sempre xoga a prol dos produtores emerxentes.

Ata aquí, posibles liñas de investigación das relacións entre economía e lingua e que semellan de grande interese tanto científico como práctico mesmo sabendo, como sabemos, que hai gobernos negacionistas que esmagan calquera síntoma de estudo e coñecemento que se opoña aos seus fins de natureza exclusivamente política.

4,23/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións